
Don Mattrick, director da división de entretemento de Microsoft, anunciou que abandonará a compañía de Redmond e o vindeiro 8 de xullo incorporaráse como CEO de Zynga, compañía especializada en xogos nas redes sociais. Un movemento canto menos misterioso, se temos en conta que faltan menos de 5 meses para a saída ao mercado da Xbox One. Aínda non se revelaron oficialmente baixo que condicións abandonou a firma da Xbox.
“Unínme a Zynga porque creo que a visión pioneira de Mark (Pincus, fundador da compañía) e a misión de conectar ao mundo cos videoxogos só acaba de comezar. Zynga e unha compañía que aínda non acadou todo o seu potencial. Estou orgulloso de traballar con Mark para crear xogos sociais de alta calidade e divertidos para calquera que os queira xogar.”
Nun correo electrónico interno enviado por Steve Ballmer, CEO de Microsoft, compartido a través das canles oficiais da compañía, confirmou que aínda non teñen un substituto e polo momento, será o propio Ballmer quen dirixa a división de entretemento. No correo electrónico, Ballmer engadía: “Ésta é unha grande oportunidade para Don e deséxolle éxito.” “Estou incríblemente orgulloso do traballo e a visión que culminou na Xbox One. Estou particularmente emocionado por como mellora a Xbox os nosos dispositivos e servizos ao reunir o mellor de Microsoft.”
Despois do “fracaso” de Microsoft na presentación da Xbox One e o cambio nas políticas que tiñan previstas, son moitas as voces que consideran que máis que unha renuncia, pode ser que dende a compañía lle “convidaran” a abandonala. Outras voces apuntan na dirección contraria e din que, vendo o máis que probable fracaso da nova videoconsola, o propio Mattrick preferiu abandonar o barco antes de que afunda.