sony-playstation-now
Tal como anunciou Andrew House durante a presentación de Sony na feira de electrónica de consumo CES que se está a celebrar en Las Vegas, o novo servizo PlayStation Now permitirá desfrutar dos títulos da PlayStation 3 e PlayStation 2 en numerosos dispositivos de Sony, como smatrphones e tablets Sony Xperia, SmartTV’s Sony Bravia, PS Vita e PlayStation 4 e, en certos casos, nalgúns dispositivos con conexión a Internet doutras marcas.

O lanzamento está previsto para o vindeiro verán, pero este mesmo xaneiro lanzarán unha versión de proba. Polo de agora, só estará dispoñible nos Estados Unidos e non hai data de lanzamento prevista en Europa.

Segundo o anuncio, este novo servizo permitiranos, por exemplo, pausar o xogo nun dispositivo no salón para seguir xogando noutro na nosa habitación.

Polo de agora non se coñecen nin as tarifas que terá o servizo, nin como se controlará o xogo nestes novos dispositivos.

Despois de anunciar que a PlayStation 4 non sería compatible cos mandos DualShock 3, Sony acaba de anunciar que cunha actualización do firmware dos seus smartphones Xperia será posible xogar nestes teléfonos con eses mandos.

Polo de agora só hai unha pequena cantidade de xogos compatibles, pero seguramente mellorará o soporte e pouco a pouco serán moitos máis.