É o momento da old-gen

Por: Venres, 16 de Xaneiro de 2015, 12:29 COMENTAR

old-gen

2015 xa está aquí, o terceiro ano natural da next-gen, o ano no que deberían surxir os títulos para estas consolas por todas partes, e seguramente sexa así, pero se botamos un ollo á lista dos dez xogos que eu máis espero deste ano hai algo que queda patente, os grandes títulos deste ano son, na súa maioría secuelas, por iso , e aínda que poida parecer absurdo, eu vos digo, este é o momento de disfrutar da PS3, da Xbox, da Wii e dos seus xogos.

Comecemos polo que pode ser máis obvio para todos, o prezo. Non vou dicir que mercar unha consola nova da next-gen sexa cousa de ricos pero o que está claro é que non está ao alcance de todos, polo menos non ao meu como humilde estudante, e se por riba a este prezo lle temos que sumar unha cuota mensual para poder disfrutar do online e que os prezos dos xogos, incluso de segunda man, non baixan do rango dos 45€, está quedando claro que se queres a túa consola para algo máis que ser un pisapapeis o investimento a realizar é elevado. Agora botade contas, mercar unha consola old-gen de segunda man e un bo feixe de xogos e aínda vos quedará para ir ao cine, como se fóramos millonarios! Se este é o primeiro achegamento ao mundo das consolas e non che sobran os cartos a old-gen é sen dúbida a túa xeración.

Se o prezo non é para vós un factor a ter en conta, afortunados, pode que o sexa o feito de xogar as sagas completas. Porque sexamos sinceros, máis aló de se o xogo está a 720p ou a 1080p, de se ten modo online ou deixa de ter, o que fai a un xogo relevante é a súa historia, a forma na que este transcurre e como nós somos capaces de meternos dentro de cada personaxe, e por iso mesmo é este o momento de disfrutar de todo aquelo que non puidestedes xogar no seu momento a un prezo asequible, é o momento de xogar a saga Assessin’s Creed, Far Cry ou os Uncharted, tal vez de probar clásicos como Heavy Rain, L.A. Noire, Bayonetta ou Mirror’s Edge por mencionar os máis coñecidos, ou incluso de tirarse aos grandes éxitos como o GTA V ou The Last of Us, grandes xogos que se polo que fora non xogastedes no seu momento estades a tempo de probar e disfrutar como se do día do seu lanzamento se tratase sen o gran desembolso que suporía iso, unha gran selección de títulos para todos os gustos.

Poucas razóns se me ocorren para non xogar a todo aquelo que non se puido no seu momento, gran variedade de títulos e prezos que ata certo punto fan xustiza ao contido. Por iso, porque a democratización do videoxogo é esta, para min este e non outro é o momento da Old-Gen, este é o momento dos grandes xogos.

 

Imaxe | Flickr

Por que Nintendo fai ben

Por: Venres, 19 de Decembro de 2014, 19:00 4 COMENTARIOS

Hai moita xente que rexeita as consolas actuais de Nintendo, que non son para xogadores de verdade, que se están a equivocar moito e van acabar na ruína… mais eu aquí vos vou demostrar que non é así.

iwata-mostrando-wiimote

Satoru Iwata, presidente de Nintendo, mostrando ao público o WiiMote.

Na diferenza está a cuestión

familia-xogando-wii

Típica familia estadounidense.

Para comezar, dedicarse aos grupos de xente que normalmente non xogan aos videoxogos é unha estratexia comercial moi boa. Mentres que Sony e Microsoft compiten polo nicho limitado dos hardcore gamers, Nintendo prefire ir polos nenos, as nais, os pais e os avós. E funciona. Poucas nais se sentirían atraídas polo GTA, se cadra algún pai si, porque o mundo dos videoxogos aínda está bastante marcado por estereotipos de xénero, mais non vou entrar niso. O caso é que esas nais e pais desfrutan como tolos xogando ao Wii Sports, ou botando unha partida ao New Super Mario Bros. cos nenos. Aí hai mercado, e Nintendo sábeo ben.

Mais fóra de intereses comerciais, Nintendo ten unha cousa que o resto non teñen: innovación. Pensádeo, do punto de vista actual, cal é a diferenza entre a Super Nintendo e a Sega Mega Drive? Ou entre a Playstation e a Sega Saturn? Os xogos. Nada máis. E os xogos non dependen da plataforma, calquera deles funcionaría igual de ben, ou mellor, no computador. E non digades que non, que aquí todos temos usado emuladores.

Que pasa na época actual?

Viaxemos entón á época actual. Temos claramente 4 plataformas de mesa e 3 portátiles. Nas consolas de mesa temos a Xbox One, a PS4, a Wii U e o PC. Cal é delas destaca, sobresae, marca a diferenza? A Xbox One e a PS4, a nivel de experiencia de xogador, son iguais, e non ofrecen ningunha experiencia que non poida ofrecer un computador. Os principais xogos de ambas as plataformas tamén están dispoñíbeis en Steam, ou en menor medida en Origin, coa vantaxe de que no computador podes ter un mellor rendemento se o tes actualizado. E o seu valor como centro de entretemento, con videoclub, reprodución de DVD… telo tamén nun computador, e con menos problemas de compatibilidade. Mais a Wii U, ai amigos, esa é diferente. Si, se cadra non foi ben en vendas por problemas de márketing (e a lea dos controladores, entre gamepad, wiimote, e demais), mais é a que dá unha experiencia diferente. E unha aposta decidida, non experimentos con gasosa como o EyeToy ou o Playstation Move.

amigos-xogando-3ds

Amigos xogando á 3DS no típico espazo en branco fóra do espazo-tempo.

No campo portátil, temos Nintendo 3DS, PS Vita e toda unha chea de trebellos con Android. Cal gaña? Android. Sobradamente. A xente prefire un xoguiño simple no móbil para matar o tempo mentres agarda polo bus, aí está o mercado. O problema da PS Vita é que acaba por ser unha consola igual que as de mesa, só que portátil. Podes xogar onde queiras, con bos gráficos, e mesmo con engadidos interesantes como o Near, mais esas funcións están a ser engadidas aos móbiles, que cada vez teñen máis potencia. Ou podes simplemente xogar na túa consola de mesa habitual, trocando portabilidade por comodidade e mellores gráficos. Non ten nada que a faga imprescindíbel. Pola súa banda, a 3DS opta por ofrecer cousas novas, con diferente éxito. A tecnoloxía 3D ten moitos seguidores e moitos detractores, mais é algo que o resto non dan. E cando está ben implementado no xogo, realmente paga a pena. Tamén o feito das dúas pantallas dá moito xogo. Aínda que xa pasou a febre da época da DS, onde todo xogo era manexado coa pantalla táctil (ás veces pasándose un pouco), ter unha pantalla inferior para mapas e menús mellora moito a experiencia. E o StreetPass, con recompensas como o Tícket Eon nos novos Pokémon, dá alicientes para sacar a consola a pasear. En definitiva, diferénciase.

Que ensinanza podemos tirar de todo isto? Que nos videoxogos, como na vida, o que importa non é ser o mellor, senón ser diferente, orixinal e innovador.

Nintendo deixa de fabricar a Nintendo Wii

Por: Luns, 21 de Outubro de 2013, 17:53 COMENTAR

nintendo-wii

Xa é oficial, Nintendo deixa de fabricar a partires de xa unha das videoconsolas máis exitosas da historia, a Nintendo Wii deixa de estar entre nós.

Mais déixanos cunhas cifras que xa lles gustaría a tantas, a pesar das duras críticas que tivo Nintendo por centrar esta consola nos “casual gamers” (eu sigo criticando isto), a consola vendeu un total de 100,4 millóns de Wiis, cifras verdadeiramente escandalosas.

Agora queda saber se a súa irmá “tuenada” Wii U conseguirá rematar con éxito desta, mais polo de momento parece que lle vai custar…

Pero quedémonos co bo, porque aínda que non moitos, Nintendo Wii tivo xogazos, aquí tedes un ránking cos mellores.

Nintendo deixará de producir a Wii

Por: Mércores, 2 de Outubro de 2013, 14:00 COMENTAR

nintendo-wii
Despois de case 7 anos dende o seu lanzamento en 2006 e máis de 100 millóns de unidades vendidas despois, parece que a compañía Nintendo deixará de fabricar a súa exitosa videoconsola Wii próximamente.

Na súa páxina no Xapón, aparece ao seu carón “”, que traducido, ven a significar que está programado deixar a produción pronto.

Aínda se descoñece se tamén afectará á produción da Wii Mini que lanzaron en marzo deste mesmo ano.

God of Wii

Por: Mércores, 19 de Outubro de 2011, 23:20 COMENTAR

(Vía: Topofarmer)

Nestes dous vídeos que vos traio amósannos dous novos escenarios e bastantes escenas que desexaredes estar controlando vós mesmo ao protagonista. Sempre mantendo o colorido, o amor e o desenfado típico que Miyamoto nos ten acostumados.

O primeiro escenario é o Lago Floria (outra fase do mar, tan complexa como nalgún dos xogos anteriores?) e o segundo é a Cisterna Ancestral (vaia nome), e nas dúas ocasión vemos como nos ofrecerán retos e puzles que deberemos resolver á vez que eliminamos a certos inimigos, aínda que as pelexas parecen bastante monótonas.

Os días pasan rápido, e as ganas de probar o que posibelmente sexa o último boom de Wii aumentan con cada vídeo.

Toranks tamén xoga á Wii

Por: Martes, 11 de Outubro de 2011, 0:51 COMENTAR

Anunciado un redeseño da Wii

Por: Mércores, 17 de Agosto de 2011, 13:20 2 COMENTARIOS

A Nintendo está na boca de todo o mundo. E aínda que non asistiu á GamesCom, volve ser noticia co anuncio dun novo redeseño da Wii.

As modificación externas que se aprecian non son moi exaxeradas, é dicir, será algo máis pequena e pouco máis. Mais nas modificacións internas si que hai unha grande novidade: NON INCLUIRÁ RETROCOMPATIBILIDADE CON GAME CUBE.

Moi ben Nintendo, estás a levar unhas estratexias adiante que non entendo moi ben. Primeiro errades por completo coa 3DS e agora, á vosa consola máis vendida e espallada, eliminádeslle a retrocompatabilidade que tantas alegrías causou. E non só no tema dos videoxogos, senón que non poderá empregar ningún accesorio da Game Cube (tampouco os mandos).

E por se fose pouco, a Nintendo deixará de fabricar os modelos clásicos da Wii, de modo que como queirades aproveitar a retrocompatibilidade xa vos podedes ir espelindo.

Volveremos ver o clásico Kirby?

Por: Mércores, 8 de Xuño de 2011, 23:47 COMENTAR

Parece ser que o Wii U colpasou toda a conferencia de Nintendo, pero se nos fixamos un pouco aparecen títulos esquecidos como…tachán, Kirby.

Un novo Kirby apareceu en pantalla e parece ser que volverá á saga clásica e non ao penoso mundo dos fíos (pronto teredes o análise completo de Kirby´s Epic Yarn).

Polo que vemos no vídeo poderemos absorver de novo aos inimigos (algo que impresionantemente non acontecía no anterior), e o apartado técnico vólvese máis parecido a aquelas xoias de Game Boy. Ademais, engadide que poderemos xogar un cooperativo a catro persoas na mesma pantalla.

En fin,volvemos absorver, volvémonos transformar e incluso podemos ver a típica árbore xefe…

Volveremos ver o Kirby clásico?

Primeiro tranquilicémonos, só é un rumor, pero imaxinade por un momentiño que isto que cada vez colle máis forza é verdade, e na próxima feira do E3 Nintendo aparece cun cacharro debaixo do brazo que rise na cara das súas competidoras Xbox 360 e Playstation 3.

GameInformer foron os primeiros en falar disto, dicindo que xa se estaba a especular nunha consola que movía gráficos HD superiores ás consolas actuais de sobremesa, e incluso que o prototipo xa se amosara nalgunhas “third parties”.

Coincidindo co rumor da rebaixa de prezo da Wii, xa se fala que será presentada no E3 deste ano, e sacada ao mercado en calquera día do 2012.

Canta fiabilidade hai nisto?, polo de agora non o sabemos, pero eu teño un puntiño de esperanza en que Nintendo se dese de conta que o camiño “casual” non é o axeitado e pretenda recuperar a todos aqueles usuarios e xogadores que fixeron de Nintendo o que realmente é.

Veña Nintendo,asegúroche que se fas isto fago como se esta xeración da Wii nunca existise.

Análise de New Super Mario Bros Wii

Por: Luns, 3 de Xaneiro de 2011, 12:28 COMENTAR

Con retraso propóñome analizar un dos xogos estrela da consola de sobremesa de Nintendo, o New Super Mario Bros.
Basicamente este xogo pretende ser unha imitación do xogo que xa saira un ano antes para a Nintendo DS, e desta maneira recuperan as dúas dimensións que fixeron famoso ao fontaneiro máis famoso do panorama.
Así repetimos estratexia de diversión, é dicir, controlaremos a Mario nuns escenarios en scroll lateral sorteando as máis diferentes plataformas que atopamos ao longo dos oito mundos (mais un que se desbloquea ao final), tentando coller as tres moedas escondidas ao longo destes escenarios (creo que esta descrición sobraba, porque a estas alturas o que non coñeza a temática dos xogos de Super Mario é que vive metido nunha cova a escuras).
Pero a gran novidade deste videoxogo é que poderemos pasar todo o título acompañado de unha, dúas ou tres persoas, e qué conleva isto?, pois que a diversión aumenta de forma enfermiza. Catro persoas colaborando entre elas para sortear as trampas que nos atopamos é espectacular, e así aumentamos o reto do xogo, porque temos que ter tino de non entorpecernos nós mesmo, e aínda que pareza unha tontería, resulta do máis acolledor tres persoas saltando de nube en nube nunha superficie tan estreita e sen caer.
Tamén engadiron outra novidade, como é a posibilidade de rodearnos nunha burbulla cada vez que nos vexamos nun apuro grande con só premer o botón A, e deste xeito comezaremos a flotar polo escenario ata que algún do resto dos compañeiros nos salve tocándonos, pero moito coidado con este feito, porque se todos os xogadores están en burbulla o xogo remátase. Pero isto fai que a dificultade aínda sexa máis feble, e tendo en conta que os títulos de Mario non son precisamente moi complexos de pasar, non axuda demasiado esta atípica burbulla.

Pero seguindo falando de novidades, desta volta Mario trae novos poderes, como a gorra hélice, que nos permite facer saltos moi altos, o traxe de pingüín ou o poder do xeo, que nos permitirá conxelar aos nosos inimigos. Tamén debemos engadir algún detalle na xogabilidade, como a utilización de accesorios co movemento do mando, que obsequian maior variedade a un título que lle sobra publicidade (aínda que Nintendo non repara en gastos no seu márketing).
Pero xa abonda de tantas loubanzas cara este New Super Mario Bros Wii, porque aínda que a diversión predomina ante calquera outro apartado que poida describir, existen unha serie de factores que deberían correxir para posteriores títulos.
O primeiro deles e o máis grave para min é a enorme facilidade coa que se atopan todas as moedas. Entendo que Nintendo queira facer un título accesíbel para calquera usuario, pero poderían buscar solucións, como por exemplo, aumentar outras dúas ou tres moedas moito máis escondidas no escenario, que houbese que rebuscalas, non se atopasen a simple vista…Deste xeito tamén aumentarían a duración do xogo, porque debo dicir que pasei o xogo ao 100% en relativamente moi pouco tempo.

E a estas alturas tamén deberían coidar un chisco máis o apartado gráfico, porque é un apartado moi, moi xustiño para tratarse dun Mario, e se non levase este nome, dubido moito que nos olvidaramos desta deixadez tan rápidamente.
Con respecto á música non a vou criticar, porque escolle ás melodías que xa fixeron famoso a Mario e sempre trae unhas lembranzas moi saudábeis, pero sería moi arriscado non facer tanto copia e pega nestas cancións?
Parece que estou deixando a Mario nun estatus moi baixo pero non é así, Mario ten a xogabilidade e a diversión por enriba de todo, e é algo que entendo e comparto, porque realmente é un dos xogos máis divertidos que vos podedes atopar no catálogo da Wii, pero simplemente poño o meu gran de area para mellorar aínda máis a súa experiencia, xa que aos casual gamers abonda con poñerlle publicidades chorras na televisión, pero aos hardcore queremos sempre un pouco máis, e isto é a forma de evolucionar.
Aínda así, é un xogo completamente obrigatorio para calquera que teña na súa posesión unha Wii, lanzádevos a el e desfrutade de Mario… de novo

Worms Battle Island

Por: Martes, 21 de Decembro de 2010, 16:03 COMENTAR

Sen dúbida algunha, os Worms foron un dos xogos máis divertidos que podías atopar na SNES ou na Playstation, no entanto, os diferentes intentos de Team-17 por intentar adaptalos os novos tempos nunca tiveron un bo resultado. “Worms 3D”, “Una Gusanodisea espacial” e outro sen fin de títulos, tentaron recuperar a gloria perdida que no daba voltado. Agora, tócalle o turno a Worms Battle Island tentar recuperar ese título perdido.

O primeiro que nos fai dar conta de que non vai ser posible é o seu apartado gráfico. A única forma de describilo é anacrónico, os gráficos de este xogo son dignos dunha Playstation ou unha Nintendo 64 máis que dunha consola de esta xeración. Se ben son correctos, aprécianse claramente un desfase  para correr nunha nova consola e unha ausencia de progresión bastante evidente.

A música e os sons seguen na mesma liña cos gráficos, divertidas, amenas e unhas voces cheas de frases de pánico e gritos de alarma que son para partirse; pero, outra vez, nada que non viramos nas anteriores entregas.

Canto á xogabilidade, aí é onde este xogo non ten rival. É divertido a raiar, sobre todo se xogamos con algún amigo, cousa que dende xa podemos facer de maneira online, que era unha das grandes carencias de “Una gusanodisea espacial”. A pesar diso, o modo para 1 xogador faise pouco variado, e bótase de menos alguns modos máis.

Así pois, é un xogo dificil de recomendar ou descartar, xa que, se xogas con amigos e estas familiarizado coa mecánica, terás asegurado horas de diversión, máis se buscas un xogo novedoso o para xogar ti só, podes esquecelo xa que posiblemente acabaras canso nuns poucos días, e máis, se xa xogaches as versión anteriores.