Despois duns días inactivos voltamos con máis forza. E de que xeito? Pois do peor que pode ser. O seguinte tráiler é do máis ruín que vin desde hai tempo, e dígoo case a rir, porque é para rir.

O xogo que se mostra é para Kinect (primeiro punto mao) e trae o nome de Diabolical Pitch. Un shooter (por chamalo dalgunha forma) onde teremos que lanzar pelotas (pelotas é o que fai falta para mostrar este tráiler) a zombies.

E igual que pasou co Shadow of the Damned, fíxose famoso por saír da mente do irreverente Suda 51. Mais a verdade, creo que está a diminuír a calidade das súas creacións, e con este, bufff… védeo se queredes rir un pouco.

Parécevos que exaxero no título?, pois despois de dicirvos que Silent Hill: Book of Memories será un novo xogo da saga para PS Vita, quero propoñervos unha cousa.

Seguro que a maioría de vós xogastes a algún Silent Hill, pois imaxinádevos como podería ser na próxima portábel de Sony, imaxinade ben, porque moito me temo que non ides acertar coa realidade.

Tampouco son moi fanático desta saga a verdade (aínda que xogara a case todos) mais despois de ver o seguinte gameplay non quero saber como se deberán sentir os verdadeiros seguidores de Silent Hill, moito me temo que estarán a chorar.

Perspectiva cenital?, maxias?, si amigos, benvidos a “Book of Memories”

Voltamos cunha nova entrega de idioteces reais que acontecen polo mundo adiante. Desta volta viaxamos até a Suíza, onde unha asociacion policial, concretamente “The Swiss Christian Police Association” (a súa tradución xa non augura nada demasiado liberal, nin progresista) pretende censurar (e incluso prohibir) o videoxogo «The Darkness 2» porque hai escenas en que se dispara a policías.

“Xa se aconsellou a políticos, desenvolvedores e vendedores que ese tipo de xogos debían ser eliminados da circulación inmediatamente. […] Cando a policía na Inglaterra se converte en obxectivo de turbas agresivas, é importante que eses axentes non se vexan representados como o inimigo”.

O conto de nunca acabar, observan o videoxogo como o inimigo de calquera situación violenta, cando nos están a bombardear diaria e continuamente con imaxes de violencia corporal, violencia verbal, escenas de mortes e masacres.

E todo isto sen entrar en filmes para maiores de sete anos con execucións, asasinatos a sangue frío, pelexas… pero claro que non, isto non inflúe. Porén nun videoxogo é inadmisíbel. Que tristeza me produce.

Ah, a propósito, a 2K, compañía responsábel do videoxogo, respondeu este comunicado cunha soa frase:

“Os rumores de que mates polis no xogo son falsos. Non saen polis no xogo”.