Análise de Walking Dead: Season 2

Por: Luns, 16 de Marzo de 2015, 12:00 1 COMENTARIO

The Walking Dead: Season2-1

A finais de 2012 apareceu no mercado un xogo baseado no comic de Robert Kirkman, que ten nestes intres tamén unha adaptación na pequena pantalla. Case dende o comezo, aqueles que xogaron a dito xogo decatáronse de que tiña algo especial, non era un xogo coma outros que fixera a mesma desenvolvedora. Poida que fose a súa ambientación, de moda neses momentos (e aínda agora mesmo), poida que fose o seu argumento ou poida que fosen as personaxes protagonistas, que se mesturaban á perfección entre elas e co entorno. E de seguro que a meirande parte da xente que xogou ten aínda gravada nalgún punto da súa mente a derradeira escolla que tiveron que facer.

Deste modo, no 2014 aparece a segunda (e cunha terceira xa confirmada) parte da saga, que toma o nome The Walking Dead: Season 2

TWDS25

A historia comeza pouco despois da fin da primeira parte, e nada podemos dicir do argumento sen rebentar o primeiro título da saga, máis alá de dicir que manexaremos a Clementine, a rapaza que viaxaba coa personaxe xogábel dese primeiro xogo, Lee. Máis unha vez, enfrontarémonos a decisións moi duras, as cales conforman o núcleo da historia que se nos está a contar, e que decide o camiño que tomamos nela.

A nivel técnico trátase dun xogo continuista co anterior, cun aspecto visual próximo a un cómic, só que cun ton máis escuro se cadra nos debuxos. Na primeira parte a epidemia comezaba, ninguén coñecía o que pasaba e aínda existía a esperanza. Nesta segunda parte o tema mudou moito, e nótase nos escenarios, máis desfeitos, máis salvaxes, o mesmo ocorre cos personaxes, tanto a nivel artístico como argumental. Ao se tratar dunha aventura gráfica, non destaca nos gráficos ao nivel doutros xéneros mellores para facelo, pero si que é un xogo bastante coidado, aínda que continúa a ter certos erros na visualización das colisións cos obxectos, o mesmo que ocorría no primeiro título da saga.

TWDS2:3

No aspecto sonoro, o xogo é cumpridor, sen grandes mostras de grandeza métenos na historia, cunhas voces bastante decentes, algunha delas mesmo bastante boa, pero que non chegan ao nivel da do protagonista da primeira parte. No tocante aos efectos de escenario e zombies, o xogo cumpre co necesario, máis unha vez, sen ser un xogo especialmente bo neste campo. Tamén cómpre comentar que neste aspecto, pese a que as diferentes superficies sobre as que pasamos soan distinto, algún erro fomos quen de atopar, con asfalto soando coma terra ou terra soando coma auga, un tema que sen dúbida vén da man do erro comentado anteriormente á hora de detectar as colisións, e que a saga arrastra dende o xogo anterior.

A mesma continuidade do tema técnico está presente no aspecto xogábel, no cal o sistema é exactamente o mesmo que na primeira parte, é dicir, podémonos mover polo escenario e en determinados puntos poderemos realizar certas accións (tales como falar con alguén, recoller algo, abrir unha porta, disparar…), as cales terán peso no modo en que se desenvolve a historia. Tal e como era o seu predecesor, este tema provoca que sexa un xogo totalmente lineal, sen máis alternativas que o camiño que os desenvolvedores poñen enfronte de nós, mais mudando pequenas partes do modo no que se nos presenta. O xogo disimula moi ben este tema, facéndonos pensar que somos os donos do desenvolvemento da historia, cando na realidade non somos máis que pasaxeiros subidos nese tren. Como punto negativo dicir que o método de selección da acción a facer, na miña opinión, tiña que ter unha maior distancia entre as opcións a escoller, xa que nalgún momento do xogo, o feito de seleccionar a opción que non querías por causa da pouca distancia entre elas pode ser un pouco frustrante.

TWDS24

En resumo: se vos gustou a primeira parte, non dubidedes en xogar esta segunda, é un xogo moi continuista co anterior, con case todos os aspectos sendo exactamente os mesmos, aínda que con unha atmosfera algo máis escura. Se ben este xogo non se pode entender sen o anterior, e pese a non ser un mal xogo para nada, cunha lonxitude aceptábel para o xénero (aproximadamente dura unhas 9 ou 10 horas) e estar bastante coidado en certos aspectos, a súa historia non é nin de lonxe tan impactante como a do primeiro xogo da saga. E nun tipo de xogo no cal todo xira ao redor da historia, esto é un lastre demasiado pesado como para saír ben parado dunha comparación directa co anterior, que, na miña opinión, é superior en prácticamente todos os aspectos. Ou dito doutro modo, é o mesmo tema que cos irmáns Inzaghi, o menor non chega ao nivel do maior, o que é moi diferente a decir que é malo.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=75|SON=70|XOGABILIDADE=85|DIVERSIÓN=85[/puntuacion]

Este ano que recén comeza virá, coma sempre, cheo a reventar de videoxogos, tanto para as máquinas de nova xeración coma para as da antiga, coma para PC, ou, polo que todo parece indicar, xa neste mesmo ano, Steam Machines. Neste artigo vou recoller, dun modo totalmente persoal, cales son os 15 xogos que eu máis agardo deste ano 2014, ordeados alfabéticamente.

 

1 – Alien Isolation (PC, PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One)

Data de lanzamento: 4º trimestre de 2014.

Alien-Isolation-screen

Tralo sonado fracaso acadado por Aliens: Colonial Marines, SEGA tentará recuperar o prestixio perdido con esta nova entrega da franquicia Alien, nesta ocasión realizado por un dos estudos máis importantes da actualidade, Creative Assembly, creadores da famosa saga Total War.

Polo mostrado ata agora e polo comentado polos creadores, productores e responsábeis, o xogo virará da acción da saga Alien vs. Predator e Aliens: Colonial Marines cara o xénero do survival horror, achegándose deste modo ó filme orixinal. Para rematar esta volta atrás, a protagonista do xogo será Amanda Ripley, a filla da protagonista da saga cinematográfica, Ellen Ripley.

 

2 – Among the sleep (PC)

Data de lanzamento: Primaveira de 2014.

ats_wallpaper1440_900

Aló polo 2012 un xogo comezou a chamar a atención a nivel internacional polo seu protagonista principal: un neno de dous anos. Aínda que fíxose coñecido internacionalmente a partires de ahi, xa lograra premios e financiación por parte do goberno de Noruega, o país de orixe do estudo detrás deste xogo: Krillbite. Tralo nome que acadaron, lanzaron unha campaña en Kickstarter, que logrou acadar o seu obxectivo e que garante que sexa levado a bo porto.

Como xa se indicou, o xogo ponnos no corpo dun meniño de dous anos nunha casa na que comezan a ocorrer cousas e que, debido á curta idade do protagonista, a liña que diferenza sono de realidade vai diminuíndo o seu grosor. A maiores disto, o xogo terá compatibilidade co sistema de realidade virtual Oculus Rift, o que, trala fichaxe estrela de John Carmack, garante que o seu nivel (que calquera dos que o puidemos probar no seu momento opinamos que xa era alto) acadará un nivel superior.

 

3 – AR-K: Episodio 2 (PC, iOS, Android)

Data de lanzamento: Indeterminada

AR-K_02

Non tódolos días un videoxogo galego acada o seu obxectivo nunha prataforma coma Kickstarter, pero nesta ocasión así foi. A saga AR-K, desenvolta polo estudo coruñés Gato Salvaje, acadou a cantidade que pediran para ser quen de rematar os capítulos 3 e 4 da sua aventura gráfica episódica. Para levar a bo porto o seu proxecto, subíronse a bordo o escritor Greg Rucka, un recoñecido escritor de cómic norteamericano, e tamén incorporan a Ash Sroka, a muller que puxo a voz na triloxía Mass Effect a Tali’Zorah, para converterse na de Alicia, a protagonista da saga, na versión inglesa, xa que na versión en castelán, é interpretada por unha actriz galega, María Castro. Por certo, onte acadaron os votos necesarios para entrar en Steam a través da prataforma Greenlight.

 

 4 – Day Z (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

NoxHw

Si, o xogo xa está dispoñible en Steam. Si, en Memoria Pixelada xa falamos acerca do acceso a dita prataforma do xogo. Si, xa leva vendidas máis de 875.000 copias. Pero segue sendo un xogo en desenvolvemento. Agora mesmo accedeu a Steam (e logrou ser o xogo máis vendido nas ofertas, pese a non estar rebaixado) a través do su sistema Early Access, que permite que xogos en desenvolvemento sexan vendidos e logren o diñeiro necesario para acadar finalizarse. Actualmente o xogo está en versión alpha e espérase que entre en beta a finales de ano.

Non hai moito que dicir acerca del que non sexa xa coñecido: iniciou a moda actual dos xogos multixogador survival en primeira persoa (Infestation: survivor stories, Rust) baseados nun escenario postapocalíptico no que teremos que estar tan atentos ós enemigos do xogo coma, sobre todo, ó resto de persoas que se atopen xogando, xa que na meirande parte das veces, convértense na verdadeira amenaza. E todo iso o lograron simplemente cun mod do Arma II, agora prometen un xogo moito máis profundo ó tratarse dun título partindo de cero. A confianza de moita xente xa a teñen, e a miña entre ela.

 

5 – Diablo 3: Reaper of souls (PC, PS4)

Data de lanzamento: 25/03/2014

diablo-iii-reaper-of-souls-logo

Trala polémica e a decepción que supuxo, en parte, Diablo III no seu lanzamento, Blizzard trae esta primeira expansión do xogo, a cal inclúe un novo tipo de personaxe, o cruzado, aparte de, como é habitual, un acto a maiores dos que trae o xogo orixinal, para continuar a historia. Moitos somos os que recordamos a diferenza entre Diablo II e Diablo II máis a expansión, dun modo que non se pode concebir o xogo sen o contido adicional, debido ós profundos trocos que provocou na xogabilidade, de modo que Blizzard merécese un pouco de confianza de cara a mellorar a experiencia xogábel de Diablo III.

 

 6 – Evolve (PC, Xbox One, PS4)

Data de lanzamento: Outono de 2014

evolve

Probablemente se digo Tutle Rock Studios non acade a vosa atención, pero se troco esas verbas por Left 4 Dead pode que xa a teña. Evolve é o novo xogo deste estudo, que será publicado por 2K Games. Ata o de agora coñécense poucos datos acerca do xogo, aparte de ser un xogo multixogador. Pero o máis significativo do coñecido ata o momento é, sen dúbida, a sua proposta de xogo, na cal un equipo de 4 xogadores ten como obxectivo cazar ó monstruo que manexa o carto xogador.

 

7 – Game of Thrones

Data de lanzamento: indeterminada

article_post_width_news-game-of-thrones-telltale-rumor

Todos aquelas persoas que probaran The Walking Dead, o xogo de Telltale, entenderán a seguinte operación: Telltale +George  RR Martin + Game of Thrones. Non fai falla decir nada máis.

 

8 – Mario Kart 8 (Wii U)

Data de lanzamento: Primavera de 2014

TM_WiiU_MarioKart8

¿Qué podemos decir de Mario Kart que non sexa coñecido? Velocidade, risas, pasar un bo rato cos amigos e manexar ós teus personaxes favoritos unha vez máis subidos en karts, todo elo aderezado polos xa coñecidos powerups da saga. Teñen a fórmula do éxito, e saben aproveitala. Ó igual que todas as anteriores entregas, un must have.

 

9 – Mirror’s Edge 2 (PC, PS4, Xbox One)

Data de lanzamento: Indeterminada.

news_photo_29555_1370371972

Corría o ano 2008 cando en Xbox 360 e PS3 apareceu un xogo moi luminoso, rápido, cun mundo colorido, baseado en correr, saltar e empregar a axilidade da protagonista para chegar ata o seguinte edificio, saltando de tellado en tellado. O seu argumento, baseado en parte na novela de George Orwell 1984, era simple, ainda que adictivo, e o escenario, moi lineal, chamaba á exploración e a tentar escalar ata onde puidéramos para poder botar un ollo á cidade dende o punto máis alto do edificio máis alto. Mirror’s Edge 2 promete precisamente o que lle faltaba ó seu predecesor: un mundo aberto. Simplemente mantendo as cualidades da primeira entrega e engadindo este novo mundo aberto, o xogo dará un salto de calidade e convertirase nun dos máis rechamantes do ano sen dúbida de ningún tipo.

 

10- Rambo: The videogame (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 21/02/2014

rambo2

Moita xente non estará dacordo co feito de que elixira este xogo por diante doutros para aparecer nesta lista dos máis agardados do ano, sendo un xogo que estou seguro de que non marcará un antes e un despois en ningún aspecto, e que seguramente estea cheo de erros. Pero pensade en que é de esperar que podamos facer cousas como estas. ¿Seguides pensando que o xogo non vai ser entretido? Eu non teño dúbida de ningún tipo, máis ainda tendo en conta que o xogo consistirá en superar esceas dos 3 primeiros filmes da saga.

 

11 – South Park: the stick of truth (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 06/03/2014

South-Park-The-Stick-of-Truth-sí-será-lanzado-en-2013

Moitos medramos vendo na televisión ós polémicos debuxos South Park. Agora chegan cun dos xogos máis agardados do ano 2013, que tivo que ser desprazado a 2014 debido ós problemas económicos do seu distribuidor THQ. O xogo prometía no seu momento, e continúa prometendo agora mesmo, un xogo de rol no cal os creadores da serie teñen responsabilidade na elaboración do guión, cos personaxes míticos da serie (agardamos, coma non podía ser doutro modo, a morte de Kenny), será algo que moitos non queremos deixar pasar.

O xogo comeza xa antes do seu lanzamento a xerar a polémica esperada, xa que a Australia chegará unha versión censurada do mesmo. E seguramente non sexa o derradeiro mercado no que sofran recortes.

 

12 – Star Citizen (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

ObitalStation01

 

Atopámonos ante o xogo que ten o record de financiación a través de crowdfunding: ata o momento acadou un total de 37 millóns de dólares. A financiación arrancou coma un foguete en canto fíxose público que Chris Roberts, o creador da lexendaria saga Wing Commander, retornaba ó mundo dos videoxogos. E como era de esperar, retorna co que mellor sabe facer: un simulador de combate espacial. Ainda que nesta ocasión, o xogo vai moito máis alá dun xogo de simulación de combate, xa que trátase dun MMO cun mundo persistente e ca posibilidade de incluir mods. Como exemplo do interese que está a provocar, recentemente abriuse o sistema para crear clans, e en 12 horas creáronse máis de 4900 asociacións para xogar xuntos. O xogo ten toda a pinta de ser un dos máis importantes do próximo lustro, e apunta a ser unha dura competencia para o actual líder deste tipo de xogos, o World of Warcraft.

 

13 – The Walking Dead: Season Two (PC, PS3, Xbox 360, Vita, iOS)

Data de lanzamento: 17/12/2013

WDS2_KeyArt_1920x1080_NoLogo_large_verge_medium_landscape

Estamos ante a secuela dun dos xogos máis sorprendentes dos derradeiros anos, e que supuso a consagración do seu estudo creador, Telltale, e que confirma o troco da aventura gráfica clásica, con puzles cunha dificultade elevada a un novo modelo de aventura gráfica, centrada ó 100% na historia e nos personaxes. Precisamente un dos personaxes desta primeira entrega da saga é a protagonista desta segunda parte, a nena Clementine, seguramente a personaxe favorita da meirande parte dos que xogaron esa primeira parte.

O xogo é certo que foi publicado en Decembro de 2013, pero é unha aventura episódica que terá todos os seus episodios excepto ese primeiro publicados en 2014. E se continúa ca calidade do seu predecesor, non descarto para nada que estea pelexando de novo polo GOTY.

 

14 – The Witcher 3: Wild Hunt (PC, PS4, Xbox One)

Data de publicación: Indeterminada.

420

Máximo favorito ó GOTY 2014, e ainda non se viron máis que unhas poucas imaxes e algún vídeo. Non fai falla máis. Se The Witcher 2 foi un dos mellores xogos da xeración pasada, esta terceira parte da saga apunta a mellorar ó seu predecesor, incluindo a principal carenza do xogo anterior, a falta dun mundo totalmente aberto no que poder perderse.

É de esperar que, do mesmo modo que o seu predecesor, marque un hito no tocante ó aspecto técnico (CD Projekt Red descartou realizar o xogo para PS3 e Xbox 360 pola imposibilidade de que funcionara neses sistemas), a nivel historia é de supor tamén que será tan sobresaínte como o Assassins of Kings e, sobre todo, contará cun dos, se non o mellor, personaxe da xeración anterior, o lobo branco, Geralt de Rivia.

Agardaremos impacientes a publicación da data definitiva de saída ó mercado, porque de seguro valerá a pena a espera e ata o derradeiro céntimo que custe.

 

15 – Uncharted 4 (PS4)

Data de publicación: Indeterminada

2498622-nathan_drake

 

Se na posición 14 falábamos dun dos mellores personaxes da xeración, neste derradeiro xogo estamos a falar doutro dos grandes, Nathan Drake, o protagonista da saga Uncharted.

O desenvolvemento desta cuarta entrega da saga, a primeira nas consolas de nova xeración leva rumoreándose dende inicios de 2013, pero leve un ano en desenvolvemento o xogo ou non, unha cousa está clara: será, ó igual que todos os anteriores xogos da saga e o derradeiro xogo dos seus creadores, Naughty Dog, técnicamente rompedor no momento da sua saída. O fixeron co Uncharted 2, superando todo o visto ata entonces en PS3, o melloraron un pouquiño máis en Uncharted 3 (ainda que como xogo é peor que o 2, técnicamente é lixeiramente superior) e remataron de romper con todo co The Last of Us, marcando un tope técnico en PS3 que seguramente non sexa superado. Esta cuarta entrega será peliculeira, palomiteira totalmente, de consumo lixeiro, ó igual cas 3 anteriores, pero seguro que igual de entretida e adictiva.