Sentimentos dun videoxogo

Por: Xoves, 26 de Marzo de 2015, 16:51 COMENTAR

The Last of Us™ Remastered_20140808224650

Poucas veces un videoxogo marca tanto como esta xenial historia, porque The Last of Us, xa foi, e será, un referente de como facer as cousas ben.

En Memoria Pixelada: «Análise de “The Last of Us”»

Vía: jjoelmiller

Seguimos con esta recompilación de títulos, espero que xa probásedes os da semana pasada e que veñades con gana de máis. Vamos adiante completala.

L.A. Noire

Este título presenta todos os sinais do cineme negro detectivesco. Unha serie de crimes, protagonistas cunha dobre moral e unha trama con xiros referencias  ao cinema de época. Froito do xa extinto estudio Team Bondi, para o que o desenvolvemento sen beneficios inmediatos supuxo unha carga demasiado difícil de soportar, afrontamos unha serie de casos que nos avanzarán na vida do protagonista e nos acercarán a resolver o misterio que anda detrás dos sucesos que se presentan.

Cunha calidade gráfica moi elevada, foron pioneiros nunha excepcional captura facial, sendo todas as personaxes do xogo a viva imaxe dos actores que lles dan vida. Aínda con certa dificultade no control, o xogo en si mesmo non presenta un nivel moi elevado e pode ser un título accesible para calquera.

Machinarium

Esta aventura gráfica conta cunhas mecánicas simples e un grafismo preciosista. Todos os que o xogamos no seu momento quedamos namorados do pequeno robot ao que axudaremos a salvar Machinarium do malvado plan dunha irmandade que planea destruír a torre da cidade.

Sen textos nin diálogos, toda a información que se nos transmite faise a través de debuxos e animacións, o que lle dá un toque de orixinalidade maior se cabe. Anímovos a que vos fagades con el e o probedes.

Mirrors Edge

Este experimento que saíu á luz da man de EA desenvólvese nun futuro distópico en que todo está controlado por unha ditadura. A sociedade conformista convive con isto, pero mantense unha rede de comunicacións usada polos disidentes e opositores ao réxime que consiste nunha rede de corredores que se encargan de distribuír a información. Un deles, Faith, será a protagonista e verase envolta nunha loita moito maior que ela mesma.

Nunha cidade branca con cores moi primarias que resaltan os puntos de interese, percorreremos os tellados e edificios da cidade facendo uso de habilidades moi propias do parkour, carreiras, loitas corpo a corpo e tamén armas. Conta con moitos automatismos que o fan moi dinámico e moi espectacular.

Parece que logo coñeceremos por fin a data de saída da súa secuela e as últimas informacións apuntan cara a unha triloxía, debedes coñecer a orixe.

The Last of Us / Beyond Two Souls / Heavy Rain

Este combo de aventuras de moi boa factura o teremos nas consolas de Sony, os tres estan dispoñibles en PS3 e os dous primeiros tamén en PS4. The Last of Us é un xogo puramente de aventura, nun futuro postapocalíptico, podedes ver mais na entrada do blogue, só dicir que para min é dos xogos que mais preto están do 10 na xeración anterior, podédelo ver no trailer, e a súa música non fai máis que axudar a isto.

Beyond Two Souls mestura o xénero de acción e aventura gráfica nunha historia con tinturas sobrenaturais que de seguro vos digo que paga a pena e que tedes que probar.

No caso de Heavy Rain movémonos xa máis nunha aventura gráfica cos seus crebacabezas e as súas decisións argumentais, vanlle pesando os anos que non teñen os outros dous, pero aínda se desfruta e segue a ser unha referencia no seu xénero.

Tomb Raider

Volveron as aventuras de Lara Croft, un clásico que volve pegando forte. Estamos ante un xogo de aventuras que recupera moitos dos elementos que fixeron grande a franquía e incorpora un grande número de novidades que hai que explorar.

Unha boa historia, presentada nunhas condicións inmellorables e cuns gráficos excepcionais. Ten todos os ingredientes que podemos pedir a un xogo deste estilo para ser un fixo nos nosos estantes e librarías de Steam.

Rayman Origins / Legends

 

Plataformas clásico que recupera a xa case esquecida personaxe de Rayman cun estilo moi propio e moi divertido, un xogo para xogalo rápido e que na súa continuación e nas versións que vemos en plataformas móbiles como Rayman Fiesta Run e Jungle Run segue a conservar o seu encanto. Xogo moi adecuado tanto para xogar na casa como no bus ou nos descansos coa súa versión portátil. Un xogo que dá o que propón, diversión sen complexos.

Red Dead Redemption / Saga GTA

RockStar ten case o monopolio do éxito nos xogos de mundo aberto. A saga GTA xogo tras xogo continúa a bater récords de vendas e a presentar títulos de gran calidade.

Coido que a estas alturas todo o mundo coñece estes xogos, polo menos polas alusións apocalípticas que advirten que xogando a el acabarás sendo un servo de Satán, matando embarazadas en centros comerciais ou barbaridades similares. Este xogo é o gamberrismo puro e ponnos na pel de criminais dispostos a todo. Pero fronte ao que algúns ven apoloxía da violencia, moitos outros ven parodia do típico cinema de acción e das historias que desde sempre temos nos nosos televisores, podedes ver o gameplay que fixemos no noso twitch.

Para aqueles máis fans do cinema clásico temos Red Dead Redemption que, se o GTA parodia os típicos filmes de acción e disparos este fai o propio cos spaghetti western. Unha aventura do Oeste cunha historia xenial de redención e acción moi desfrutable.

Pokémon

Non sei se teño que dicir algo sobre este xogo, a moitos comeunos a infancia e a moitos tamén lles comeu a idade adulta. Esta saga xa clásica de Nintendo non para de renovarse, lanzando novas versións, mellorando as mecánicas, dotando dunha maior complexidade a este universo e pouco a pouco tamén modernizando o aspecto gráfico, aínda que non é nin moito menos un punto forte.

E un xogo que te atrapa, moi adictivo e divertido que che fará pasar un monte de horas diante da consola. Moita xente o ve como un xogo de nenos, pero nin de lonxe, con calquera idade podemos desfrutar profundamente del se o enfrontamos sen prexuízos.

E con isto concluímos, estou seguro de que deixo moitos títulos polo camiño, seguramente algúns mellores, pero esta é unha selección coa cal podedes comezar se vos pica o verme e non tedes moi claro por onde tirar. E os que xa sabedes un pouco do tema, cales recomendaríades vós?

Parte 1 | 15 Xogos cos que entrar no mundo dos videoxogos (Parte 1)

É o momento da old-gen

Por: Venres, 16 de Xaneiro de 2015, 12:29 COMENTAR

old-gen

2015 xa está aquí, o terceiro ano natural da next-gen, o ano no que deberían surxir os títulos para estas consolas por todas partes, e seguramente sexa así, pero se botamos un ollo á lista dos dez xogos que eu máis espero deste ano hai algo que queda patente, os grandes títulos deste ano son, na súa maioría secuelas, por iso , e aínda que poida parecer absurdo, eu vos digo, este é o momento de disfrutar da PS3, da Xbox, da Wii e dos seus xogos.

Comecemos polo que pode ser máis obvio para todos, o prezo. Non vou dicir que mercar unha consola nova da next-gen sexa cousa de ricos pero o que está claro é que non está ao alcance de todos, polo menos non ao meu como humilde estudante, e se por riba a este prezo lle temos que sumar unha cuota mensual para poder disfrutar do online e que os prezos dos xogos, incluso de segunda man, non baixan do rango dos 45€, está quedando claro que se queres a túa consola para algo máis que ser un pisapapeis o investimento a realizar é elevado. Agora botade contas, mercar unha consola old-gen de segunda man e un bo feixe de xogos e aínda vos quedará para ir ao cine, como se fóramos millonarios! Se este é o primeiro achegamento ao mundo das consolas e non che sobran os cartos a old-gen é sen dúbida a túa xeración.

Se o prezo non é para vós un factor a ter en conta, afortunados, pode que o sexa o feito de xogar as sagas completas. Porque sexamos sinceros, máis aló de se o xogo está a 720p ou a 1080p, de se ten modo online ou deixa de ter, o que fai a un xogo relevante é a súa historia, a forma na que este transcurre e como nós somos capaces de meternos dentro de cada personaxe, e por iso mesmo é este o momento de disfrutar de todo aquelo que non puidestedes xogar no seu momento a un prezo asequible, é o momento de xogar a saga Assessin’s Creed, Far Cry ou os Uncharted, tal vez de probar clásicos como Heavy Rain, L.A. Noire, Bayonetta ou Mirror’s Edge por mencionar os máis coñecidos, ou incluso de tirarse aos grandes éxitos como o GTA V ou The Last of Us, grandes xogos que se polo que fora non xogastedes no seu momento estades a tempo de probar e disfrutar como se do día do seu lanzamento se tratase sen o gran desembolso que suporía iso, unha gran selección de títulos para todos os gustos.

Poucas razóns se me ocorren para non xogar a todo aquelo que non se puido no seu momento, gran variedade de títulos e prezos que ata certo punto fan xustiza ao contido. Por iso, porque a democratización do videoxogo é esta, para min este e non outro é o momento da Old-Gen, este é o momento dos grandes xogos.

 

Imaxe | Flickr

Last of Us 2 aparece nun CV

Por: Mércores, 24 de Decembro de 2014, 11:00 COMENTAR

1405516726-2

O coello saltou fai nada, xusto no intre no que alguén se deu conta de que no CV en Linkedin dun extraballador de Naughty Dog aparecía o nome Last of Us 2. O traballador que supostamente estivo envolto no desenvolvemento desta secuela estivo no estudo traballando entre 2011 e 2014, involucrado en Uncharted 4 e Last of Us, a maiores do que durante un tempo apareceu Last of Us 2 coma proxecto no que participou, ainda que nestes intres xa non aparece dito nome.

Nunca está de mais lembrar que dende o lanzamento do xenial Last of Us aló no 2013, os rumores (e as peticións) dunha posíbel segunda parte do xogo non fixeron mais que medrar.

Uncharted 4 podería publicarse en verán de 2015

Por: Martes, 16 de Decembro de 2014, 9:00 COMENTAR

A cadea de tendas Tesco mostrou por erro durante un breve intre de tempo a data 31/07/2015 como a data de saída da carta entrega da saga protagonizada por Nathan Drake. Agora mesmo xa o trocaron de novo e aparece como o 31/12/2015, xa que o xogo non ten data oficial de publicación polo de agora.

http://youtu.be/46nbTVJ5Vg

O xogo, que acaba de mostrar un novo vídeo en que se podía ver o gameplay, é seguramente o título máis agardado da PS4, xa que os 3 anteriores, especialmente o segundo, deixaron o nivel moi alto, sendo seguramente superados únicamente por outro xogo de Naughty Dog como foi The Last of Us.

Este ano que recén comeza virá, coma sempre, cheo a reventar de videoxogos, tanto para as máquinas de nova xeración coma para as da antiga, coma para PC, ou, polo que todo parece indicar, xa neste mesmo ano, Steam Machines. Neste artigo vou recoller, dun modo totalmente persoal, cales son os 15 xogos que eu máis agardo deste ano 2014, ordeados alfabéticamente.

 

1 – Alien Isolation (PC, PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One)

Data de lanzamento: 4º trimestre de 2014.

Alien-Isolation-screen

Tralo sonado fracaso acadado por Aliens: Colonial Marines, SEGA tentará recuperar o prestixio perdido con esta nova entrega da franquicia Alien, nesta ocasión realizado por un dos estudos máis importantes da actualidade, Creative Assembly, creadores da famosa saga Total War.

Polo mostrado ata agora e polo comentado polos creadores, productores e responsábeis, o xogo virará da acción da saga Alien vs. Predator e Aliens: Colonial Marines cara o xénero do survival horror, achegándose deste modo ó filme orixinal. Para rematar esta volta atrás, a protagonista do xogo será Amanda Ripley, a filla da protagonista da saga cinematográfica, Ellen Ripley.

 

2 – Among the sleep (PC)

Data de lanzamento: Primaveira de 2014.

ats_wallpaper1440_900

Aló polo 2012 un xogo comezou a chamar a atención a nivel internacional polo seu protagonista principal: un neno de dous anos. Aínda que fíxose coñecido internacionalmente a partires de ahi, xa lograra premios e financiación por parte do goberno de Noruega, o país de orixe do estudo detrás deste xogo: Krillbite. Tralo nome que acadaron, lanzaron unha campaña en Kickstarter, que logrou acadar o seu obxectivo e que garante que sexa levado a bo porto.

Como xa se indicou, o xogo ponnos no corpo dun meniño de dous anos nunha casa na que comezan a ocorrer cousas e que, debido á curta idade do protagonista, a liña que diferenza sono de realidade vai diminuíndo o seu grosor. A maiores disto, o xogo terá compatibilidade co sistema de realidade virtual Oculus Rift, o que, trala fichaxe estrela de John Carmack, garante que o seu nivel (que calquera dos que o puidemos probar no seu momento opinamos que xa era alto) acadará un nivel superior.

 

3 – AR-K: Episodio 2 (PC, iOS, Android)

Data de lanzamento: Indeterminada

AR-K_02

Non tódolos días un videoxogo galego acada o seu obxectivo nunha prataforma coma Kickstarter, pero nesta ocasión así foi. A saga AR-K, desenvolta polo estudo coruñés Gato Salvaje, acadou a cantidade que pediran para ser quen de rematar os capítulos 3 e 4 da sua aventura gráfica episódica. Para levar a bo porto o seu proxecto, subíronse a bordo o escritor Greg Rucka, un recoñecido escritor de cómic norteamericano, e tamén incorporan a Ash Sroka, a muller que puxo a voz na triloxía Mass Effect a Tali’Zorah, para converterse na de Alicia, a protagonista da saga, na versión inglesa, xa que na versión en castelán, é interpretada por unha actriz galega, María Castro. Por certo, onte acadaron os votos necesarios para entrar en Steam a través da prataforma Greenlight.

 

 4 – Day Z (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

NoxHw

Si, o xogo xa está dispoñible en Steam. Si, en Memoria Pixelada xa falamos acerca do acceso a dita prataforma do xogo. Si, xa leva vendidas máis de 875.000 copias. Pero segue sendo un xogo en desenvolvemento. Agora mesmo accedeu a Steam (e logrou ser o xogo máis vendido nas ofertas, pese a non estar rebaixado) a través do su sistema Early Access, que permite que xogos en desenvolvemento sexan vendidos e logren o diñeiro necesario para acadar finalizarse. Actualmente o xogo está en versión alpha e espérase que entre en beta a finales de ano.

Non hai moito que dicir acerca del que non sexa xa coñecido: iniciou a moda actual dos xogos multixogador survival en primeira persoa (Infestation: survivor stories, Rust) baseados nun escenario postapocalíptico no que teremos que estar tan atentos ós enemigos do xogo coma, sobre todo, ó resto de persoas que se atopen xogando, xa que na meirande parte das veces, convértense na verdadeira amenaza. E todo iso o lograron simplemente cun mod do Arma II, agora prometen un xogo moito máis profundo ó tratarse dun título partindo de cero. A confianza de moita xente xa a teñen, e a miña entre ela.

 

5 – Diablo 3: Reaper of souls (PC, PS4)

Data de lanzamento: 25/03/2014

diablo-iii-reaper-of-souls-logo

Trala polémica e a decepción que supuxo, en parte, Diablo III no seu lanzamento, Blizzard trae esta primeira expansión do xogo, a cal inclúe un novo tipo de personaxe, o cruzado, aparte de, como é habitual, un acto a maiores dos que trae o xogo orixinal, para continuar a historia. Moitos somos os que recordamos a diferenza entre Diablo II e Diablo II máis a expansión, dun modo que non se pode concebir o xogo sen o contido adicional, debido ós profundos trocos que provocou na xogabilidade, de modo que Blizzard merécese un pouco de confianza de cara a mellorar a experiencia xogábel de Diablo III.

 

 6 – Evolve (PC, Xbox One, PS4)

Data de lanzamento: Outono de 2014

evolve

Probablemente se digo Tutle Rock Studios non acade a vosa atención, pero se troco esas verbas por Left 4 Dead pode que xa a teña. Evolve é o novo xogo deste estudo, que será publicado por 2K Games. Ata o de agora coñécense poucos datos acerca do xogo, aparte de ser un xogo multixogador. Pero o máis significativo do coñecido ata o momento é, sen dúbida, a sua proposta de xogo, na cal un equipo de 4 xogadores ten como obxectivo cazar ó monstruo que manexa o carto xogador.

 

7 – Game of Thrones

Data de lanzamento: indeterminada

article_post_width_news-game-of-thrones-telltale-rumor

Todos aquelas persoas que probaran The Walking Dead, o xogo de Telltale, entenderán a seguinte operación: Telltale +George  RR Martin + Game of Thrones. Non fai falla decir nada máis.

 

8 – Mario Kart 8 (Wii U)

Data de lanzamento: Primavera de 2014

TM_WiiU_MarioKart8

¿Qué podemos decir de Mario Kart que non sexa coñecido? Velocidade, risas, pasar un bo rato cos amigos e manexar ós teus personaxes favoritos unha vez máis subidos en karts, todo elo aderezado polos xa coñecidos powerups da saga. Teñen a fórmula do éxito, e saben aproveitala. Ó igual que todas as anteriores entregas, un must have.

 

9 – Mirror’s Edge 2 (PC, PS4, Xbox One)

Data de lanzamento: Indeterminada.

news_photo_29555_1370371972

Corría o ano 2008 cando en Xbox 360 e PS3 apareceu un xogo moi luminoso, rápido, cun mundo colorido, baseado en correr, saltar e empregar a axilidade da protagonista para chegar ata o seguinte edificio, saltando de tellado en tellado. O seu argumento, baseado en parte na novela de George Orwell 1984, era simple, ainda que adictivo, e o escenario, moi lineal, chamaba á exploración e a tentar escalar ata onde puidéramos para poder botar un ollo á cidade dende o punto máis alto do edificio máis alto. Mirror’s Edge 2 promete precisamente o que lle faltaba ó seu predecesor: un mundo aberto. Simplemente mantendo as cualidades da primeira entrega e engadindo este novo mundo aberto, o xogo dará un salto de calidade e convertirase nun dos máis rechamantes do ano sen dúbida de ningún tipo.

 

10- Rambo: The videogame (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 21/02/2014

rambo2

Moita xente non estará dacordo co feito de que elixira este xogo por diante doutros para aparecer nesta lista dos máis agardados do ano, sendo un xogo que estou seguro de que non marcará un antes e un despois en ningún aspecto, e que seguramente estea cheo de erros. Pero pensade en que é de esperar que podamos facer cousas como estas. ¿Seguides pensando que o xogo non vai ser entretido? Eu non teño dúbida de ningún tipo, máis ainda tendo en conta que o xogo consistirá en superar esceas dos 3 primeiros filmes da saga.

 

11 – South Park: the stick of truth (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 06/03/2014

South-Park-The-Stick-of-Truth-sí-será-lanzado-en-2013

Moitos medramos vendo na televisión ós polémicos debuxos South Park. Agora chegan cun dos xogos máis agardados do ano 2013, que tivo que ser desprazado a 2014 debido ós problemas económicos do seu distribuidor THQ. O xogo prometía no seu momento, e continúa prometendo agora mesmo, un xogo de rol no cal os creadores da serie teñen responsabilidade na elaboración do guión, cos personaxes míticos da serie (agardamos, coma non podía ser doutro modo, a morte de Kenny), será algo que moitos non queremos deixar pasar.

O xogo comeza xa antes do seu lanzamento a xerar a polémica esperada, xa que a Australia chegará unha versión censurada do mesmo. E seguramente non sexa o derradeiro mercado no que sofran recortes.

 

12 – Star Citizen (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

ObitalStation01

 

Atopámonos ante o xogo que ten o record de financiación a través de crowdfunding: ata o momento acadou un total de 37 millóns de dólares. A financiación arrancou coma un foguete en canto fíxose público que Chris Roberts, o creador da lexendaria saga Wing Commander, retornaba ó mundo dos videoxogos. E como era de esperar, retorna co que mellor sabe facer: un simulador de combate espacial. Ainda que nesta ocasión, o xogo vai moito máis alá dun xogo de simulación de combate, xa que trátase dun MMO cun mundo persistente e ca posibilidade de incluir mods. Como exemplo do interese que está a provocar, recentemente abriuse o sistema para crear clans, e en 12 horas creáronse máis de 4900 asociacións para xogar xuntos. O xogo ten toda a pinta de ser un dos máis importantes do próximo lustro, e apunta a ser unha dura competencia para o actual líder deste tipo de xogos, o World of Warcraft.

 

13 – The Walking Dead: Season Two (PC, PS3, Xbox 360, Vita, iOS)

Data de lanzamento: 17/12/2013

WDS2_KeyArt_1920x1080_NoLogo_large_verge_medium_landscape

Estamos ante a secuela dun dos xogos máis sorprendentes dos derradeiros anos, e que supuso a consagración do seu estudo creador, Telltale, e que confirma o troco da aventura gráfica clásica, con puzles cunha dificultade elevada a un novo modelo de aventura gráfica, centrada ó 100% na historia e nos personaxes. Precisamente un dos personaxes desta primeira entrega da saga é a protagonista desta segunda parte, a nena Clementine, seguramente a personaxe favorita da meirande parte dos que xogaron esa primeira parte.

O xogo é certo que foi publicado en Decembro de 2013, pero é unha aventura episódica que terá todos os seus episodios excepto ese primeiro publicados en 2014. E se continúa ca calidade do seu predecesor, non descarto para nada que estea pelexando de novo polo GOTY.

 

14 – The Witcher 3: Wild Hunt (PC, PS4, Xbox One)

Data de publicación: Indeterminada.

420

Máximo favorito ó GOTY 2014, e ainda non se viron máis que unhas poucas imaxes e algún vídeo. Non fai falla máis. Se The Witcher 2 foi un dos mellores xogos da xeración pasada, esta terceira parte da saga apunta a mellorar ó seu predecesor, incluindo a principal carenza do xogo anterior, a falta dun mundo totalmente aberto no que poder perderse.

É de esperar que, do mesmo modo que o seu predecesor, marque un hito no tocante ó aspecto técnico (CD Projekt Red descartou realizar o xogo para PS3 e Xbox 360 pola imposibilidade de que funcionara neses sistemas), a nivel historia é de supor tamén que será tan sobresaínte como o Assassins of Kings e, sobre todo, contará cun dos, se non o mellor, personaxe da xeración anterior, o lobo branco, Geralt de Rivia.

Agardaremos impacientes a publicación da data definitiva de saída ó mercado, porque de seguro valerá a pena a espera e ata o derradeiro céntimo que custe.

 

15 – Uncharted 4 (PS4)

Data de publicación: Indeterminada

2498622-nathan_drake

 

Se na posición 14 falábamos dun dos mellores personaxes da xeración, neste derradeiro xogo estamos a falar doutro dos grandes, Nathan Drake, o protagonista da saga Uncharted.

O desenvolvemento desta cuarta entrega da saga, a primeira nas consolas de nova xeración leva rumoreándose dende inicios de 2013, pero leve un ano en desenvolvemento o xogo ou non, unha cousa está clara: será, ó igual que todos os anteriores xogos da saga e o derradeiro xogo dos seus creadores, Naughty Dog, técnicamente rompedor no momento da sua saída. O fixeron co Uncharted 2, superando todo o visto ata entonces en PS3, o melloraron un pouquiño máis en Uncharted 3 (ainda que como xogo é peor que o 2, técnicamente é lixeiramente superior) e remataron de romper con todo co The Last of Us, marcando un tope técnico en PS3 que seguramente non sexa superado. Esta cuarta entrega será peliculeira, palomiteira totalmente, de consumo lixeiro, ó igual cas 3 anteriores, pero seguro que igual de entretida e adictiva.

Novo tráiler de «The Last of Us: Left Behind»

Por: Mércores, 22 de Xaneiro de 2014, 21:30 COMENTAR

the-last-of-us-left-behind
A compañía Naughty Dog ven de publicar un tráiler do vindeiro DLC Left Behind para «The Last of Us».

Ellie, xunto coa súa amiga Riley serán as protagonistas da historia deste novo DLC.

O lanzamento está previsto para o vindeiro 14 de febreiro.

O troco xeracional

Por: Martes, 17 de Decembro de 2013, 12:00 1 COMENTARIO

the-last-of-us-03

Nestes intres atopámonos nos albores da chamada “nova xeración” de consolas, dividida en 3 máquinas: Nintendo Wii U, Microsoft Xbox One e Sony Playstation 4. Este troco xeracional está en boca de todo o mundo, a xente bótase a comprar estas novas consolas nas tendas especializadas ou non tan especializadas, as distribuidoras anuncian os novos xogos que sairán no próximo ano 2014, os estudos de desenvolvemento están traballando para habituarse ao funcionamento destas consolas e exprimirlles ata a derradeira gota de rendemento e estamos no principio dun proceso de saturación publicitaria nos medios maioritarios de comunicación de cara a convencernos a todos das bondades da nova xeración e as melloras que traerá en contraste ca anterior.

Sen dúbida entre estas melloras atoparémonos cun novo surtido de filtros, texturas de alta resolución, escenarios moito máis grandes que na actual e un sinfín de novos efectos, reflexos en cristais e a auga máis realista vista xamáis nunha consola de sobremesa. Pero o meirande troco, o troco que marca realmente un cambio de xeración, xa tivo lugar. E tivo lugar sen que nos déramos conta.

Neste troco temos 3 puntos de vital importancia, que compoñen súa particular trinidade. Un tuvo lugar no ano 2010, o outro no 2011 e o derradeiro neste mesmo 2013, a mediados de ano, para ser máis precisos.

Os trocos típicos na industria do videoxogo tiñan lugar por motivos total ou case totalmente técnicos, do modo que o fixo Doom no lonxano 1993, ou do modo no que as diferentes xeracións de consolas van aparecendo co paso do tempo e proporcionan novas posibilidades para os programadores de facer mellores e máis impresionantes xogos. O troco do que vou falar non ten nada que ver cun apartado técnico, senón que é moito máis sutil, pero que ten a mesma ou incluso máis importancia que calquera mellora técnica.

Para poder entender o troco, hai que porse en situación e retroceder ata ese ano 2010. GTA 4 acumulaba críticas positivas alí onde fora analizado, pero non deixaba de ser un GTA, cas típicas cousas que facer nun xogo da saga. Uncharted e sobre todo Uncharted 2 levaran o escalón gráfico na PS3 ao seguinte nivel, Mass Effect acababa de presentar a súa segunda parte, os rumores acerca de Skyrim comenzaban a ser xa imparables e o boom dos xogos indies estaba iniciándose tralo lanzamento de Braid e a inminente chegada de Limbo.

heavy-rain-21

Nese contexto aparece a finales de Febreiro de 2010 o xogo que conforma o primeiro piar do troco, Heavy Rain.
5 anos despois do seu anterior xogo, o aclamado Fahrenheit, a empresa francesa Quantic Dream lanza este xogo, que borra dun plumazo a separación entre videoxogos e cine ao proporcionar unha experiencia prácticamente cinematográfica, cunha historia complexa, múltiples opcións ao longo da historia e pondo de moda o tan empregado actualmente recurso dos QTE para realizar a interacción entre persoa e xogo. Pero non é este o troco ao que nos ocupa, senón que este ven dado pola propia historia en si mesma, unha historia que Microsoft rechazou engadir ao catálogo da súa Xbox 360 e que provocou que Heavy Rain se convertira nun exclusivo de Playstation 3. Así pois, esta negativa de Microsoft a permitir a publicación na 360 dun xogo no que o argumento xira en torno ao asasinato de nenos e que ponlle en bandexa de prata á competencia un xogo que resultou ser un auténtico vendedor de consolas, xa forma, merecidamente, parte da historia dos videoxogos.

The-Witcher-2-Assassins-of-Kings-PC-2

Únicamente un ano despois de este xogo, aparece outro, o segundo dunha saga baseada nos libros de Geralt de Rivia, escritos por Andrzej Sapkowski e feito por un pequeno estudo polaco chamado CD Projekt RED. Este xogo, aclamado internacionalmente dende o momento do seu lanzamento pola súa combinación de historia, xogabilidade e apartado técnico, foi publicado baixo o nome The Witcher 2: Assassins of kings. A pesares de que técnicamente a súa calidade máxima co filtro hiperrealista activado é motivo máis que dabondo para marcar un hito técnico no momento (non en vano é seguramente un dos mellores xogos técnicamente falando da xeración xunto co Crysis e ainda hoxe en día non son poucos precisamente as computadoras capaces de movelo fluidamente con dito filtro activado), o punto máis destacado do xogo é, sen dúbida, a súa historia. Unha historia complexa e apaixoante, que atrapa ao xogador ate o mesmo final e que toca de modo bastante explícito un tema que non é moi común no mundillo, e menos tratado ca seriedade mostrada en The Witcher 2, coma é o tema do sexo. Si, todos xogamos a algún Larry e todos coñecemos os métodos de recuperar vida dos GTA, pero unha cousa é iso, e outra moi diferente é tratar o sexo do modo que se trata neste xogo, dun modo adulto e sen tapuxos. Non vou por aquí ningún vídeo, xa que sería spoilear a historia, pero unha busca rápida polo Internet permitiravos comprobalo.

The-Last-of-US-PC-game_1920x1080

De este modo, chegamos ao terceiro e derradeiro xogo, publicado neste mesmo 2013, trepou ao momento ate as posicións máis elevadas na maioría de rankings xa non só dos mellores xogos do ano, nen sequera nos dos mellores xogos da súa plataforma, senón que xa directamente entrou nos dos mellores xogos da xeración. Seguramente con estes datos xa saberedes de qué xogo estouvos a falar, pero se vos digo que os protagonistas son un home atormentado e unha nena, xa quedan disipadas as dudas. Falo, efectivamente, de The Last of Us.
Cando todo indicaba que a PS3 alcanzara o seu tope gráfico con Uncharted 2 e 3, o mesmo estudo de desenvolvemento, o xa histórico Naughty Dog, saca este xogo que, lonxe de ser un Uncharted máis, é moito máis, xa non polo seu formidable apartado técnico, apartado que está xa non entre os mellores de PS3, se non que seguramente sexa o tope técnico da presente xeración de consolas. O igual que no caso de The Witcher 2, a pesares deste formidable apartado técnico, o máis destacado non é iso, senón que é a historia, sendo máis concretos neste caso, o desenvolvemento dos persoaxes, que acadan unha simbiose que queda patente no seu final, que poderá ser máis ou menos criticado, pero que xa é parte da historia dos videoxogos.

Así pois, estes 3 piares conforman o troco xeracional ao que me refería anteriormente: o troco dunha época na que os videoxogos eran un elemento de divertimento, pero nada máis a unha época na que os videoxogos son un modo de entretemento adulto, maduro, complexo, e no que cada vez vai haber menos temas tabús.

Non é casualidade que estes 3 xogos foran considerados entre os mellores da presente xeración, e non é casualidade que foran os elexidos para este artigo. O salto dado por Heavy Rain involucrando ao xogador nunha película interactiva, cunha historia moi dura, cun tema que fai 10 anos sería imposible de tratar nun videoxogo sen que se che botaran ao pescozo, e un xiro final do guión espectacular, que converte os últimos intres de xogo nunha contrarreloxo na que chegas a sentirte realmente agobiado pola situación e a complexidade argumental de The Witcher 2, teñen o seu cumio na historia de The Last of Us. Un xogo violentísimo, escuro como o que máis, no que daste conta de que as accións que cres axeitadas no momento provocan un dano no que non repararas e no que os persoaxes evolucionan ante os teus ollos ao máis puro estilo dunha película, e que ademáis ese xogo teña as críticas tan positivas que ten, deixan de manifesto que algo trocou no mundo dos videoxogos.

Os videoxogos xa saltaron á seguinte xeración, o troco empezou fai xa casi 4 anos e pasou inadvertido para a meirande parte da xente, pero xa non vai ir a ningún lado.

«The Last of Us», versión Lego

Por: Luns, 16 de Decembro de 2013, 13:00 COMENTAR

Como sería a versión Lego de «The Last of Us»

Vía | Brian Anderson

The Last of Us descarta a súa aparición na PS4

Por: Venres, 18 de Outubro de 2013, 15:44 COMENTAR

TheLastofUsPoster

Rumores existen de todos os tipos, e días atrás comentábase a posibilidade de que o xenial xogo de Naughty Dog, The Last of Us puidese saltar de xeración e aterrar na Playstation 4.

O desenvolvedora xa comentara varias veces que este rumor era falso e volveuse a reiterar:

Aqueles que queiran vivir a marabillosa historia de Joel e Ellie terán que facelo na Playstation 3.

Como podedes comprobar a xenialidade que naceu na PS3 quédase na PS3, é máis, Naugthy Dog segue traballando nel, nun DLC titulado Territorios Abandonados, ofrecendo 4 novos escenarios a un prezo de 9.99€.

Se aínda non lestes a análise de The Last of Us, non perdades máis tempo e seguide este enlace.

TheLastofUsPosterAsí o confirma Naughty Dog despois de que os rumores chegasen á rede. A compañía aclarou que se rebaixou a violencia no multixogador, polo que non existen as amputacións nos personaxes, así como unha diminuación do sangue.

TheLastofUsPoster
Segundo as cifras ofrecidas por Sony, a nova xoia de Naughty Dog acadou a cifra das 3,4 millóns de copias vendidas entre o 14 de xuño (data de lanzamento) e o 3 de xullo, converténdose así na nova franquía máis rápida da historia da PlayStation 3 en acadar esas cifras.

O presidente de Sony Computer Entertainment (SCE), Shuhei Yoshida declarou:

“Estas cifras de vendas son unha proba da exitosa calidade de “The Last of Us”.

“Os equipos de Naughty Dog son auténticos visionarios e as súas capacidades narrativas son inigualables. Este título é unha demostración indiscutible.”

“SCE segue tendo o compromiso de ofrecer experiencias únicas de xogo que redefinen a industria do entretemento interactivo e “The Last of Us” é un exemplo perfecto.”

Por se aínda non o probáchedes, podedes ler a análise que fixemos deste videoxogo recentemente.