Xbox One, enviada antes de tempo

Por: Luns, 11 de Novembro de 2013, 11:00 COMENTAR

xbox one disco duro
Polo menos dous usuarios da tenda Target xa recibiron nas súas casas a nova videoconsola de Microsoft e fálase de que esta cifra podería chegar aos 100 casos.

Un dos usuarios decidíu subir un vídeo a YouTube desempaquetando a videoconsola e amosando o contido da caixa. Aínda que o vídeo foi eliminado nun primeiro momento por unha reclamación da propia Microsoft, volveu a subilo e, polo de agora segue a estar dispoñible. Aquí o tedes:

Pese a obter a consola lexítimamente, a consola foi expulsada dos sistemas en liña de Microsoft, aínda que dende a compañía xa se apuraron a afirmar que “fose o que fose o que pasou, non será permanente. Podo afirmalo cun 100% de seguridade”, tal e como comentou o propio Larry Hryb.

Segundo este usuario, a primeira descarga obrigatoria ocupa uns 500 MB e xa hai dispoñibles varios xogos na tenda dixital, como o Call of Duty: Ghosts ou o Lococycle.

O outro usuario, nada máis recibila, decidíu subastala en eBay, cun prezo de saída de 999 dólares (uns 783 Euros), pero chegou a acadar os 10.000 dólares (uns 7.840 Euros) antes de ser cancelada por petición da propia compañía.

Dende a cadea de tendas Target comentaron que esas consolas foron enviadas antes de tempo por un erro do sistema e que a cifra podería chegar ás 150 consolas, mais afirman que non foi un envío masivo.

Nun comunicado oficial, Microsoft afirmou que restrinxirá o acceso aos servizos en liña a todas as videoconsolas que se conecten antes do día de lanzamento oficial. Suponse que ese bloqueo será levantado o mesmo día de lanzamento, mais cos de Redmond, calquera sabe…