Que personaxes levará esta entrega?

Outro dos xogos que chamou atención da xa pasada feira E3 2011 foi a nova entrega de Super Smash Bros. A verdade é que non se escoitara falar nada desta cuarta entrega até a propia feira, algo que chama realmente a atención, pero despois de deixar pasar uns días e repousar o ambiente, podemos contar un par de cousas sobre este título de loitas.

O primeiro que fixo Masahiro Sakurai, máximo responsábel do videoxogo foi facer unha clara diferenza entre a versión de 3DS e de Wii U.

Con respecto á 3DS pretenden que sexa unha experiencia máis centrada no modo historia para un xogador, coa posibilidade de editar e adestrar ao noso personaxe. Ademais, coas opcións sociais da máquina poderiamos ter os nosos logros sempre á nosa man.

Pero falando de Wii U a estratexia é diferente, xa que mencionaron que pretenden crear unha experiencia máis social, dado que esta consola permite que se enfronten máis xogadores simultaneamente. Por suposto, adornado dun apartado técnico moi superior.

Pero o que máis chamou atención destas declaracións foi que cando lle preguntaron cales serían os novos personaxes e se incluirían algún de Capcom, mencionaron que estaban pensando no tema e que non descartaban nada.

Significa isto que poderemos ver a Mega Man no próximo Smas Bros disparando a súa arma?