Super Mario Land (GB)

Por: Sábado, 11 de Setembro de 2010, 1:08 1 COMENTARIO

Alá pola lonxincua década de 90 había un xogo imprescindíbel en toda Game Boy, o Super Mario Land. Foi o primeiro xogo de Mario para unha videoconsola portátil (se non considerarmos as Game&Watch, claro).

Lembro, cando neno, ver outros cativos con máis sorte ca min coa súa Game Boy tocha tixolo gorda Classic, unha proeza da tecnoloxía que usaba catro pilas para poder acender a pantalla de cristal líquido en branco e negro. Esa pantalla que non tiña máis iluminación que a propia do sol ou da lámpada que estivese iluminando o ambiente nese momento. Pois esoutros cativos xogaban, mentres rosmaban molestos porque mirase por riba do seu ombro, ao Super Mario Land.

Cando por fin tiven a miña primeira Game Boy co seu correspondente cartucho pirata* con 15 xogos, un deles era o ansiado xogo do fontaneiro de Nintendo. A xente dirá o que queira dos xogos antigos, que os gráficos son noxentos comparados cos de agora, que non tiña historia, que era lineal, pero podo dicir sen temor a me enganar que xa non se fan xogos como ese. Levoume tardes e tardes conseguir pasalo, e cada vez que morría e tiña que comezar era unha posta a proba da miña constancia e esforzo. Cada cogumelo, cada flor, cada castelo no que a princesa Daisy resultaba ser un bicho feo disfrazado, supuñan un desafío a superar.

E, como todo bo xogo, ao derrotar o xefe final e rescatar a princesa, e recompensa é… o modo difícil! Si, pasar o xogo de novo cun maior nivel de dificultade. E ese modo si que é un verdadeiro reto para xogadores. Hoxe en día moitos xogos pecan de facilidade, fanse accesíbeis a todos os tipos de usuarios e chegan a ser insultos á capacidade intelectual. Daquela non, xogos como o Super Mario Land aínda son hoxe un desafío para quen afirme ser seareiro dos videoxogos. Desde aquí, convídovos a desempoardes as vosas vellas Game Boy e xogardes unha partida. Polos vellos tempos. Polos tempos deste vello.

E até o meu seguinte post, déixovos con esta canción dedicada ao insigne Super Mario:

*Nenos, a pirataría é mala. Non asaltedes barcos.