Análise Beta: Dead Island Epidemic

Por: Mércores, 25 de Marzo de 2015, 14:00 COMENTAR

deadislandepidemic

A estrea da franquía no xénero MOBA esta a pasar sen facer moito ruído polo océano de free-to-plays dispoñíbeis. Sen demasiada boa crítica, non acaba de ter ese factor diferenciador que parece que procuran os xogos online de moda. Coa lembranza dos anteriores Dead Island que tan ben nolo fixeran pasar decido darlle unha oportunidade. Descargámolo nas nosas librarías de Steam para ver que é o que nos ofrece.

De primeiras, o que temos que ter en conta e que non nos atopamos fronte a un Dead Island ao uso. Non imos ter un xogo de acción/shooter en primeira persoa, senón que imos ver algo parecido ao que xa vimos en xogos como Lara Croft: Guardial of Light e Temple of Osiris, mais daixando de lado os crebacabezas. Teremos unha idea moi próxima se xa probamos a boa idea desastrosamente executada que foi How to Survive.

Como xa dixemos, este xogo basea o seu atractivo na cooperación online, aínda que podemos xogar misións individuais. Como xa acontecía nos anteriores, o modo de un xogador presenta múltiples deficiencias que só poden ser obviadas se se ven compensadas por un xogo que poida facerse moi divertido en compaía. Porén, este non acaba de ser o caso de Epidemic. Si que é certo que en compañía podes deixar de lado as súas carencias, pero fáltalle un plus para darlle unha boa acollida e escollelo sobre outras opcións.

Non debemos esquecer que aínda se encontra en fase beta, e que tanto os modos de xogo como as mecánicas poden verse melloradas nunha versión final. De todas as formas imos comentar o que é o xogo a día de hoxe, que é o que podemos probar.

deadislandepidemic3

Mecánica

A mecánica de xogo é sinxela e moi similar á que podemos ver noutros xogos similares. Controlamos a nosa personaxe coas teclas WASD, diriximos os ataques co rato e lanzámolos facendo clic esquerdo e dereito. Outras teclas como Q, E, R, F ou C serven para usar as habilidades especiais, curarnos, accións de soporte e menús.

Os obxectivos base das partidas son obter subministros, ben de puntos de subministro ou de inimigos clave, e levalos ao punto de partida. Pode haber maior ou menor dificultade, ou diferentes problemas, pero esa é a razón do xogo. Cousas moi boas saíron de mecánicas máis sinxelas, mais é ben certo que aquí se sente a falta de algo de variedade nas misións se o que pretende é que a xente xogue habitualmente.

Nos modos de xogo temos os tres típicos: un xogador, PvE e PvP. O modo de un xogador, sen estar mal, parece estar máis orientado só ás primeiras partidas como aprendizaxe que a un xogo mantido no tempo. Doutra banda, tanto ao PvE como o PvP, mellorando moito o anterior, séguelles a faltar un punto máis nas mecánicas e nas motivacións da partida para lles ver algo de sentido. O PvE faise nun equipo de 4 e teñen que se cumprir as misións que indicadas. No PVP topamos tres equipos de 4 xogadores loitando por ser o que máis suministros obteña.

deadislandepidemic4

Compoñente RPG

Así que comezamos a xogar podemos escoller unha personaxe incial. Temos as típicas clases de apoio, forza bruta, curación… e cada personaxe contará con dúas destas clases. Pola miña parte escollín apoio e curación, sempre fun de ir coidando dos demais. Segundo vas avanzando misións comezas a obter puntos de experiencia e a avanzar niveis cos que activas habilidades e melloras que podes ir incorporando. No meu caso a personaxe contaba cun ataque especial, unha habilidade de curación, e case ao principio desbloqueei unha bomba de fume e unha de feromonas, que serven para dar vantaxe nos combates.

Dentro de cada partida imos subindo uns niveis cos que mellorar as habilidades que xa teñamos. Ese progreso desaparece ao acabar, e teremos que volver subilo de cada vez. Non é nada que sexa moi difícil e así que saibas o que usas máis a miúdo xa terás automatizadas as accións. Isto resultoume moi confuso no comezo, porque daba a sensación de que subías de nivel, pero ao saír da partida non se vía reflexado no teu nivel de xogador, tendo que volver subilo na seguinte.

deadislandepidemic1

Como nos demais xogos da saga, temos un banco de traballo co que fabricar novos elementos como armas ou melloras. Isto farémolo coas pezas que nos obsequian ao final de cada ronda.

Os pagamentos in-game

Non podía faltar isto nun xogo F2P. Poderemos fundir o noso cartón engadindo diñeiro ao xogo, que nos servirá para mellorar calquera aspecto do personaxe e das armas. Iso si, todo pode ser mercado sen necesidade de pagar, mais facelo está claro que acelera moito o proceso. A falta de probalo máis en profundidade, coido que non é un factor tan diferenciador.

Graficamente presenta un aspecto correcto, no fío dos anteriores, no ambiente dunha illa paradisíaca. Os efectos e o movemento dos inimigos non desentoa. Neste tipo de xogos nunca imos detrás duns gráficos sobresaíntes, senón mais ben dunha xogabilidade que supere con nota varias horas de xogo.

deadislandepidemic2

En xeral estamos ante un xogo que pode dar un par de días de diversión para ti e os colegas. Cabe esperar que, se o xogo sae de beta, sexa con máis escenarios e máis variedade de misións. É un experimento que apunta alto, e como primeira experiencia no xénero pode non ir todo o desencamiñada que puidese parecer. Sen dúbida falta traballo para que chegue a ser tido en consideración a medio prazo. Só eles saben até onde queren chegar con iso.

Nun primeiro momento a opinión coa que enfrontas o xogo é boa. Pinta ben e todo cadra como debe, pero xa cun par de horas ás túas costas comezas a ter esa sensación de que non leva a ningures, e non para de medrar segundo van pasando os minutos. Mesmo así, é unha aventura moi valida para unha fin de semana con amigos ou unha noite de xogo online sen pretensións, mais non esperedes ver o novo LoL ou TF2. Vaivos quedar pequeno. No seu favor hai que dicir que en todo o tempo que xoguei non apreciei ningún bug e os tempos de carga foron, polo xeral, curtos. O que si que vin é que facía cousas moi raras ao entrar nas partidas, case como se mudase de pantalla e o xogo e as partidas fosen dúas aplicacións distintas.

Se en novas actualización melloran nos seus puntos fracos talvez sexa un xogo que ter en conta no futuro. De momento é bastante esquecíbel.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=60|SON=65|XOGABILIDADE=65|DIVERSIÓN=60|DURACIÓN=50[/puntuacion]

Por fin podemos saber canto tempo temos de xogo

Por: Martes, 20 de Xaneiro de 2015, 13:00 COMENTAR

Así é amigos, por fin podemos coñecer o tempo que necesitamos para rematarnos todos os xogos da nosa libraría de Steam.

A web SteamLeft, á que podedes acceder dende aquí, mostranos, simplemente metendo o noso usuario da plataforma de Valve, coñecer o tempo necesario para tal fazaña. Hai que estar atento a que a configuración de privacidade estea coma pública ou do contrario a web non será quen de facer o cálculo, pero en caso de que non a teñamos así colocada, na propia páxina temos instruccións de como trocala.

A min sáeme un total de 2177 horas ou, o que é o mesmo, ver a serie Friends entera 25 veces , traballar 54 semanas completas ou viaxar á velocidade da luz entre o Sol e Plutón 200 veces. ¿E a vós?

Valve levará novas das Steam Machines á GDC

Por: Martes, 13 de Xaneiro de 2015, 9:00 COMENTAR

Dende Valve informaron recentemente de que non habería Steam Dev Days, e que a empresa levaría á vindeira GDC 2015 importantes novas acerca das Steam Machines.

Deste modo, supostamente a empresa americana mostrará importantes novas nas súas consolas e no seu mando, un dos puntos máis esperados do sistema. Ó mesmo tempo, declararon que a empresa ía ter unha presenza xigante no evento, con ditas máquinas ó fronte.

Aparece un novo Steam Controller

Por: Xoves, 18 de Decembro de 2014, 13:00 COMENTAR

stema-controller-latest-mockup-600x419

Filtrouse unha nova versión do Steam Controller, o mando das Steam Machines, cunhas modificacións que continúan na liña marcada polas versións anteriores, xa que cada nova revisión que é filtrada supón a perda dalgunha das características máis innovadoras anunciadas inicialmente, como era a ausencia de botóns ou os sensores biométricos.

Como se pode ver na imaxe superior, nesta nova revisión engádese un botón direccional no touchpad esquerdo e un control cun stick analóxico similar aos empregados por case todos os gamepads actuais.

Comezan os rumores do bloqueo rexional en Steam

Por: Xoves, 18 de Decembro de 2014, 12:00 COMENTAR

Aínda que non se trata dunha nova oficial, están comezando a surxir rumores acerca da posibilidade de que Stema comece a usar bloqueo rexional nos seus xogos para evitar a compra-venda de xogos a través de prataformas online aproveitándose das diferenzas de prezo entre paises, coma pode ser o caso da brasileira Nuuvem ou de G2A.

O último en alimentar o rumor foi un dos responsábeis de desenvolvemento de Euro Truck Simulator, que asegurou que Steam empregará a partires de agora este sistema de control. De feito estase comezando a dicir que certas rexións, tradicionalmente as máis empregadas para facer estas operacións, coma son Rusia, Indonesia ou Brasil xa teñen as limitacións en funcionamento, pero os xogos mercados ata agora non teñen ningunha penalización.

Repetimos, esta nova non é oficial polo momento, pero agardamos a confirmación oficial acerca do tema, xa que podería afectar moito ás nosas carteiras, e máis cas rebaixas de Steam comezando apenas nunhas horas.

Se xogades co PC, seguro que coñecedes de sobra Humble Bundle. Na web van ofrecendo periodicamente packs de xogos que podes comprar pagando a cifra que queiras. Vaia, así comezaron, actualmente teñen packs de libros electrónicos, apps e xogos de Android e mesmo sacaron unha loxa propia, para comprar os artigos individualmente.

Mais o que define Humble Bundle é que, do diñeiro que pagas, podes escoller que porcentaxe queres que se dedique a obras de caridade. Ou sexa, non só pagas polo xogo, senón tamén por boas causas. E a nova de hoxe é que chegaron á abraiante cifra de 50 millóns de dólares dedicados a eventos de caridade. 50 millóns!

Pois nada, só nos queda darlles os parabéns e desexar que continúen a contribuír dando diñeiro boas obras… e dándonos a nós xogos baratos!

Está aberta a promoción de Indiegala para conseguir gratis o xogo de vacas zombies The Culling of the Cows. Só tes que ir a https://www.indiegala.com/giveaway e seguir as instrucións. Implica seguir a súa conta do Twitter, dar un gústame á súa páxina do Facebook, compartir a promoción no Facebook e inserir o teu correo-e. Feito isto, é só agardar que che envíen a chave por correo-e e reclamala no Steam.

Microsoft anunciou recentemente que o seu coñecido simulador de voo, Flight Simulator, aterrizará en Steam o vindeiro 18 de Decembro. Esta edición do xogo estará desenvovolvida por Dovetail Games, os creadores de Train Simulator.

 

Unha imaxe filtrada dende a división xaponesa de PayPal parece confirmar os rumores que levan un tempo dicindo que a tan sinalada data de inicio das rebaixas de Nadal de Steam terá lugar o vindeiro 18 de Decembro.

Paga a pena recordar que estas rebaixas tradicionalmente son as mais importantes de todo o ano na plataforma de Valve, e, polo tanto, o momento perfecto para mercar ese xogo que desexamos dende fai un tempo.

nextcargame
O pasado 16 de xaneiro publicábase, dentro do programa Early Access de Steam, unha primeira versión do xogo de destrución de coches «Next Car Game» (título provisional). Nos quince días que leva dispoñible, xa conseguíu recadar máis de 1 millón de dólares, o que supón un éxito para o estudo Bugbear Entertainment.

“Isto é un incríble éxito para un xogo de coches, especialmente, considerando o difícil camiño ao éxito.”

“Ao longo do camiño, enviámoslle o xogo a numerosas compañías coa esperanza de que o xogo acabaría sendo publicado. Desafortunadamente, recibimos a mesma resposta unha e outra vez: non había mercado para un xogo como o noso. Vamos, quen ía querer correr e destruir coches como nos xogos antigos?”

O pasado mes de novembro, Bugbear cancelaba a súa campaña de financiación en Kickstarter, ao recadar pouco máis de 81.000 dólares dos 350.000 que tiñan como obxectivo, polo que o programa Steam Early Access foi unha boa opción para publicar o xogo.

Está dispoñible en Steam Early Access dende 23,99 €.

Este ano que recén comeza virá, coma sempre, cheo a reventar de videoxogos, tanto para as máquinas de nova xeración coma para as da antiga, coma para PC, ou, polo que todo parece indicar, xa neste mesmo ano, Steam Machines. Neste artigo vou recoller, dun modo totalmente persoal, cales son os 15 xogos que eu máis agardo deste ano 2014, ordeados alfabéticamente.

 

1 – Alien Isolation (PC, PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One)

Data de lanzamento: 4º trimestre de 2014.

Alien-Isolation-screen

Tralo sonado fracaso acadado por Aliens: Colonial Marines, SEGA tentará recuperar o prestixio perdido con esta nova entrega da franquicia Alien, nesta ocasión realizado por un dos estudos máis importantes da actualidade, Creative Assembly, creadores da famosa saga Total War.

Polo mostrado ata agora e polo comentado polos creadores, productores e responsábeis, o xogo virará da acción da saga Alien vs. Predator e Aliens: Colonial Marines cara o xénero do survival horror, achegándose deste modo ó filme orixinal. Para rematar esta volta atrás, a protagonista do xogo será Amanda Ripley, a filla da protagonista da saga cinematográfica, Ellen Ripley.

 

2 – Among the sleep (PC)

Data de lanzamento: Primaveira de 2014.

ats_wallpaper1440_900

Aló polo 2012 un xogo comezou a chamar a atención a nivel internacional polo seu protagonista principal: un neno de dous anos. Aínda que fíxose coñecido internacionalmente a partires de ahi, xa lograra premios e financiación por parte do goberno de Noruega, o país de orixe do estudo detrás deste xogo: Krillbite. Tralo nome que acadaron, lanzaron unha campaña en Kickstarter, que logrou acadar o seu obxectivo e que garante que sexa levado a bo porto.

Como xa se indicou, o xogo ponnos no corpo dun meniño de dous anos nunha casa na que comezan a ocorrer cousas e que, debido á curta idade do protagonista, a liña que diferenza sono de realidade vai diminuíndo o seu grosor. A maiores disto, o xogo terá compatibilidade co sistema de realidade virtual Oculus Rift, o que, trala fichaxe estrela de John Carmack, garante que o seu nivel (que calquera dos que o puidemos probar no seu momento opinamos que xa era alto) acadará un nivel superior.

 

3 – AR-K: Episodio 2 (PC, iOS, Android)

Data de lanzamento: Indeterminada

AR-K_02

Non tódolos días un videoxogo galego acada o seu obxectivo nunha prataforma coma Kickstarter, pero nesta ocasión así foi. A saga AR-K, desenvolta polo estudo coruñés Gato Salvaje, acadou a cantidade que pediran para ser quen de rematar os capítulos 3 e 4 da sua aventura gráfica episódica. Para levar a bo porto o seu proxecto, subíronse a bordo o escritor Greg Rucka, un recoñecido escritor de cómic norteamericano, e tamén incorporan a Ash Sroka, a muller que puxo a voz na triloxía Mass Effect a Tali’Zorah, para converterse na de Alicia, a protagonista da saga, na versión inglesa, xa que na versión en castelán, é interpretada por unha actriz galega, María Castro. Por certo, onte acadaron os votos necesarios para entrar en Steam a través da prataforma Greenlight.

 

 4 – Day Z (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

NoxHw

Si, o xogo xa está dispoñible en Steam. Si, en Memoria Pixelada xa falamos acerca do acceso a dita prataforma do xogo. Si, xa leva vendidas máis de 875.000 copias. Pero segue sendo un xogo en desenvolvemento. Agora mesmo accedeu a Steam (e logrou ser o xogo máis vendido nas ofertas, pese a non estar rebaixado) a través do su sistema Early Access, que permite que xogos en desenvolvemento sexan vendidos e logren o diñeiro necesario para acadar finalizarse. Actualmente o xogo está en versión alpha e espérase que entre en beta a finales de ano.

Non hai moito que dicir acerca del que non sexa xa coñecido: iniciou a moda actual dos xogos multixogador survival en primeira persoa (Infestation: survivor stories, Rust) baseados nun escenario postapocalíptico no que teremos que estar tan atentos ós enemigos do xogo coma, sobre todo, ó resto de persoas que se atopen xogando, xa que na meirande parte das veces, convértense na verdadeira amenaza. E todo iso o lograron simplemente cun mod do Arma II, agora prometen un xogo moito máis profundo ó tratarse dun título partindo de cero. A confianza de moita xente xa a teñen, e a miña entre ela.

 

5 – Diablo 3: Reaper of souls (PC, PS4)

Data de lanzamento: 25/03/2014

diablo-iii-reaper-of-souls-logo

Trala polémica e a decepción que supuxo, en parte, Diablo III no seu lanzamento, Blizzard trae esta primeira expansión do xogo, a cal inclúe un novo tipo de personaxe, o cruzado, aparte de, como é habitual, un acto a maiores dos que trae o xogo orixinal, para continuar a historia. Moitos somos os que recordamos a diferenza entre Diablo II e Diablo II máis a expansión, dun modo que non se pode concebir o xogo sen o contido adicional, debido ós profundos trocos que provocou na xogabilidade, de modo que Blizzard merécese un pouco de confianza de cara a mellorar a experiencia xogábel de Diablo III.

 

 6 – Evolve (PC, Xbox One, PS4)

Data de lanzamento: Outono de 2014

evolve

Probablemente se digo Tutle Rock Studios non acade a vosa atención, pero se troco esas verbas por Left 4 Dead pode que xa a teña. Evolve é o novo xogo deste estudo, que será publicado por 2K Games. Ata o de agora coñécense poucos datos acerca do xogo, aparte de ser un xogo multixogador. Pero o máis significativo do coñecido ata o momento é, sen dúbida, a sua proposta de xogo, na cal un equipo de 4 xogadores ten como obxectivo cazar ó monstruo que manexa o carto xogador.

 

7 – Game of Thrones

Data de lanzamento: indeterminada

article_post_width_news-game-of-thrones-telltale-rumor

Todos aquelas persoas que probaran The Walking Dead, o xogo de Telltale, entenderán a seguinte operación: Telltale +George  RR Martin + Game of Thrones. Non fai falla decir nada máis.

 

8 – Mario Kart 8 (Wii U)

Data de lanzamento: Primavera de 2014

TM_WiiU_MarioKart8

¿Qué podemos decir de Mario Kart que non sexa coñecido? Velocidade, risas, pasar un bo rato cos amigos e manexar ós teus personaxes favoritos unha vez máis subidos en karts, todo elo aderezado polos xa coñecidos powerups da saga. Teñen a fórmula do éxito, e saben aproveitala. Ó igual que todas as anteriores entregas, un must have.

 

9 – Mirror’s Edge 2 (PC, PS4, Xbox One)

Data de lanzamento: Indeterminada.

news_photo_29555_1370371972

Corría o ano 2008 cando en Xbox 360 e PS3 apareceu un xogo moi luminoso, rápido, cun mundo colorido, baseado en correr, saltar e empregar a axilidade da protagonista para chegar ata o seguinte edificio, saltando de tellado en tellado. O seu argumento, baseado en parte na novela de George Orwell 1984, era simple, ainda que adictivo, e o escenario, moi lineal, chamaba á exploración e a tentar escalar ata onde puidéramos para poder botar un ollo á cidade dende o punto máis alto do edificio máis alto. Mirror’s Edge 2 promete precisamente o que lle faltaba ó seu predecesor: un mundo aberto. Simplemente mantendo as cualidades da primeira entrega e engadindo este novo mundo aberto, o xogo dará un salto de calidade e convertirase nun dos máis rechamantes do ano sen dúbida de ningún tipo.

 

10- Rambo: The videogame (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 21/02/2014

rambo2

Moita xente non estará dacordo co feito de que elixira este xogo por diante doutros para aparecer nesta lista dos máis agardados do ano, sendo un xogo que estou seguro de que non marcará un antes e un despois en ningún aspecto, e que seguramente estea cheo de erros. Pero pensade en que é de esperar que podamos facer cousas como estas. ¿Seguides pensando que o xogo non vai ser entretido? Eu non teño dúbida de ningún tipo, máis ainda tendo en conta que o xogo consistirá en superar esceas dos 3 primeiros filmes da saga.

 

11 – South Park: the stick of truth (PC, PS3, Xbox 360)

Data de lanzamento: 06/03/2014

South-Park-The-Stick-of-Truth-sí-será-lanzado-en-2013

Moitos medramos vendo na televisión ós polémicos debuxos South Park. Agora chegan cun dos xogos máis agardados do ano 2013, que tivo que ser desprazado a 2014 debido ós problemas económicos do seu distribuidor THQ. O xogo prometía no seu momento, e continúa prometendo agora mesmo, un xogo de rol no cal os creadores da serie teñen responsabilidade na elaboración do guión, cos personaxes míticos da serie (agardamos, coma non podía ser doutro modo, a morte de Kenny), será algo que moitos non queremos deixar pasar.

O xogo comeza xa antes do seu lanzamento a xerar a polémica esperada, xa que a Australia chegará unha versión censurada do mesmo. E seguramente non sexa o derradeiro mercado no que sofran recortes.

 

12 – Star Citizen (PC)

Data de lanzamento: Indeterminada

ObitalStation01

 

Atopámonos ante o xogo que ten o record de financiación a través de crowdfunding: ata o momento acadou un total de 37 millóns de dólares. A financiación arrancou coma un foguete en canto fíxose público que Chris Roberts, o creador da lexendaria saga Wing Commander, retornaba ó mundo dos videoxogos. E como era de esperar, retorna co que mellor sabe facer: un simulador de combate espacial. Ainda que nesta ocasión, o xogo vai moito máis alá dun xogo de simulación de combate, xa que trátase dun MMO cun mundo persistente e ca posibilidade de incluir mods. Como exemplo do interese que está a provocar, recentemente abriuse o sistema para crear clans, e en 12 horas creáronse máis de 4900 asociacións para xogar xuntos. O xogo ten toda a pinta de ser un dos máis importantes do próximo lustro, e apunta a ser unha dura competencia para o actual líder deste tipo de xogos, o World of Warcraft.

 

13 – The Walking Dead: Season Two (PC, PS3, Xbox 360, Vita, iOS)

Data de lanzamento: 17/12/2013

WDS2_KeyArt_1920x1080_NoLogo_large_verge_medium_landscape

Estamos ante a secuela dun dos xogos máis sorprendentes dos derradeiros anos, e que supuso a consagración do seu estudo creador, Telltale, e que confirma o troco da aventura gráfica clásica, con puzles cunha dificultade elevada a un novo modelo de aventura gráfica, centrada ó 100% na historia e nos personaxes. Precisamente un dos personaxes desta primeira entrega da saga é a protagonista desta segunda parte, a nena Clementine, seguramente a personaxe favorita da meirande parte dos que xogaron esa primeira parte.

O xogo é certo que foi publicado en Decembro de 2013, pero é unha aventura episódica que terá todos os seus episodios excepto ese primeiro publicados en 2014. E se continúa ca calidade do seu predecesor, non descarto para nada que estea pelexando de novo polo GOTY.

 

14 – The Witcher 3: Wild Hunt (PC, PS4, Xbox One)

Data de publicación: Indeterminada.

420

Máximo favorito ó GOTY 2014, e ainda non se viron máis que unhas poucas imaxes e algún vídeo. Non fai falla máis. Se The Witcher 2 foi un dos mellores xogos da xeración pasada, esta terceira parte da saga apunta a mellorar ó seu predecesor, incluindo a principal carenza do xogo anterior, a falta dun mundo totalmente aberto no que poder perderse.

É de esperar que, do mesmo modo que o seu predecesor, marque un hito no tocante ó aspecto técnico (CD Projekt Red descartou realizar o xogo para PS3 e Xbox 360 pola imposibilidade de que funcionara neses sistemas), a nivel historia é de supor tamén que será tan sobresaínte como o Assassins of Kings e, sobre todo, contará cun dos, se non o mellor, personaxe da xeración anterior, o lobo branco, Geralt de Rivia.

Agardaremos impacientes a publicación da data definitiva de saída ó mercado, porque de seguro valerá a pena a espera e ata o derradeiro céntimo que custe.

 

15 – Uncharted 4 (PS4)

Data de publicación: Indeterminada

2498622-nathan_drake

 

Se na posición 14 falábamos dun dos mellores personaxes da xeración, neste derradeiro xogo estamos a falar doutro dos grandes, Nathan Drake, o protagonista da saga Uncharted.

O desenvolvemento desta cuarta entrega da saga, a primeira nas consolas de nova xeración leva rumoreándose dende inicios de 2013, pero leve un ano en desenvolvemento o xogo ou non, unha cousa está clara: será, ó igual que todos os anteriores xogos da saga e o derradeiro xogo dos seus creadores, Naughty Dog, técnicamente rompedor no momento da sua saída. O fixeron co Uncharted 2, superando todo o visto ata entonces en PS3, o melloraron un pouquiño máis en Uncharted 3 (ainda que como xogo é peor que o 2, técnicamente é lixeiramente superior) e remataron de romper con todo co The Last of Us, marcando un tope técnico en PS3 que seguramente non sexa superado. Esta cuarta entrega será peliculeira, palomiteira totalmente, de consumo lixeiro, ó igual cas 3 anteriores, pero seguro que igual de entretida e adictiva.

Steam acada os 75 millóns de usuarios

Por: Xoves, 16 de Xaneiro de 2014, 12:02 COMENTAR

Steam_LogoSegundo as cifras publicadas pola compañía Valve, o seu exitoso servizo Steam xa conta con máis de 75 millóns de usuarios, o que supón un aumento de máis de 10 millóns dende o último informe do pasado outubro.