Pero como non lle vou dar a miña confianza ao Sonic Generations?,e non me refiro só aos vídeos que nos amosan os de SEGA, os cales xa dixen en máis dunha ocasión que me gustan moito, senón á grande idea por parte da compañía de poñer o Sonic orixinal (o primeiro, o inicial, o que lanzou ao ourizo á fama) como complemento desbloqueábel.

Toma, toma, como debe ser, parece que SEGA está tomando as decisións correctas neste proxecto que pretende revivir a un ourizo con moi pouca saúde e que pretenden enchelo de vitalidade con este Sonic Generations.

Confianza é a palabra, e mirémolo polo lado bo, no caso que non resulte entretido de todo, sempre podemos volver a xogar o clásico Sonic: the Hedgehog.

Seino, esta imaxe non é friki nin divertida, mais quería póla en Memoria Pixelada. É a capa da versión da 3DS xaponesa do controvertido Sonic Generations.

Vía | http://www.wii-brasil.com/

Como saberedes en Colonia estase a celebrar a GamesCom, feira con cada vez máis seguidores e que ano a ano quita protagonismo ao E3.

Pois o ourizo azul tamén estivo por alí e deixouse ver en forma dun novo tráiler de minuto e pouco onde a velocidade volve ser a protagonista, como non podía ser doutro xeito.

Despois de visualizalo un par de veces, que queredes que vos diga? Continúame agradando o que vexo.

Sei que ten partes irregulares, mais a selección de escenarios, a maneira de percorrelos, a variedade nas situacións e sobre todo a forma (rápida e continua) de superalos fai que siga con esperanzas para o próximo título de Sonic, que chegará ás nosas tendas en novembro.

Esperemos que cumpra as miñas expectativas aínda que xa hai persoas que tiveron un primeiro contacto con el e non trouxeron moi boa opinión. Verdade Amil? De todos xeitos darei a miña valoración dentro de tres mesiños e por primeira vez prefiro que Amil non teña nada de razón.

Acabo de ter cinco minutos dunha sensación rara vendo un vídeo do Sonic. Normalmente xa daba por feito o que ía topar, un Sonic ortopédico correndo como se o capasen. Mais desta volta mudou algo, mellor, mudou todo.

Acabo de ter cinco minutos de alegría vendo como o Sonic Team fixo caso aos seguidores do Sonic e con Sonic Generations pretenden resucitar unha icona que se fixo clásica con apenas tres entregas (tres e media contando Sonic & Knuckles), porque do resto é mellor esquecerse.

Vemos un Sonic a correr de verdade por escenarios en 2D, intercalando pequenas fases en 3D que polo que parece non interrompen o correcto funcionamento do xogo. Vemos un título cun apartado técnico decente. Vemos escenarios en movemento. En resumo, a min o que vin agradoume.

SEGA volverá estar na boca de todo o mundo con este título? Habémolo de saber en novembro, data en que sairá o Sonic Generations para Xbox 360, PS3 e Nintendo 3DS.

Polo de agora déixovos con este gameplay e espero a reacción dos que medraron co Sonic.