China podería levantar o veto ás videoconsolas

Por: Sábado, 28 de Setembro de 2013, 12:00 COMENTAR

china-videoconsoles
A comezos deste 2013, houbo rumores de que as autoridades chinesas estaban a barallar levantar o veto á venda de videoconsolas.

No ano 2000, o goberno chinés prohibíu a venda de videoconsolas polo medo ao impacto que tería na xente nova, o que levou á popularización dos xogos de PC e cibercafés. A pesar do veto de máis dunha década, tamén era posible conseguilas por canles non oficiais, aínda que a maioría de xogadores optaban por xogar no PC ou en smartphones.

Se temos en conta o potencial de mercado do xigante asiático, as grandes compañías están desexando poder entrar nese mercado, onde agardan (e seguramente o consigan) obter uns enormes ingresos nas súas contas.

Segundo The Wall Street Journal, o Consello de Estado afirmou onte que as compañías de videoxogos estranxeiras que operen na nova zona de comercio de Shanghai, poderán vender os seus produtos por todo o país, aínda que cada dispositivo terá que ser aprobado polo Ministerio de Cultura do país asiático.

Aínda non se coñecen datas exactas para o levantamento da prohibición, pero a nova zona de comercio de Shanghai está previsto que sexa creada nos vindeiros tres anos.