«No 1º de abril van os burros onde non deben ir»

Este artigo foi unha brincadeira do Día dos Enganos. Todo o que di é inventado.

 
ccultura1

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia vén de anunciar que a presentación oficial da nova videoconsola de Sony, terá lugar na capital galega. Despois de aprobar a paralización definitiva das obras no Parlamento Galego, o conselleiro de Cultura, Anxo Lorenzo, presenta esta nova como «un pulo para demostrar a utilidade da Cidade da Cultura ante aqueles que só souberon criticala».

A pesar dos ataques da oposición, a CdC demostra unha vez máis ser todo un referente grazas a empresas como Sony.

— Anxo M. Lorenzo (@alorenzo64)

Desde Sony aínda non houbo un pronunciamento oficial, mais na web estadounidense GameSpot adiantan os motivos. Os executivos da Sony ven cada vez máis importante o mercado europeo, dado o esmagador triunfo de Nintendo no Xapón e de Microsoft nos EUA. «Que a presentación ía ser en Europa non sorprende a ninguén», comentan desde GameSpot. Mais… por que Compostela e non outra capital europea? Máis unha vez, a dita web apunta que «o Camiño de Santiago sempre foi un punto de unión para os europeos, unha metáfora perfecta para definir a súa nova política de márketing».

O novo control da PS4, presentado o 20 de febreiro no PlayStation Meeting

O novo control da PS4, presentado o 20 de febreiro no PlayStation Meeting, do que demos parte desde esta web.

Pola súa banda, A Mesa pola Normalización Lingüística xa encetou unha campaña para que Sony aproveite a conxuntura para «deixar de dar as costas á lingua e cultura de Galiza». O colectivo reclama a Sony que a interface da nova consola inclúa o galego entre as súas opcións, e que desde a empresa se promova a tradución dos xogos ao galego, «unha pexa na normalización da nosa lingua entre a mocidade».

Descoñécese aínda a data da presentación, así como os detalles da mesma, mais os rumores apuntan que será por volta de xuño. Espérase unha comunicación oficial de Sony ao longo desta semana. Pola nosa banda, desde Memoria Pixelada informaremos de todo o que vaiamos coñecendo, e tentaremos entrar en contacto con Sony para conseguir pases de prensa ao evento. Atendede ás novas que vaiamos anunciando polo Twitter.

Torneo do League of Legends

Por: Luns, 12 de Novembro de 2012, 21:02 1 COMENTARIO

A promoción de sexto de Medicina da USC está a organizar un torneo do League of Legends para recadar fondos para o acto de licenciatura. As bases son as seguintes:

1.- O prazo de inscrición xa está aberto. Fecharase o 3 de marzo de 2013.
2.- O torneo hase celebrar entre os días 11 e 25 de marzo. A data exacta das partidas publicarase cando haxa suficientes persoas apuntadas. Tamén se ha de ter en conta a dispoñibilidade dos xogadores á hora de escoller se se xoga entre semana ou ás fins de semana.
3.- O prezo da inscrición é de 2 € por persoa.
4.- Os premios serán RPs por valor de ao redor de 50% da recadación (ha variar segundo o número de equipas) máis os RPs que Riot Games envíe á organización do torneo. A contía destes premios de Riot saberase a finais de xaneiro, unha vez formalizado o torneo.
5.- O modo de torneo está aínda por determinar, e tamén vai depender do número de participantes.
6.- O torneo será online, no mapa 5vs5 Summoner’s Rift (Grieta del invocador en castelán) con tres bans por equipa como de costume.
7.- O mínimo de participantes será de 5 por equipa, sendo o máximo de 7. Porén, só se pagará un máximo de 10 € por equipa.

Máis info:
Correo-e: torneololsantiago@gmail.com
Grupo FB: https://www.facebook.com/groups/298634216918552/