EA abandona «FIFA Manager»

Por: Martes, 26 de Novembro de 2013, 11:00 COMENTAR

fm14
Pouco despois do lanzamento da última entrega da saga, o «FIFA Manager 14», a finais do pasado outubro, chéganos a nova de que EA Sports non ten plans de lanzar novas entregas desta saga.

Nunha carta aberta no blogue oficial do xogo, o fundador e deseñador Gerald Köhler, do estudo alemán Bright Future onde se creaba o xogo, explica a difícil decisión que tomaron:

Hoxe escríbovos para contarvos que FIFA Manager 14 será a última entrega da saga de simulación futbolística comercializada por EA Sports. Esta foi unha decisión moi dura, por iso quero tomarme o tempo de explicárvola. Isto probablemente será unha grande decepción para moitos de vós e é comprensible que vos preguntedes o porqué.

O xénero dos mánagers de fútbol con este nivel de sofisticación está moi especializado e xogase primordialmente en dous países (Inglaterra e Alemaña), onde – por riba de todo – un xogo dominou prácticamente o mercado nos últimos anos. O escaso mercado e a tendencia xeral dos xogos en liña e para dispositivos móbiles tamén foron factores contribuíntes. Ademáis, FIFA Manager chegara a unha encrucillada na que un novo motor e/ou tecnoloxía en liña sería o único xeito de lle dar un impulso á saga. Cando todos estes factores foron avaliados, levounos á decisión de dar o asubío final.

Todos nós, o equipo de Bright Future e os nosos colegas de EA Sports amamos e seguimos a amar o FIFA Manager. É un xogo que cativou moitos fans ao longo dos anos e foi o noso orgullo e alegría dende a súa primeira edición FIFA Manager 2002 (con Rudi Assauer na súa portada). Tivemos a Löw e Mourinho na portada,Felix Magath dúas veces e moitos outras estrelas alemanas e internacionais que prestaron os seus coñecementos para o xogo. Tamén tivemos a fortuna de ter unha comunidade moi dedicada. A vosa pasión e compromiso co FIFA Manager é incomparable e fixo da saga unha grande ledicia na que traballar.

Tedes a nosa máis sincera gratitude. Agardamos que continúes a xogar co FIFA Manager o maior tempo posible e que os sitios dos fans sigan a ampliar e mellorar o xogo todo o que poidan. Por todos os vosos anos de apoio e a vosa paixón polo noso xogo, dámosvos as grazas.”