Sei que hai tarefas para as que o fanatismo ou a paixón excesiva non son boas compañeiras; véñenme á cabeza agora mesmo tipos armados e analistas de xogos, por exemplo. Atendendo a esta realidade amordazarei ao pequeno alter ego que me berra no interior da cabeza (na lingua dos dragóns, por descontado) a súa euforia porque por fin case tódalas pezas funcionen nun xogo de Bethesda.

Mentres ato mentalmente a ese pequeno salvaxe nalgunha árbore do camiño a Ventalia, contareivos algo sobre a miña primeira encarnación no reino de Skyrim, cando fiel á miña tradición en The Elder Scrolls fun un home bretón con malas pulgas pero bo corazón (xusto ao revés que na realidade). Se houbo algo que adorei de Skyrim foi o próprio feito de estar alí; explorar o xélido nordeste do reino, onde a neve cae día e noite. Determe despois do ocaso para pasar a noite nalgunha posada e escoitar á luz do lume ao bardo local cantar sobre as lendas do vello reino ou os sucesos actuais. Poñerme de novo en marcha antes do amencer, baixo a preciosa aurora boreal, para percorrer as grandes distancias onde nunca sabes quen ou qué pode aparecer ao xirar o camiño, nin cando che sorprenderá o ruxir dun terríbel dragón para anunciar un duro combate.

E utilizo esa carta de presentación porque considero, como teñen sinalado algúns xornalistas, que o primeiro que hai que dicer de Skyrim é que nunca ningún outro xogo foi capaz de dar tal peso ao próprio mundo no que se desenrola e ás intrahistorias (se todos usan a Unamuno eu tamén, pero ségueme caendo mal) case infinitas que nel viviremos, facéndonos compoñer a golpe de mando unha longa narración skáldica que sentiremos moi especificamente nosa.
Ler o resto da entrada »

Todo son boas novas para Bethesda Studios despois do lanzamento da quinta entrega da saga “The Elder Scrolls”. Nos últimos días coñecíase o dato de que Skyrim converteuse no segundo xogo mais vendido á semana do seu lanzamento, só superado polo famoso shooter “Call of Duty: Modern Warfare 3” (MW3).

O RPG de estilo occidental desenrolado por Bethesda conseguiu vender 3,4 millóns de copias cando só pasaran dous días dende o seu lanzamento, contestando calquera dúbida sobre as posibilidades comerciais do xénero no mercado actual e confirmando que os usuarios de consola aceptan con absoluta naturalidade un formato tradicionalmente vencellado ao PC.

Por se isto fora pouco chega dende o Xapón a nova de que “TES V; Skyrim” convértese no primeiro xogo occidental en acadar unha puntuación perfecta na revista Famitsu, rompendo co monopolio dos mais altos honores polos xogos autóctonos nunha prensa tradicionalmente endogámica.

Confírmase pois que Skyrim está escribindo unha páxina propia na historia dos videoxogos con letras de ouro. Seguiremos atentos aos seus progresos.