Acabo de ter cinco minutos dunha sensación rara vendo un vídeo do Sonic. Normalmente xa daba por feito o que ía topar, un Sonic ortopédico correndo como se o capasen. Mais desta volta mudou algo, mellor, mudou todo.

Acabo de ter cinco minutos de alegría vendo como o Sonic Team fixo caso aos seguidores do Sonic e con Sonic Generations pretenden resucitar unha icona que se fixo clásica con apenas tres entregas (tres e media contando Sonic & Knuckles), porque do resto é mellor esquecerse.

Vemos un Sonic a correr de verdade por escenarios en 2D, intercalando pequenas fases en 3D que polo que parece non interrompen o correcto funcionamento do xogo. Vemos un título cun apartado técnico decente. Vemos escenarios en movemento. En resumo, a min o que vin agradoume.

SEGA volverá estar na boca de todo o mundo con este título? Habémolo de saber en novembro, data en que sairá o Sonic Generations para Xbox 360, PS3 e Nintendo 3DS.

Polo de agora déixovos con este gameplay e espero a reacción dos que medraron co Sonic.