Un dos xogos estrela do E3 foi sen dúbida ningunha a segunda entrega de Mirrors Edge, un anuncio que agardaban a maior parte da comunidade gammer e que foi compensada co anuncio deste reboot cun pequeno vídeo que nos deixou con ganas de máis.
Para dar algo de luz a este proxecto, un dos directivos de EA Games, Patrick SÖderlund, soltou unhas declaracións dicindo que esta segunda entrega terá máis acción e corrixirá algúns aspectos negativos da primeira parte como a historia:
Mirror’s Edge séntese vello comparado co que hai aí fóra hoxe en día, en deseño e en todo. Aínda ten cousas frescas no seu aspecto e en como se sente, de feito, séguese vendo moi ben. Pero é un pouco da vella escola no seu deseño e nas súas mecánicas de repetición compulsiva, así que temos que cambiar ese formato. Creo que a historia é outro elemento que podería ter sido moito mellor. Non cumprimos as expectativas dese fantástico mundo que creamos e a historia é unha parte importante nun mundo así.
Recordemos que a primeira entrega de Mirror´s Edge saíu alá polo 2008 e causou furor nos xogadores pola súa proposta arriscada. Agardemos que non cambien demasiado o concepto do título.