Nintendo 3DS baixará de prezo en agosto

Por: Xoves, 28 de Xullo de 2011, 14:50 COMENTAR

Xa o comentamos no noso Twitter (@memoriapixelada), pero penso que a nova ben merece unha atención especial. E é que a Nintendo 3DS baixará de prezo o vindeiro 12 de agosto en todo o mundo. E non será unha ofertiña pequena, non, pretenden rebaixar aproximadamente un terzo do prezo actual.

Facendo contas estariamos a falar dunha rebaixa aproximada de algo máis de 80€, quedando a Nintendo 3DS nuns 167€, os cales se arredondarían a 170€, como fan sempre. Con todo, a rebaixa na Europa aínda non ten unha cifra oficial, ao contrario que nos Estados Unidos (de 249,99$ pasa a 169,99$) e no Xapón (de 25000¥ para a 15000¥).

Como vedes a rebaixa é substancial, máis que substancial. Tendo en conta o pouco tempo que leva no mercado, xa nos podemos dar unha idea dos problemas que está a ter a Nintendo con esta consola. Non vende, as 3D sen lentes non convenceron a maioría dos usuarios e o prezo de saída (xunto a ausencia dun bo catálogo de xogos) foi a gota que rebordou o vaso. E os prognósticos da Nintendo se evaporáronse nos catro meses que leva a consola no mercado.

E que facemos os que mercamos a Nintendo 3DS antes do 12 de agosto? (Á parte de nos cagar en todo, abofé) Pois a Nintendo ten pensado sacar o que denominaron Programa embaixador (Ambassador Program), que permitirá descargar un total de 20 xogos da consola virtual, 10 da NES (a partir do 1 de setembro) e 10 da Game Boy Advance (dispoñíbeis un pouco máis adiante). Para isto debedes conectarvos á eShop antes do 12 de agosto, que non vos esqueza.