Análise de Pokémon Shuffle (3DS)

Por: Martes, 24 de Marzo de 2015, 19:00 COMENTAR

Logo_Pokémon_Shuffle

Se unha palabra resume o Pokémon Shuffle é vicio. Nos tempos dos xogos casuais para móbil e do free to play, era cuestión de tempo que Nintendo dese o paso. E que mellor maneira de xuntar unha das franquías de maior fama e a mecánica dun dos maiores éxitos nos xogos para móbil? Non, ollo, non estou a insinuar que o Pokémon Shuffle se pareza en nada ao Candy Crush, mais… ben…

Vaiamos por partes. A historia de Pokémon e os xogos de quebracabezas non é de novo. Os primeiros deles foron o Pokémon Puzzle Challenge (GBC) e o Pokémon Puzzle League (N64), e máis tarde o Pokémon Link (NDS) e o Pokémon Link: Battle! (3DS). E é con este último con quen ten máis que ver. Porque veredes, o Pokémon Link Battle foi lanzado apenas na eshop, a tenda virtual, por 7,99€. É un xogo bo para amantes de Pokémon e/ou dos quebracabezas, sen dúbida, mais non deu os resultados en vendas esperados. Deste modo, a grande N tomou a decisión de simplificar a mecánica, inserir un modo de compra de vidas e potenciar os eventos online. E creou o Pokémon Shuffle.

O Pokémon Shuffle pode descargarse de balde na eshop da Nintendo 3DS. O obxectivo é ir pasando fases onde nos enfrontamos a un Pokémon facendo combinacións con 4 dos Pokémons que teñamos connosco, coa posibilidade de capturar o Pokémon ao que nos enfrontamos ao rematar. A diferenza do Candy Crush e semellantes aquí é onde entra en xogo a idiosincrasia pokemónica, xa que cada Pokémon ten un tipo, e debemos usar os Pokémons máis efectivos contra o rival en cada momento. E onde está o truco entón? Pois en que cada vez que te enfrontas a un Pokémon perdes unha vida. As vidas teñen un tope de 5, e conforme as gastas vanse rexenerando, unha vida a cada media hora. Alén disto, podes obter moedas e xemas para conseguir máis vidas ou melloras para o xogo. E se ben o xogo che vai dando de esmola algunhas moedas e xemas, a galiña dos ovos de ouro é que mediante microtransaccións podes comprar moedas e xemas con diñeiro real. E con esas moedas e xemas poder esquecer o límite de vidas e pasar o xogo rápido e fácil.

Porén, se vos son sincero, o xogo gústame máis sen gastar diñeiro. As 5 vidas gástalas en 10-15 min, e tes que agardar 2h30 para ter as 5 vidas de volta. Entón, é perfecto para partidas rápidas, como descansos do estudo, visitas ao cuarto de baño ou momentos mortos despois de comer. E o feito de ter que agardar realmente fai que teñas máis gana de xogar, viciándote máis.

Mais a xoia da coroa, na miña opinión, son os eventos online. Cada día podes facer check online, e a Nintendo vai de cando en vez sacando fases especiais para conseguir Pokémons que non se poden conseguir no xogo normal (consigue Mew, Kyogre e as formas de Rotom xa, antes de que acabe o prazo!), ou fases para conseguir moedas (co Pay Day de Meowth) e mesmo competicións online con ránking mundial para conseguir megapedras especiais (Lucarita!!).

En conclusión, se tendes unha 3DS e sodes fans de Pokémon ou dos quebracabezas, descargádeo e dádelle unha oportunidade. E se non… pois facédeo tamén. Non perdedes nada. It’s free!

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=60|SON=50|XOGABILIDADE=95|DIVERSIÓN=85[/puntuacion]

Seguimos con esta recompilación de títulos, espero que xa probásedes os da semana pasada e que veñades con gana de máis. Vamos adiante completala.

L.A. Noire

Este título presenta todos os sinais do cineme negro detectivesco. Unha serie de crimes, protagonistas cunha dobre moral e unha trama con xiros referencias  ao cinema de época. Froito do xa extinto estudio Team Bondi, para o que o desenvolvemento sen beneficios inmediatos supuxo unha carga demasiado difícil de soportar, afrontamos unha serie de casos que nos avanzarán na vida do protagonista e nos acercarán a resolver o misterio que anda detrás dos sucesos que se presentan.

Cunha calidade gráfica moi elevada, foron pioneiros nunha excepcional captura facial, sendo todas as personaxes do xogo a viva imaxe dos actores que lles dan vida. Aínda con certa dificultade no control, o xogo en si mesmo non presenta un nivel moi elevado e pode ser un título accesible para calquera.

Machinarium

Esta aventura gráfica conta cunhas mecánicas simples e un grafismo preciosista. Todos os que o xogamos no seu momento quedamos namorados do pequeno robot ao que axudaremos a salvar Machinarium do malvado plan dunha irmandade que planea destruír a torre da cidade.

Sen textos nin diálogos, toda a información que se nos transmite faise a través de debuxos e animacións, o que lle dá un toque de orixinalidade maior se cabe. Anímovos a que vos fagades con el e o probedes.

Mirrors Edge

Este experimento que saíu á luz da man de EA desenvólvese nun futuro distópico en que todo está controlado por unha ditadura. A sociedade conformista convive con isto, pero mantense unha rede de comunicacións usada polos disidentes e opositores ao réxime que consiste nunha rede de corredores que se encargan de distribuír a información. Un deles, Faith, será a protagonista e verase envolta nunha loita moito maior que ela mesma.

Nunha cidade branca con cores moi primarias que resaltan os puntos de interese, percorreremos os tellados e edificios da cidade facendo uso de habilidades moi propias do parkour, carreiras, loitas corpo a corpo e tamén armas. Conta con moitos automatismos que o fan moi dinámico e moi espectacular.

Parece que logo coñeceremos por fin a data de saída da súa secuela e as últimas informacións apuntan cara a unha triloxía, debedes coñecer a orixe.

The Last of Us / Beyond Two Souls / Heavy Rain

Este combo de aventuras de moi boa factura o teremos nas consolas de Sony, os tres estan dispoñibles en PS3 e os dous primeiros tamén en PS4. The Last of Us é un xogo puramente de aventura, nun futuro postapocalíptico, podedes ver mais na entrada do blogue, só dicir que para min é dos xogos que mais preto están do 10 na xeración anterior, podédelo ver no trailer, e a súa música non fai máis que axudar a isto.

Beyond Two Souls mestura o xénero de acción e aventura gráfica nunha historia con tinturas sobrenaturais que de seguro vos digo que paga a pena e que tedes que probar.

No caso de Heavy Rain movémonos xa máis nunha aventura gráfica cos seus crebacabezas e as súas decisións argumentais, vanlle pesando os anos que non teñen os outros dous, pero aínda se desfruta e segue a ser unha referencia no seu xénero.

Tomb Raider

Volveron as aventuras de Lara Croft, un clásico que volve pegando forte. Estamos ante un xogo de aventuras que recupera moitos dos elementos que fixeron grande a franquía e incorpora un grande número de novidades que hai que explorar.

Unha boa historia, presentada nunhas condicións inmellorables e cuns gráficos excepcionais. Ten todos os ingredientes que podemos pedir a un xogo deste estilo para ser un fixo nos nosos estantes e librarías de Steam.

Rayman Origins / Legends

 

Plataformas clásico que recupera a xa case esquecida personaxe de Rayman cun estilo moi propio e moi divertido, un xogo para xogalo rápido e que na súa continuación e nas versións que vemos en plataformas móbiles como Rayman Fiesta Run e Jungle Run segue a conservar o seu encanto. Xogo moi adecuado tanto para xogar na casa como no bus ou nos descansos coa súa versión portátil. Un xogo que dá o que propón, diversión sen complexos.

Red Dead Redemption / Saga GTA

RockStar ten case o monopolio do éxito nos xogos de mundo aberto. A saga GTA xogo tras xogo continúa a bater récords de vendas e a presentar títulos de gran calidade.

Coido que a estas alturas todo o mundo coñece estes xogos, polo menos polas alusións apocalípticas que advirten que xogando a el acabarás sendo un servo de Satán, matando embarazadas en centros comerciais ou barbaridades similares. Este xogo é o gamberrismo puro e ponnos na pel de criminais dispostos a todo. Pero fronte ao que algúns ven apoloxía da violencia, moitos outros ven parodia do típico cinema de acción e das historias que desde sempre temos nos nosos televisores, podedes ver o gameplay que fixemos no noso twitch.

Para aqueles máis fans do cinema clásico temos Red Dead Redemption que, se o GTA parodia os típicos filmes de acción e disparos este fai o propio cos spaghetti western. Unha aventura do Oeste cunha historia xenial de redención e acción moi desfrutable.

Pokémon

Non sei se teño que dicir algo sobre este xogo, a moitos comeunos a infancia e a moitos tamén lles comeu a idade adulta. Esta saga xa clásica de Nintendo non para de renovarse, lanzando novas versións, mellorando as mecánicas, dotando dunha maior complexidade a este universo e pouco a pouco tamén modernizando o aspecto gráfico, aínda que non é nin moito menos un punto forte.

E un xogo que te atrapa, moi adictivo e divertido que che fará pasar un monte de horas diante da consola. Moita xente o ve como un xogo de nenos, pero nin de lonxe, con calquera idade podemos desfrutar profundamente del se o enfrontamos sen prexuízos.

E con isto concluímos, estou seguro de que deixo moitos títulos polo camiño, seguramente algúns mellores, pero esta é unha selección coa cal podedes comezar se vos pica o verme e non tedes moi claro por onde tirar. E os que xa sabedes un pouco do tema, cales recomendaríades vós?

Parte 1 | 15 Xogos cos que entrar no mundo dos videoxogos (Parte 1)

Beta do Pokémon Ouro/Prata

Por: Domingo, 1 de Marzo de 2015, 16:35 COMENTAR

Aquí tendes a beta dos Pokémon Ouro e Prata, que deron comezo á segunda xeración da saga Pokémon.

Nota: O vídeo está en inglés.

Canal | Yuriofwind

taxonomiapokémon

Este esquema é resultado dun estudo real publicado en improbable.com (podes lelo neste pdf, páx. 15 e seguintes). Nel analiza os 646 Pokémons (até a V xeración de xogos), considerando cada cadea evolutiva unha mesma especia (Pichu, Pikachu e Raichu aparecen como Raichu), e propón unha clasificación evolutiva a partir do Pokémon ancestro común. Eu se cadra discrepo na situación de Mew e Ditto, que deberían ser ancestros; e fáltame o ser humano, xa que no mundo Pokémon é de supor que os seres humanos son tamén en si mesmo Pokémons, como os humanos reais somos animais. Mais, ei, que está moi ben! Preme na imaxe para alargala.

Os Pokémons realmente evolúen?

Por: Sábado, 7 de Febreiro de 2015, 15:47 COMENTAR

Por que lle chaman evolución cando queren dicir metamorfose?

Canal | Nerdologia

Beta do Pokémon Verde/Vermello

Por: Domingo, 1 de Febreiro de 2015, 16:30 COMENTAR

Vídeo sobre Capsule Monsters, a versión beta do que serían os xogos Pocket Monsters Green e Pocket Monsters Red, primeiras versións da saga, dispoñíbeis unicamente no Xapón. Lamentabelmente o vídeo non contén imaxes das betas, unha mágoa.

Nota: O vídeo está en inglés.

Canal | Yuriofwind

Informan de Pokéxperto que está dispoñíbel na Europa un novo evento para os xogos Pokémon Omega Ruby e Pokémon Alpha Sapphire. Introducindo o código Pokemon497 no regalo misterioso obteremos un Serperior coa habilidade oculta Contrary (Respondón) e o ataque Hold Back (Clemencia), que non poden saber doutro xeito.

Se tes dúbidas de como conseguilo, simplemente segue as instrucións que dá Pokéxperto neste vídeo.

Presentación oficial de Hoopa para Pokémon ROZA

Por: Mércores, 14 de Xaneiro de 2015, 19:31 COMENTAR

Os fans de Pokémon estamos de noraboa: hoxe Nintendo presentou oficialmente a Hoopa, o Pokémon travesura. Caracterízase por ser o primeiro de dobre tipo que combina o psíquico e o fantasma. A súa habilidade é «prestidixitador», que permite robar o obxecto do opoñente ao atacar. No vídeo, podemos ver que posuirá, polo momento, estes movementos : testarazo zen, bóla sombra e mesmo destino.

 

Na web oficial de Pokémon especifícase que non se pode encontrar de maneira normal na partida de Rubí Omega e Zafiro Alfa, pero non indican cómo conseguilo, así que teremos que esperar a que publiquen máis información.

 

Tres Pokémons que poderían matarte

Por: Mércores, 20 de Novembro de 2013, 16:48 COMENTAR

2NG5MWXF43HB

Fonte | Vsauce3

PokéBisbal

Por: Luns, 28 de Outubro de 2013, 15:46 COMENTAR

pokébisbal

Nin no mundo Pokémon se libran do Bisbal. Emitirán tamén o Luar?

Fonte | Twitter de @amilgz

Por que Charizard é o mellor Pokémon

Por: Mércores, 23 de Outubro de 2013, 14:00 3 COMENTARIOS

Hai pouco saíron os novos Pokémon X e Y, sendo un total éxito de vendas. O fenómeno Pokémon, lonxe de desaparecer, está a tomar novos folgos. Mais unha dúbida fica no ar: cal é o mellor dos xa máis de 700 Pokémons? Pois non hai unha única resposta certa… ou si, que carallo, si que a hai, é Charizard.
Pokémon_Red_Artwork

1. Charizard é un dos 150 Pokémons orixinais da primeira xeración

Na primeira xeración están os Pokémons mellor feitos. Certo é que entre os máis novos tamén hai algún Pokémon que se salva, mais a maior parte dan noxiño. De verdade, un xelado? Unha espada? Ou mesmo un Pokémon que é literalmente un monte de lixo? Por favor…

2. Charizard é un dos Pokémons iniciais orixinais da primeira xeración

De entre os 150 Pokémons da primeira xeración, hai certos Pokémons que deixaron unha pegada máis fonda que o resto. Estes son os iniciais, os que adestramos con máis ímpeto, aqueles nos que puxemos todo o noso esforzo para lograr vencer xefes de ximnasio e membros do Alto Mando. Mais mesmo dese top 3 de mellores Pokémons, Charizard destaca sobre os demais. Porque afrontémolo, unha tartaruga obesa ou un sapo obeso cunha flor nas costas non son rivais para un dragón que cuspe lume pola boca.

3. Non hai mellor xeito de voar que montado nun Charizard

Podes voar en avión, cun jetpack ou noutro Pokémon como Pidgeot. Mais, sexamos sinceros, todos nós soñamos nalgún momento con voar montados nun Charizard.

vader_riding_charizard_colorized_by_robthedoodler-d59700s

4. Porque a mesma Pokédex se encarga de demostrar o abraiante que é

A Pokédex do Pokémon Prata di: «Respira intensas e quentes chamas que poden derreter practicamente calquera cousa. O seu alento inflixe unha dor terríbel nos seus inimigos». Penso que sobran os comentarios.

5. Mega Charizard

Coa chegada dos Pokémon X e Y e a introdución da Mega Evolución na mecánica do xogo, chegaron os novos Mega Charizard X e Mega Charizard Y. Podes non gostar da nova mecánica das mega evolucións, e mesmo podes falar mal de Mega Charizard Y, mais Mega Charizard X é un pokéorgasmo para todos os que medramos xogando a Pokémon.

Ollade que malleira lle dá Mega Charizard X a Mewtwo no anime Pokémon: Origins (o momento épico comeza no minuto 2:35).

E tu, que opinas? Estás de acordo ou, pola contra, non tes criterio ningún? Fáinolo saber comentando neste mesmo artigo, ou no Facebook e Twitter.

Cando un mosquito non te deixa durmir…

Por: Mércores, 25 de Setembro de 2013, 11:59 1 COMENTARIO

Jon.vs.Mosquito

Cando un mosquito salvaxe aparece no teu cuarto no medio da noite, non hai máis remedio que librar unha batalla pokémon…

Fonte | As MIR e unha noites