phil spencer

Phil Spencer, un dos principais executivos de Microsoft falou sobre a posibilidade de que Rare volvese a facer xogos de plataformas, baixo a premisa de resucitar algúns dos seus títulos máis clásicos.

Un novo xogo de plataformas de Rare sería algo xenial. Temos ideas para moitas das máis veteranas IPs de Rare, non vos sorprenderá escoitalo, estou seguro.

Hai moito desexo por aquí de facelo, e Viva Piñata, Conker…Banjo, por exemplo, é moi popular internamente, moita xente quere facer cousas novas con Banjo.

Para min, Banjo Tooie é un dos mellores plataformas da historia, e escoitar esta nova non deixa de gustarme, mais tamén sei que dende a saída deste Banjo até hoxe en día, Rare sufríu moitos cambios que influíron directamente nos seus proxectos, diminuíndo a calidade destes até límites impresionantes.

Así que dobre cruce de dedos, un para que volva un “Banjo 3” e outra para que volva ben.

Análise de Rayman Origins

Por: Xoves, 23 de Febreiro de 2012, 18:39 COMENTAR

Outro personaxe clásico volve ás consolas actuáis e sorprendentemente faino dunha maneira que ninguén esperaba, é dicir, por todo o alto. Rayman regresa nunha aventura de plataformas en 2D, o máis puro vella escola, pero coa diferenza do apartado técnico que se alonxa dos títulos retro e fai recapacitar ao resto das desenvolvedoras de como se debe realizar un videoxogo, polo menos neste aspecto.

Ler o resto da entrada »

“Jak & Daxter Collection” chegará á PS3

Por: Martes, 11 de Outubro de 2011, 14:42 COMENTAR

Dentro de min había unha voz que dicía non volverei comentar estas colecións que sacan as compañías de xogos anteriores remasterizados e en HD dirixidas única e exclusicamente para sacar diñeiro sen moita complexidade. Mais acabo de romper este xuramente interior, porque a saga que recompilarán de novo e en HD marcoume na anterior xeración.

Exacto, refírome á grande (xoia) saga creada polos grandes Naughty Dog, Jak & Daxter, a grande triunfadora referíndonos ás plataformas (esquezamos a merda de xogo de condución que sacaron, esquezámolo).

O primeiro Jak & Daxter foi unha auténtica xoia das plataformas que cativou millóns de xogadores; a segunda parte superou todo o visto até o momento neste xénero, mesturando sand box con aventura/plataforma (totalmente imprescendíbel); e a terceira entrega tiña un aspecto máis serio e tamén moi divertido.

Pois ben, estes tres videoxogos chegarán en HD á PS3 ao longo do 2012 (aínda non especificaron día concreto). E se sodes dos que non xogastes a saga Jak sendo fans das plataformas, xa podedes estar atentos a esta recopilación, porque son uns títulos moi recomendados, personalmente resaltando á segunda entrega.

Unha mágoa que a súa compañía creadora anunciase que pretende abandonar a franquía, unha verdadeira mágoa.

Volvemos ver outro novo tráiler do próximo Rayman e continúa sendo unha auténtica marabilla para os ollos, e acostumados a ver tipos hipermusculados e realistas, agradécese poder volver ás orixes das plataformas e ver seres e escenarios coloridos e cheos de cousas que evitar.

Aínda non se sabe con certeza cando o poderemos ter nas nosas mans, pero non me digades que non tedes ganas de tirarvos por eses tobogáns, facer grandes saltos, etc.

Que ganiñas.

Déixovos co tráiler para que desfrutedes tanto coma min.

Gameplay de Super Mario 3D Land

Por: Luns, 22 de Agosto de 2011, 16:00 COMENTAR

Coa chegada de calquera consola de Nintendo todos os xogadores agardamos pacientemente a que saquen un novo Mario, porque faga o que faga (da igual que cambie de estilo ou siga estelas anteriores) sempre acaba sendo un xogazo.

Na 3DS chegará Super Mario 3D Land que mesturará o típico tempo nas fases até chegar á bandeirola final cos mundos abertos das últimas aventuras do fontaneiro.

Dende a GamesCom chéganos o gameplay do primeiro escenario onde vemos un par de trasnformacións de Mario, as plataformas coas que nos atoparemos e os ítems que deberemos ir collendo.

A min o xogo tenme unha pintaza, non sei se estarei condicionado por se tratar dun xogo de Mario, pero case estou seguro que será un xogo divertidísimo, e seino porque Mario aínda non me fallou.

Por certo, por que os que gravan estos vídeos sofren todos artrose e parálise nos dedos?, porque dende logo moita habilidade xogando non teñen.

Primeiro teaser de Sly 4

Por: Luns, 15 de Novembro de 2010, 16:33 COMENTAR

A Playstation 2 tiña tres nomes claros que definían o xénero das plataformas: Jak & Daxter, Ratchet & Clank e Sly Racoon, e todos os que amamos este xénero recordamos con moito cariño.
Pero hoxe imos só dirixirnos áo último título, xa que o mapache ladrón volverá na súa cuarta entrega.
Xa se crearan algúns rumores ante esta noticia, pero agora xa é oficial grazas a un teaser bastante enigmático, por certo (con signo interrogante e todo).
Sempre se agradecen máis plataformas, para non ter que esperar só aos todopoderosos Mario.
Esperemos que fagan as cousas como é debido e Sly 4 volva por todo o alto, aínda que teño que decir que prefería que rescatasen á eterna parella Jak e Daxter, pero aínda así non subestimo á diversión que pode chegar a ter Sly 4.

Non me canso de repetir que os únicos xogos que de verdade espero para a consola de sobremesa de Nintendo son o próximo Kirby e o Donkey Kong Returns.
Sobra decir o por qué,pero que esperar de dous nomes de esta categoría?,plataformero clásicos,gráficos coloridos e simpáticos e unha diversión dificilmente igualábel por outros títulos que pretenden achegarse a esta temática.
No caso do mono acorbatado a cada tráiler que amosan,mellores e novas plataformas aparecen,cousa que me fai prever unha nova xenialidade de videoxogo.
Nunca se pode asegurar nada antes de coller o pad na man,pero mirade este novo vídeo e decídeme vós se non ten boa pinta.

ensalved 3

Dende o primeiro tráiler que vín de Ensalved xa quedei con ganas de máis, o por qué?, pois tanto polo colorido apartado técnico, como polo desenrolo plataformeiro que tanto me gustan, pois agora xa o rematei e podo falar con toda seguridade do que me supuxo.

Comezarei falando da historia, que nos sitúa nun mundo arrasado e dominado polos mecas (seres robóticos que nos poñerán as cousas difíciles), e poñerémonos na pel de Monkey, un humano con cualidades acrobáticas que por azar do destino verase obrigado a cooperar cunha muller se quere saír vivo daquela situación. Así, recorreremos uns coloridos paisaxes e escenarios sorteando plataformas e pequenos puzles, que en máis dunha vez poderanos recordar ao Príncipe de Persia, pero a isto debemos aumentar que se morre Trip, que así se chama a nosa compañeira de viaxe, nós tamén morremos por unha diadema que nos colocou, polo que debemos protexela en todo momento de todos os inimigos que nos atopamos no camiño. Pero non só isto, se non que a cooperación entre os dous tamén se verá reflexado en detalles como axudar a Trip a sortear grandes saltos,levala ao cabaliño en diferentes lugares,chamar a atención dos mecas para que ela poida avanzar, etc.

ensalved

Pero Monkey non só deberá realizar saltos e escaladas, xa que terá múltiples cualidades que lle verán moi ben na súa aventura, xa que el terá no seu poder un bastón o cal utilizará para defenderse dos mecas. O dito bastón tamén terá a capacidade de realizar disparos de plasma, así que se unimos técnicas corpo a corpo e a longa distancia teremos unha convinación moi entretida. Tamén é verdade que as técnicas corpo a corpo son moito máis espectaculares que as de disparar, e ademáis podemos mellorar todas as nosas técnicas recollendo orbes de poder que están repartidas por todo o escenario. Pero Monkey tamén ten no seu poder unha especie de nube que lle permite moverse a gran velocidade en determinadas zonas, pero aínda que isto é unha característica moi divertida no título, esta nube só se pode usar nun par de fases polo que da a sensación de que se desaproveitou moitisimo este factor, unha pena, xa que é un detalle que pode dar moito xogo, se non que llo digan á segunda parte de Jak & Daxter co seu monopatín.

Ata aquí xa vedes, a diversión está patente en todo momento, sobre todo se sodes seguidores dos xogos de plataformas, que na gran maioría do título é o que nos adicamos.

ensalved 2

Porén, o título é completamente lineal, e aínda que a disposición dos escenarios non fai evidente esta apartado, quizáis Ninja Theory podería reclinarse un chisco máis por mundos máis abertos e menos limitados, porque isto que supón, pois que o título se pase en sete ou oito horas, que vos pasarán rapidísimo porque Ensalved engancha, e como xa dixen, se sodes fans das plataformas,engancha moito.

E isto ven estreitamente ligado ao apartado técnico, que loce un colorido impresionante e uns escenarios bastante cheos de cousas, aínda que se alonxamos a vista vemos uns fondos simples e baleiros. A representación dos protagonistas esta moi ben realizada,pero o título ten fallos de popping en determinadas ocasións que aínda que non enterrompen a diversión do xogo poderíano ter solucionado.

Rematarei falando do seu control que está á altura do bo xogo que é, pero atópolle un gran fallo, e non é outro que os saltos están todos predeterminados, é decir, se etás escalando unha torre abonda con darlle o stick cara arriba e ao botón de salto para que o propio protagonista salte xusto onde ten que saltar, detalle que lle resta emoción, xa que isto conleva a que nunca caeremos mentres realicemos ditas plataformas.

Pero aínda así estamos ante un gran xogo e moi recomendábel para todos os que desfrutamos das plataformas, un título con escenas espectaculares, cun argumento que mestura a traxedia co humor e que divirte dende o primeiro segundo. Como me gustan estos títulos que chegan sen facer moito ruído e acaban sendo xogos divertidísimos.

Super Mario Land (GB)

Por: Sábado, 11 de Setembro de 2010, 1:08 1 COMENTARIO

Alá pola lonxincua década de 90 había un xogo imprescindíbel en toda Game Boy, o Super Mario Land. Foi o primeiro xogo de Mario para unha videoconsola portátil (se non considerarmos as Game&Watch, claro).

Lembro, cando neno, ver outros cativos con máis sorte ca min coa súa Game Boy tocha tixolo gorda Classic, unha proeza da tecnoloxía que usaba catro pilas para poder acender a pantalla de cristal líquido en branco e negro. Esa pantalla que non tiña máis iluminación que a propia do sol ou da lámpada que estivese iluminando o ambiente nese momento. Pois esoutros cativos xogaban, mentres rosmaban molestos porque mirase por riba do seu ombro, ao Super Mario Land.

Cando por fin tiven a miña primeira Game Boy co seu correspondente cartucho pirata* con 15 xogos, un deles era o ansiado xogo do fontaneiro de Nintendo. A xente dirá o que queira dos xogos antigos, que os gráficos son noxentos comparados cos de agora, que non tiña historia, que era lineal, pero podo dicir sen temor a me enganar que xa non se fan xogos como ese. Levoume tardes e tardes conseguir pasalo, e cada vez que morría e tiña que comezar era unha posta a proba da miña constancia e esforzo. Cada cogumelo, cada flor, cada castelo no que a princesa Daisy resultaba ser un bicho feo disfrazado, supuñan un desafío a superar.

E, como todo bo xogo, ao derrotar o xefe final e rescatar a princesa, e recompensa é… o modo difícil! Si, pasar o xogo de novo cun maior nivel de dificultade. E ese modo si que é un verdadeiro reto para xogadores. Hoxe en día moitos xogos pecan de facilidade, fanse accesíbeis a todos os tipos de usuarios e chegan a ser insultos á capacidade intelectual. Daquela non, xogos como o Super Mario Land aínda son hoxe un desafío para quen afirme ser seareiro dos videoxogos. Desde aquí, convídovos a desempoardes as vosas vellas Game Boy e xogardes unha partida. Polos vellos tempos. Polos tempos deste vello.

E até o meu seguinte post, déixovos con esta canción dedicada ao insigne Super Mario:

*Nenos, a pirataría é mala. Non asaltedes barcos.

Máis amor de Kirby

Por: Xoves, 2 de Setembro de 2010, 18:23 COMENTAR

A Wii espera dous grandes títulos que non consigo sacar da cabeza, o regreso de Donkey Kong e unha nova aventura da bola rosa traga obxectos.

Deste último amósovos outro tráiler que revosa amor e preciosidade por todas as beiras,e tamén sabemos o fío argumental que seguirá Kirby.

O noso protagonista atopará unha froita e non se da resistido de comela, pero este manxar non estaba abandonada e o seu dono, enfadado, atrapa a Kirby cunha especie de calcetín máxico que o transportará a un mundo no que todo está feito de cordel.

O argumento non é do mellor, pero se vai ser tan divertido como era Kirby nos seus inicios firmo xa a compra, e polo que se pode ver ten toda a pinta de que o consiga.

Desfrutade deste minuto delicioso.