Unha saga emblemática volve ás nosas consolas nun título que mestura a esencia de moitos videoxogos, para dar un resultado óptimo pero pouco orixinal.
Nós controlaremos a un cabaleiro nunha perspectiva en terceira persoa na cal buscaremos resucitar a nosa amada, e para iso teremos que facer fronte a toda unha serie de señores escuros que nos poñerán as cousas máis complexas.
Na nosa posesión teremos a cruz-látigo que iremos mellorando para conseguir novos movementos como a posibilidade de balancearse, serrar estatuas, etc, etc, pero para aumentar as posibilidades do noso personaxe tamén poderemos usar orbes de luz e orbes escuros que converten a Belmont no guerreiro adecuado para cada momento.
Con todas estas posibilidades superaremos escenarios dando caza a decenas de inimigos e superando diversidade de puzles. Aquí xa teño que darlle un punto positivo a Castlevania, xa que nunha etapa na que os puzles de verdade deron paso a pequenos enigmas que apenas supoñen ningunha dificultade, Lords of Shadow recupera a esencia dos xogos antigos e absolutamente toda a aventura está salpicada de puzles de gran diversidade, moitos deles de gran orixinalidade e que vos obrigarán a pensar a súa solución. Pero claro, Mercury Steam sabe que nesta etapa os videoxogadores non queren ter a máis mínima dificultade á hora de xogar, e puxeron a posibilidade de que a propia consola os solucione, detalle que non me pareceu demasiado apropiado. Por suposto, recoméndovos que non usedes esta opción, xa que o mérito recae precisamente en solucionalos por un mesmo.
Como é obvio, o xogo non só está composto por puzles, xa que os monstros finais tamén se dan cita nesta aventura, pero teñan as súas contras. A principal contra é que moitos destes inimigos son plaxios de outros videoxogos e os máis salientábeis son os que se parecen aos de Shadow of the Collosus, e cando me refiro a plaxio estoume a referir a que incluso os movementos predeterminados do propio coloso son idénticos ao do xogo de Team Ico, e a forma de eliminar tamén é igual. Aínda así non nos vamos enganar, a diversión está asegurada igual que a espectacularidade, pero levando a cabo esta estratexia consegue que estes inimigos non sorprendan como deberían.

Por suposto, non todos inimigos son desta forma, hai moitísimos inimigos finais e cada un coa súa forma de eliminar.
Como xa dixen anteriormente, para chegar ao final de cada nivel deberemos superar as zonas de plataformeo, para isto deberemos usar todos os nosos poderes e habilidades, incluso deberemos domesticar algún inimigo grande para montarnos enriba del e superar zonas específicas. Si, igual que acontecía no God of War, e aquí está o seguinte plaxio, xa que incluso a disposición dos botóns está posta de forma idéntica ao Godo f War, golpe feble, golpe duro e agarre. Está xustificada esta imitación?, eu teño as miñas dúbidas, pero como o movemento é igual de bo que o do xogo de Kratos non se pode dicir nada.
Tamén é salientábel mencionar a cámara, para min idéntica o da saga Onimusha, é dicir, cámaras fixas que amosan os paisaxes máis espectaculares e as zonas máis importantes, pero isto trae consigo un pequeno lastre, xa que nalgunhas zonas de plataformeo resulta bastante incómoda esta cámara xa que non che indica demasiado ben para onde te tes que dirixir, e na zona de saltos pode frustrar algún destes intentos.

Aínda así, falo de momentos puntuais que non fan resentir o desenrolo do videoxogo.
Pero do que si que pode alardear este Castlevania é do seu apartado técnico, tanto a nivel gráfico como a nivel sonoro.
Graficamente é moi impresionante no que amosa uns escenarios realmente bonitos e preciosistas, sempre repleto de cousas no que nunca existirá a sensación de baleiro. O deseño dos protagonistas un tanto do mesmo, unha realización espléndida que non deixa a ninguén indiferente, iso si, como opinión persoal ségueme sen convencer a cara do noso protagonista, prodúceme máis sensación de neniño que de persoa exterminadora de todo tipo de seres malignos.
A banda sonora tan épica como o propio videoxogo, fai resaltar o que verdadeiramente quere Mercury Steam, grandeza.
Ademais, falamos dun videoxogo que supera as vinte horas de duración (poucos videoxogos de aventuras poden dicir isto), o cal me sorprendeu moi gratamente.
Así, Castlevania: Lords of Shadow é un título que mestura o mellor de diferentes videoxogos para un resultado moi divertido, entretido e variado, con momentos verdadeiramente épicos, e outros máis machacabotóns. Pero nas vinte horas que dura non aburre en absoluto ( se che gusta o xénero, por suposto), e para poñer a guinda ao pastel, o argumento está moi ben contado e cun final que sorprende a todo o mundo…… iso si, deberás pasalo para velo cos teus propios ollos.