Nesta altura todos sabemos que os xogos teñen unha serie de pictogramas na súa capa que nos indican máis ou menos de que trata, se é violento, se usa palabras malsoantes, drogas, etc. Este é o método que se emprega para que os consumidores mal informados saiban o que van adquirir.

Así pois, a Conferencia de Consumidores Usuarios (CECU) e HIPACOOP realizaron un estudo para averiguar o nivel de coñecemento que ten a poboación a respecto dos pictogramas informativos de todo tipo de bens de consumos. E foi o sistema empregado nos videoxogos, o PEGI, o que peores resultados obtivo.

Deste xeito, o resultado das entrevistas a máis de dúas mil persoas foi verdadeiramente sorprendente. Menos de unha de cada dez persoas soubo identificar o pictograma do medo (unha araña nun fondo negro) e apenas 1% foi quen de identificar correctamente o símbolo da linguaxe obscena, mentres que 80% non tiña nin maldita idea do que significaba ese globo de cómic con signos dentro.

Ante estes pésimos resultados, CECU e HISPACOOP decidiron editar e distribuír quince mil guías informativas para que o consumidor teña algo máis claro todos estes pictogramas, e a estas dúas mil persoas boa falta lle fan.

A propósito, cantas destas máis de dúas mil persoas son das que pensan que os xogos violentos están a acabar coa sociedade, virando psicópatas os rapaces… se despois non son quen de diferenciar un produto con temática violenta doutros de temática social! Aconteceralles o mesmo cando vaian comprar un filme?