Análise Beta: Dead Island Epidemic

Por: Mércores, 25 de Marzo de 2015, 14:00 COMENTAR

deadislandepidemic

A estrea da franquía no xénero MOBA esta a pasar sen facer moito ruído polo océano de free-to-plays dispoñíbeis. Sen demasiada boa crítica, non acaba de ter ese factor diferenciador que parece que procuran os xogos online de moda. Coa lembranza dos anteriores Dead Island que tan ben nolo fixeran pasar decido darlle unha oportunidade. Descargámolo nas nosas librarías de Steam para ver que é o que nos ofrece.

De primeiras, o que temos que ter en conta e que non nos atopamos fronte a un Dead Island ao uso. Non imos ter un xogo de acción/shooter en primeira persoa, senón que imos ver algo parecido ao que xa vimos en xogos como Lara Croft: Guardial of Light e Temple of Osiris, mais daixando de lado os crebacabezas. Teremos unha idea moi próxima se xa probamos a boa idea desastrosamente executada que foi How to Survive.

Como xa dixemos, este xogo basea o seu atractivo na cooperación online, aínda que podemos xogar misións individuais. Como xa acontecía nos anteriores, o modo de un xogador presenta múltiples deficiencias que só poden ser obviadas se se ven compensadas por un xogo que poida facerse moi divertido en compaía. Porén, este non acaba de ser o caso de Epidemic. Si que é certo que en compañía podes deixar de lado as súas carencias, pero fáltalle un plus para darlle unha boa acollida e escollelo sobre outras opcións.

Non debemos esquecer que aínda se encontra en fase beta, e que tanto os modos de xogo como as mecánicas poden verse melloradas nunha versión final. De todas as formas imos comentar o que é o xogo a día de hoxe, que é o que podemos probar.

deadislandepidemic3

Mecánica

A mecánica de xogo é sinxela e moi similar á que podemos ver noutros xogos similares. Controlamos a nosa personaxe coas teclas WASD, diriximos os ataques co rato e lanzámolos facendo clic esquerdo e dereito. Outras teclas como Q, E, R, F ou C serven para usar as habilidades especiais, curarnos, accións de soporte e menús.

Os obxectivos base das partidas son obter subministros, ben de puntos de subministro ou de inimigos clave, e levalos ao punto de partida. Pode haber maior ou menor dificultade, ou diferentes problemas, pero esa é a razón do xogo. Cousas moi boas saíron de mecánicas máis sinxelas, mais é ben certo que aquí se sente a falta de algo de variedade nas misións se o que pretende é que a xente xogue habitualmente.

Nos modos de xogo temos os tres típicos: un xogador, PvE e PvP. O modo de un xogador, sen estar mal, parece estar máis orientado só ás primeiras partidas como aprendizaxe que a un xogo mantido no tempo. Doutra banda, tanto ao PvE como o PvP, mellorando moito o anterior, séguelles a faltar un punto máis nas mecánicas e nas motivacións da partida para lles ver algo de sentido. O PvE faise nun equipo de 4 e teñen que se cumprir as misións que indicadas. No PVP topamos tres equipos de 4 xogadores loitando por ser o que máis suministros obteña.

deadislandepidemic4

Compoñente RPG

Así que comezamos a xogar podemos escoller unha personaxe incial. Temos as típicas clases de apoio, forza bruta, curación… e cada personaxe contará con dúas destas clases. Pola miña parte escollín apoio e curación, sempre fun de ir coidando dos demais. Segundo vas avanzando misións comezas a obter puntos de experiencia e a avanzar niveis cos que activas habilidades e melloras que podes ir incorporando. No meu caso a personaxe contaba cun ataque especial, unha habilidade de curación, e case ao principio desbloqueei unha bomba de fume e unha de feromonas, que serven para dar vantaxe nos combates.

Dentro de cada partida imos subindo uns niveis cos que mellorar as habilidades que xa teñamos. Ese progreso desaparece ao acabar, e teremos que volver subilo de cada vez. Non é nada que sexa moi difícil e así que saibas o que usas máis a miúdo xa terás automatizadas as accións. Isto resultoume moi confuso no comezo, porque daba a sensación de que subías de nivel, pero ao saír da partida non se vía reflexado no teu nivel de xogador, tendo que volver subilo na seguinte.

deadislandepidemic1

Como nos demais xogos da saga, temos un banco de traballo co que fabricar novos elementos como armas ou melloras. Isto farémolo coas pezas que nos obsequian ao final de cada ronda.

Os pagamentos in-game

Non podía faltar isto nun xogo F2P. Poderemos fundir o noso cartón engadindo diñeiro ao xogo, que nos servirá para mellorar calquera aspecto do personaxe e das armas. Iso si, todo pode ser mercado sen necesidade de pagar, mais facelo está claro que acelera moito o proceso. A falta de probalo máis en profundidade, coido que non é un factor tan diferenciador.

Graficamente presenta un aspecto correcto, no fío dos anteriores, no ambiente dunha illa paradisíaca. Os efectos e o movemento dos inimigos non desentoa. Neste tipo de xogos nunca imos detrás duns gráficos sobresaíntes, senón mais ben dunha xogabilidade que supere con nota varias horas de xogo.

deadislandepidemic2

En xeral estamos ante un xogo que pode dar un par de días de diversión para ti e os colegas. Cabe esperar que, se o xogo sae de beta, sexa con máis escenarios e máis variedade de misións. É un experimento que apunta alto, e como primeira experiencia no xénero pode non ir todo o desencamiñada que puidese parecer. Sen dúbida falta traballo para que chegue a ser tido en consideración a medio prazo. Só eles saben até onde queren chegar con iso.

Nun primeiro momento a opinión coa que enfrontas o xogo é boa. Pinta ben e todo cadra como debe, pero xa cun par de horas ás túas costas comezas a ter esa sensación de que non leva a ningures, e non para de medrar segundo van pasando os minutos. Mesmo así, é unha aventura moi valida para unha fin de semana con amigos ou unha noite de xogo online sen pretensións, mais non esperedes ver o novo LoL ou TF2. Vaivos quedar pequeno. No seu favor hai que dicir que en todo o tempo que xoguei non apreciei ningún bug e os tempos de carga foron, polo xeral, curtos. O que si que vin é que facía cousas moi raras ao entrar nas partidas, case como se mudase de pantalla e o xogo e as partidas fosen dúas aplicacións distintas.

Se en novas actualización melloran nos seus puntos fracos talvez sexa un xogo que ter en conta no futuro. De momento é bastante esquecíbel.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=60|SON=65|XOGABILIDADE=65|DIVERSIÓN=60|DURACIÓN=50[/puntuacion]

Unha mala combinación ou…

Por: Domingo, 17 de Marzo de 2013, 18:03 COMENTAR

Se hai un clixé que se lle atribúe de sempre ao mundo dos videoxogos, e que coa actual xeración de consolas carece totalmente de sentido, é o da falta de sociabilidade e o illamento que as consolas producen a aqueles que adican o seu tempo de ocio a xogar con elas. Hoxe en día, as consolas (se contamos cunha conexión de banda ancha decente) ademais do seu uso tradicional, fornecen aos nosos salóns de accesos a catálogos de vídeo e música baixo demanda, aos vídeos do youtube ou mesmo ao canle de pago da NBA. Mais o que realmente rematou co tópico do xogador retraído foi o crecemento do xogo online e as redes sociais e plataformas que cada consola (ou mesmo algún xogo, coma os Halo e o seu Halo Waypoint) deseñaron para aproveitar este auxe.

Ler o resto da entrada »

Worms Battle Island

Por: Martes, 21 de Decembro de 2010, 16:03 COMENTAR

Sen dúbida algunha, os Worms foron un dos xogos máis divertidos que podías atopar na SNES ou na Playstation, no entanto, os diferentes intentos de Team-17 por intentar adaptalos os novos tempos nunca tiveron un bo resultado. “Worms 3D”, “Una Gusanodisea espacial” e outro sen fin de títulos, tentaron recuperar a gloria perdida que no daba voltado. Agora, tócalle o turno a Worms Battle Island tentar recuperar ese título perdido.

O primeiro que nos fai dar conta de que non vai ser posible é o seu apartado gráfico. A única forma de describilo é anacrónico, os gráficos de este xogo son dignos dunha Playstation ou unha Nintendo 64 máis que dunha consola de esta xeración. Se ben son correctos, aprécianse claramente un desfase  para correr nunha nova consola e unha ausencia de progresión bastante evidente.

A música e os sons seguen na mesma liña cos gráficos, divertidas, amenas e unhas voces cheas de frases de pánico e gritos de alarma que son para partirse; pero, outra vez, nada que non viramos nas anteriores entregas.

Canto á xogabilidade, aí é onde este xogo non ten rival. É divertido a raiar, sobre todo se xogamos con algún amigo, cousa que dende xa podemos facer de maneira online, que era unha das grandes carencias de “Una gusanodisea espacial”. A pesar diso, o modo para 1 xogador faise pouco variado, e bótase de menos alguns modos máis.

Así pois, é un xogo dificil de recomendar ou descartar, xa que, se xogas con amigos e estas familiarizado coa mecánica, terás asegurado horas de diversión, máis se buscas un xogo novedoso o para xogar ti só, podes esquecelo xa que posiblemente acabaras canso nuns poucos días, e máis, se xa xogaches as versión anteriores.

Novo auricular de PS3

Por: Martes, 9 de Novembro de 2010, 12:02 COMENTAR

Se sodes dos que andades inmersos en múltiples xogos online e falando con descoñecidos,tanto insultando (por non saber xogar), como insultando (por envexa), seguro que vos interesa a noticia que vos traio, xa que Sony acaba de sacar un novo reediseño dos seus auriculares.
Estéticamente melloraron bastante, cun tamaño algo inferior e máis estilizados, aínda que as súas características non variaron, coa excepción dun sistema de cancelación de ruido de fondo que facilitará as conversacións online.
Un novo movemento de Sony e qué casual, xusto antes da saída do novo Call of Duty:Black Ops