Hai hoxe case catro anos andaba a buscar pola rede algún web en galego que se dedicase exclusivamente a informar sobre o mundo dos videoxogos. Ao non obter ningún resultado positivo decidín encamiñar a miña aventura a través dun nome, Memoria Pixelada.
Non foi sinxelo. Atopábame só, nun mundo que descoñecía e pretendendo que as miñas palabras chegasen máis aló do cuarto da miña habitación.
Dende aquelas moitas cousas cambiaron, entre elas os diferentes redeseños que sufriu a páxina durante a nosa viaxe.
Recordo a primeira aparencia de Memoria Pixelada, unha “plantilla” predeterminada de blog típica, baleira, sen demasiadas aspiracións. Mais por cousa do azar dei cunha persoa que me colleu o blog e lle deu un cambio radical. Esta persoa era Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e gran motivador para que seguise adiante coa páxina (con entrevista incluída).
Daquela Memoria Pixelada quedaba así:
Se recordades este deseño podédesvos considerar verdadeiros seguidores do web. Mais a evolución non facía máis que comezar. Comezaba abrirse un mundo que nunca imaxinei.
Gran parte de culpa ven a través do primeiro colaborador de Memoria Pixelada. AmilGZ chegou, e con el as novas formas de márketing. Deste xeito a páxina comezou a verse por todas as redes sociais, novos apartados, novas ideas.
O tempo avanzaba e sabiamos que pouco a pouco iamos fidelizando algún lector. Comezamos a ver comentarios e a nosa ligazón noutros sitios web. A ilusión apoderábase de min e do que estaba a acontecer.
Memoria Pixelada foi medrando cada vez máis, sobre todo na familia e máis colaboradores se adentraron nesta aventura pixelada.
O segundo gran redeseño da páxina veu acompañado dun novo dominio e aloxamento web. Aquí quero facer unha paréntese para dar enormes grazas a Marcos Dacosta, por ofrecernos un dominio e a posibilidade de que Memoria Pixelada se oficializase, por dicilo dalgunha maneira. E tamén a Dinahosting, que nos ofrecen unha oferta de aloxamento excepcional e apoian o noso proxecto.
Pero non queríamos obter un dominio e deixar os usuarios sen máis, eles merecían algo mellor. Para iso, Memoria Pixelada sufriu unha nova transformación. AmilGZ foi o iniciante deste novo deseño, mais pouco despois descubrimos a un nome clave e actual técnico da páxina, NetOverflow.
Os dedos máxicos de Net comezaron a realizar modificacións: versións de como quedaría mellor a páxina, máis apartados e por vez primeira vez comezamos a puntuar videoxogos, grazas a un puntuador creado por el mesmo. Como dixen, Memoria Pixelada medraba, tanto que chegamos a ser oito colaboradores cun deseño que vos será familiar:
Mais agora chegamos a un punto de inflexión en Memoria Pixelada, un terceiro redeseño completamente novo saído dos dedos de Net. E igual que unha serpe muda de pel, para que a seguinte saia con máis forza, teño o gusto de presentarvos o novo deseño de Memoria Pixelada.
Esta nova versión trae múltiplas novidades. E non só no apartado gráfico, onde temos que agradecer a Gonzalo Sardón o deseño do novo logo de Memoria Pixelada, senón a nivel profesional.
Dunha banda o apartado “Frikimaxes” desaparece para dar lugar ás Imaxes e Vídeos pixelados, onde continuaremos a colocar as imaxes e vídeos máis curiosos do mundo, pero cunha distribución moito máis cómoda para ler.
Na marxe dereita podedes observar o apartado de Mini-novas, onde veredes todas aquelas novidades que non precisan demasiada presentación. Deste xeito asegurámonos que o web nunca quede paralizado e o dinamismo sexa diario.
Tamén cómpre destacar que por vez primeira vós, todas as persoas que nos ledes, poderedes puntuar os videoxogos que analicemos. Porque tamén queremos saber a vosa opinión. Isto é grazas ao novo puntuador creado desde cero por Net, moito máis dinámico e visual para a páxina.
Porén non terminan aquí as novas, senón que redeseñamos completamente a versión móbil da páxina, cun aspecto moito máis serio e funcional, corrixindo erros anteriores e ofrecendo a posibilidade de seguir Memoria Pixelada dende calquera lugar.
Finalmente, só me resta darvos a benvida á nova Memoria Pixelada e agradecervos que nos sigades día a día. Porque vós, as persoas que nos ledes, sodes quen dá azos que o noso proxecto continúe adiante día tras día. Esperamos que vos guste.
P.S: Como calquera novo redeseño poida que exista algún pequeno erro que nós pasásemos por alto. Se vós o vistes, por favor, póndevos en contacto connosco para corrixilo o máis cedo posíbel.