o bo o feo e o malo

No 2005 facíase a presentación da Xbox 360, unha consola que bebía directamente de Microsoft e disposta a desbancar a que sen dúbida ningunha era a raíña das videoconsolas, a Playstation 2. A partires dese ano comeza a actual xeración, unha longa para uns, e curta para outros, etapa na que tres consolas disputaron a morte por ser a elixida nos estantes das tendas.

Dende aquelas xa pasaron oito anos, oitos anos cheos de xogos, tanto bos como malos, oito anos na que o cara a cara estaba entre Xbox e Playstation, mentres Wii triunfaba irremediablemente sentada nunha terraza e desfrutando da súa estratexia “todo para os casual-gamers”, e en apenas dous meses chegarán, por fin, as substitutas.
Certo que a Wii U xa leva un tempo connosco, pero pódese catalogar como unha consola de nova xeración? Non. Non. Non. Así de claro e conciso.

Con este panorama comeza un novo filme, un filme que narra a historia de tres personaxes que se entrelazan entre elas, así que sentádevos, collede algo para picar e atentos, porque comeza “O bo, o feo, e o malo”.

ACTO 1: O BO

Os directivos de Sony tíñano moi claro, aínda que na última etapa de Plastation 3 parece ser que incluso se sobrepuxo á súa competidora directa, Xbox 360 (dependendo dos medios din unha cousa ou outra), sufriron moitísimo nesta actual xeración. Quizais se acomodaron vendo o éxito que levaban tendo anos atrás e vendo as pésimas ventas da primeira Xbox, mais a verdade foi que Xbox 360 mantívose líder durante todos estes anos.

Así, PS4 preséntase como unha volta ás orixes, a volta a unha consola na que sexa relativamente doado programar para ela, relativamente asequible para todos e relativamente potente como para satisfacer as ganas pixeladas de calquera persoa.

ps4 accesorios

Así se está a presentar a Playstation 4, como o heroe da xeración que está por entrar, como o triunfador. Podes ser dunha consola ou doutra, pero o que está claro é que actualmente a consola de Sony ten todas as de gañar, polo menos nos primeiros meses de vida, as reservas esgotadas confirman este feito, e despois das medidas que pretendían integrar os de Microsoft coa súa Xbox One, aínda puxeron o camiño máis recto a unha compañía que leva moitos anos neste negocio e que se soubo aproveitar moi ben da situación.

Semanas despois da presentación oficial no E3 comezaron a saberse novas noticias da máquina, que se Sony apoiaría ás compañías independentes, o mando compatíbel co PC, packs que estarían dispostos en decembro, exclusivas que tiran moito dos xogadores… mais obviamente non todo é positivo.

Os cen euros menos que custa ca Xbox One compénsano co cobro obrigatorio do online da consola, así como a carencia de accesorios na venta inicial, tal como a cámara.

Pero que pasa cos videoxogos? Que potencia terá? Obviamente aínda non podo confirmar nada, xa que estou analizando este filme só vendo o tráiler, mais polo que se puido observar (sen facer caso aos responsábeis de Sony, que obviamente din que das próximas consolas vai ser a máis potente), a potencia gráfica está servida, aínda que o salto entre PS2 e PS3 foi moito máis grande que será, de PS3 a PS4, e o mesmo acontece coas máquinas de Microsoft, porque ou son eu, ou tampouco me pareceu unha calidade gráfica tan impresionante. Si, vese mellor, como non, mais espero, e supoño, que esa potencia se deixe ver máis claramente en tempos de cargar, dinamismo de escenarios, efectos do tempo, etc.

En novembro poderemos mirar aos ollos á Playstation 4 e saber se realmente vai ser a gañadora ou non porque mentres…

ACTO 2: O FEO

Recordemos que Microsoft nesta xeración non fixo máis que tomar boas decisión, dende sacar a consola un ano antes que o seu competidor, até crear logros (que pouco despois plaxiaría Sony), dende presentar unha consola na que os desenvolvedores podían traballar de maneira máis doada, até conseguir facer multiplataforma moitas das exclusividades de Sony.

Así foi Xbox 360, para min a gañadora indiscutíbel, mais como será agora.

xbox one disco duro

Despois da nefasta presentación no E3, e non me vou meter no tema das medidas que querían tomar, senón na propia repercusión que tiveron, xa que só fixeron algo peor que tomar e presentar esas medidas, e foi baixarse os pantalóns diante do mundo e recuar.

Non me entendades mal, agradezo que deran marcha atrás porque son dos que castigo tales medidas, mais iso quitoulle toda a credibilidade que ten unha compañía coma Microsoft. Demostrou que aínda non leva demasiado tempo nesto das consolas, demostrou que non tiña unha estratexia clara marcada e isto os xogadores vímolo, e vímolo en directo.

Tampouco axudou o feísmo da consola, e moito menos axudou o prezo. Todo isto nun E3 que de seguro se voltasen atrás correxirían o 98% da presentación.

Pero como unha consola que se mantivo no podio durante oito anos, chega cunha predecesora que non sabe como gustar aos fans?
Os propios directivos falan que estaban moi adiantados ao seu tempo, a min pégame a risa, outros analistas afirman que as medidas non afectarían ao xogador, a min ségueme pegando a risa, porque o que realmente penso é que só eran medidas abusivas contra o xogador cun só fin, facer desaparecer o formato físico.

Seino, chegará un momento no que isto acontecerá, seino, dóeme, pero seino, quizais sexa demasiado romántico co pasado, por iso non me gustan este tipo de medidas, mais con este feito, como pode agora competir con PS4?

A parte de rectificar todo, seguen confiando no seu Kinect, agora unha versión mellorada, algo que NUNCA, NUNCA, me chamou a atención en absoluto. Tamén teñen unha serie de sagas que poder explotar, e obviamente o apartado técnico, que aínda que Sony presuma de máis potencia, dame a min nos fociños que estarán as dúas á par, exactamente como pasaba nesta xeración.

Está claro que aínda que non se presentase con bo pé, a Xbox One é unha consola suficientemente potente como para poñerse diante da PS4 e facerlle fronte, non teño a menor dúbida, pero o que si que está claro é que perdeu a confianza de moitos dos fieis seguidores da Xbox 360, e entre eles estou eu.

ACTO 3: O MALO

E chegamos á terceira consola que teoricamente tratan como de nova xeración, eu non, xa non a vexo como tal, de feito, xa castiguei toda a vida útil da Wii como para agora darlle oportunidade a un xoguete. Non, non me miredes así, botádelle un ollo, ide a calquera tenda e mirade os títulos que ten para xogar, mirade a quen vai dirixido esta consola, como diría Manquiña “a los hechos me remito”.

Nintendo segue no seu mundo de Casual Gamer esquecéndose por completo dos xogadores habituais, dos Hardcore Gamers. Debería botar a vista atrás e preguntarse porque hoxe en día é a compañía que é, e grazas a quén, entón quizais se acordaría algo máis de nós.

Wii U

Wii U

Nunha das tantas conferencias que deron, non recordo moi ben que directivo dixo que coa nova Wii U volverían a coller a confianza dos xogadores de toda a vida. Foi algo que soñei, crucei os dedos até que me doeron, incluso fun a unha misa para que fose verdade. Obviamente non foi así, e por moito que me quixese enganar, víase vir.

Mais aínda que o éxito da Nintendo Wii foi absoluto, non cabe a menor dúbida, parece que non está acontecendo o mesmo cos sucesora. Non consegue vender o previsto, non saca xogos, perde o apoio de desenvolvedoras…non sei que vai acontecer nun futuro, pero de ser así, a Wii U non chega a bo porto.

Eu mentres vexo a nenos de cinco anos probar a Wii U nas tendas recordo con bágoas nos ollos a época na que Nintendo mandaba no panorama, pero mandaba porque podía, porque era sublime e sacaba consolas e videoxogos a cada cal mellor. Así é a Nintendo que me gustaría ver nesta batalla, porque está claro que Wii U está a kilómetros luz do resto de compañías.

Nintendo ten que saber que non se pode alimentar só do xenio Miyamoto para realizar títulos de calidade, e a verdade, é o único que está a facer. O resto pseudoxogos infantiloides carentes de personalidade.

DESENLACE

Nun par de meses entramos nunha nova etapa, unha etapa na que seguro que veremos xogazos que revolucionarán o panorama, fracasos comerciais e éxitos, a loita está a piques de comezar.

E durante os seguintes anos poderemos responder ás seguintes cuestións, canto falta para que o formato físico desapareza? Sairán as consolas con novo erros como o Círculo da Morte ou o seu equivalente?

Non sei cal será o final deste filme, mais o que si é seguro é que o tráiler promete.

Resumo da conferencia de Ubisoft

Por: Martes, 11 de Xuño de 2013, 12:48 COMENTAR

UBI_4
Ubisoft empezou a súa presentación no gran evento dos videoxogos de maneira musical, co guitarrista de Alice in chains configurando o Rocksmith en “Modo sesión” para tocar un pouco, o xogo en sí quizáis non é o máis interesante (parece unha mellora do anterior xogo, un xogo musical que con pretensión de aprender a xente a toca-la guitarra), pero empezar cun pouco de rock antes dos videoxogos non ben mal, non foi tan mal comezo.

Seguiron cunha pequeña charla da presentadora sobre os obxetivos de Ubisoft (a típica charla que lle escriben os de Marketing) sazonándoa co seu “leitmotiv” da noite, os chistes malos. Olvidando a falta de gracia da presentadora,   os seguintes títulos presentados eran xa coñecidos, o novo Splinter Cell: Blacklist e o  preciosísimo Rayman Legends. No primeiro se limitaron a ensinarnos un novo trailer cinemático, mentres que co Rayman ó trailer engadíronlle algo de gameplay.


 

 

Para continuar co toque de color e humor, presentáronse outros dous novos títulos, un xogo social de estratexia e aventura centrado na idea de robuar diñeiro os adversarios e protexer o tesouro roubado, co nome de “The mighty Quest of Epic Loot”, e o esperado (polo menos por min) “South Park: The stick of Truth”. Aínda que ambos, malía o divertido dos trailers, volveuse a botar de menos algo de gameplay.


 

E aquí chegou a presentación da gran novidade pola que Ubisoft parece apostar “The Crew” (tendo en conta o tempo que lle adicaron). Un xogo de conducción tipo arcade, moi centrado no que parece que vai ser a tónica de este ano, a interconectividade entre xogadores, o mundo aberto (A coletilla máis repetida na conferencia) e a axuda de pantallas secundarias, coma tablets, así como na customización dos autos. En xeral o que mostraron non chegou a convencerme moito, pese ó bombo que lle deron.


 

Despois mostraron un trailer do que foi a sorpresa do ano pasado: “Watchdogs”, un xogo do cal a idea paréceme unha marabilla (un vixilante que se aproveita da vulnerabildiade que temos agora todos gracias a internet e os teléfonos de última xeración), pero do que só amosaron outro trailer cinemático.

Tras crear máis espectación decidiron pasar de novo ós xogos casuais coa presentación da nova entrega de “Just Dance”, un deses xogos de facer o rídiculo pretendendo bailar diante do televisor, e “Rabbit Invasion”, unha serie infantil de televisión, que vai contar con compoñenetes interactivos.

Chegou entón o momento de encauzarse de novo ó que é público obxetivo do E3, primeiro cun título que tamén todos coñecíamos, e do que non se viu nada realmente novo, de novo máis trailers cinemáticos e nada de gameplay, co cal díficil é decidir por agora se a saga parece seguir no seu descenso ou remontará frente a anterior e tediosa entrega. Tamén amosaron algo dos dous novos Trials, un para móbiles e o outro para consolas da nova xeración.

A conferencia rematou presentando cun trailer que pretendía emular o do ano pasado de Watchdogs, e que nos presentaba a nova IP de Ubisoft: The division. Un MMO con toques RPG, cunha ambientación postapocalíptica, que personalmente lembroume moito a películas coma “Soylent Green” ou “A estrada”. E deste sí, por fin ensinaron algo do xogo.

A impresión final que levo da conferencia é moi mediocre. Pese presentar algunhas novidades, a maioría do presentado que interesaba, non deixaban de ser xa coñecido e pólo tanto causou pouco impacto. E o peor preferiron trailers a a amosarnos directamente os xogos. Se tivera que quedarme con algo, quedaría con The division, é unha idea interesante, que ben levada pode dar moito de sí. e xunto con “The crew” a única novidade real que se presentou.

 

A miúdo existe a discusión entre se os xogos de antes son mellores que os actuais.

Non vou entrar no tema, pero este vídeo resume un pouco o tema.