Que personaxes levará esta entrega?

Outro dos xogos que chamou atención da xa pasada feira E3 2011 foi a nova entrega de Super Smash Bros. A verdade é que non se escoitara falar nada desta cuarta entrega até a propia feira, algo que chama realmente a atención, pero despois de deixar pasar uns días e repousar o ambiente, podemos contar un par de cousas sobre este título de loitas.

O primeiro que fixo Masahiro Sakurai, máximo responsábel do videoxogo foi facer unha clara diferenza entre a versión de 3DS e de Wii U.

Con respecto á 3DS pretenden que sexa unha experiencia máis centrada no modo historia para un xogador, coa posibilidade de editar e adestrar ao noso personaxe. Ademais, coas opcións sociais da máquina poderiamos ter os nosos logros sempre á nosa man.

Pero falando de Wii U a estratexia é diferente, xa que mencionaron que pretenden crear unha experiencia máis social, dado que esta consola permite que se enfronten máis xogadores simultaneamente. Por suposto, adornado dun apartado técnico moi superior.

Pero o que máis chamou atención destas declaracións foi que cando lle preguntaron cales serían os novos personaxes e se incluirían algún de Capcom, mencionaron que estaban pensando no tema e que non descartaban nada.

Significa isto que poderemos ver a Mega Man no próximo Smas Bros disparando a súa arma?

Primeiro tranquilicémonos, só é un rumor, pero imaxinade por un momentiño que isto que cada vez colle máis forza é verdade, e na próxima feira do E3 Nintendo aparece cun cacharro debaixo do brazo que rise na cara das súas competidoras Xbox 360 e Playstation 3.

GameInformer foron os primeiros en falar disto, dicindo que xa se estaba a especular nunha consola que movía gráficos HD superiores ás consolas actuais de sobremesa, e incluso que o prototipo xa se amosara nalgunhas “third parties”.

Coincidindo co rumor da rebaixa de prezo da Wii, xa se fala que será presentada no E3 deste ano, e sacada ao mercado en calquera día do 2012.

Canta fiabilidade hai nisto?, polo de agora non o sabemos, pero eu teño un puntiño de esperanza en que Nintendo se dese de conta que o camiño “casual” non é o axeitado e pretenda recuperar a todos aqueles usuarios e xogadores que fixeron de Nintendo o que realmente é.

Veña Nintendo,asegúroche que se fas isto fago como se esta xeración da Wii nunca existise.

É curioso como meses antes de saír a Nintendo 3DS os usuarios xa comezan a falar de esperar por unha reedición da propia.

Non me extraña demasiado mirando a política que leva a cabo Nintendo, coa DS foron catro modelos diferentes, cantos terá a 3DS?. Aínda así, Nintendo pretende cubrir o cupo de consolas vendidas dende un inicio, polo que o seu propio presidente Satoru Iwata apresurouse a dicir que a 3DS xa leva implementado todos os trucos de aforro de espazo que leva a DS Lite, e por consecuencia non tiñan plantexado sacar ningunha reedición “Lite” a curto prazo.

Por outro lado, o director da división de manufactura da plantilla, Nobuo Nagoi, aclarou que nesta ocasión xa está completamente equipada dende o principio.

Agora só queda esperar á xente que verdadeiramente crea estas palabras,porque tendo en conta o ben que lle vai á DS,incluso coa última versión, dubido moito que deixen esta línea estratéxica.

Por certo, hai que ter en conta que non todos están moi convencidos con esta portábel, a verdade:

kratos 3ds

Vídeo gameplay de Paper Mario 3D

Por: Luns, 10 de Xaneiro de 2011, 12:02 COMENTAR

Esta semana foi característica pola cantidade de tráiles da 3DS que sacaron á rede. Como moitos xa era vistos, vóuvos poñer este de Paper Mario que foi un dos que máis me chamaron a atención.

Gráficamente parece estar a unha altura bastante alta e polo pouco que se veu intúese gran cantidades de escenarios e situacións.

Ademais, penso que a 3DS é a consola máis idónea para este título, porque se en anteriores Paper Mario había que xogar cos dous planos e a profundidade, imaxinádevos o que pode chegar a ser xogar coas 3D reais.

Haberá que telo moi en conta.

Análise de New Super Mario Bros Wii

Por: Luns, 3 de Xaneiro de 2011, 12:28 COMENTAR

Con retraso propóñome analizar un dos xogos estrela da consola de sobremesa de Nintendo, o New Super Mario Bros.
Basicamente este xogo pretende ser unha imitación do xogo que xa saira un ano antes para a Nintendo DS, e desta maneira recuperan as dúas dimensións que fixeron famoso ao fontaneiro máis famoso do panorama.
Así repetimos estratexia de diversión, é dicir, controlaremos a Mario nuns escenarios en scroll lateral sorteando as máis diferentes plataformas que atopamos ao longo dos oito mundos (mais un que se desbloquea ao final), tentando coller as tres moedas escondidas ao longo destes escenarios (creo que esta descrición sobraba, porque a estas alturas o que non coñeza a temática dos xogos de Super Mario é que vive metido nunha cova a escuras).
Pero a gran novidade deste videoxogo é que poderemos pasar todo o título acompañado de unha, dúas ou tres persoas, e qué conleva isto?, pois que a diversión aumenta de forma enfermiza. Catro persoas colaborando entre elas para sortear as trampas que nos atopamos é espectacular, e así aumentamos o reto do xogo, porque temos que ter tino de non entorpecernos nós mesmo, e aínda que pareza unha tontería, resulta do máis acolledor tres persoas saltando de nube en nube nunha superficie tan estreita e sen caer.
Tamén engadiron outra novidade, como é a posibilidade de rodearnos nunha burbulla cada vez que nos vexamos nun apuro grande con só premer o botón A, e deste xeito comezaremos a flotar polo escenario ata que algún do resto dos compañeiros nos salve tocándonos, pero moito coidado con este feito, porque se todos os xogadores están en burbulla o xogo remátase. Pero isto fai que a dificultade aínda sexa máis feble, e tendo en conta que os títulos de Mario non son precisamente moi complexos de pasar, non axuda demasiado esta atípica burbulla.

Pero seguindo falando de novidades, desta volta Mario trae novos poderes, como a gorra hélice, que nos permite facer saltos moi altos, o traxe de pingüín ou o poder do xeo, que nos permitirá conxelar aos nosos inimigos. Tamén debemos engadir algún detalle na xogabilidade, como a utilización de accesorios co movemento do mando, que obsequian maior variedade a un título que lle sobra publicidade (aínda que Nintendo non repara en gastos no seu márketing).
Pero xa abonda de tantas loubanzas cara este New Super Mario Bros Wii, porque aínda que a diversión predomina ante calquera outro apartado que poida describir, existen unha serie de factores que deberían correxir para posteriores títulos.
O primeiro deles e o máis grave para min é a enorme facilidade coa que se atopan todas as moedas. Entendo que Nintendo queira facer un título accesíbel para calquera usuario, pero poderían buscar solucións, como por exemplo, aumentar outras dúas ou tres moedas moito máis escondidas no escenario, que houbese que rebuscalas, non se atopasen a simple vista…Deste xeito tamén aumentarían a duración do xogo, porque debo dicir que pasei o xogo ao 100% en relativamente moi pouco tempo.

E a estas alturas tamén deberían coidar un chisco máis o apartado gráfico, porque é un apartado moi, moi xustiño para tratarse dun Mario, e se non levase este nome, dubido moito que nos olvidaramos desta deixadez tan rápidamente.
Con respecto á música non a vou criticar, porque escolle ás melodías que xa fixeron famoso a Mario e sempre trae unhas lembranzas moi saudábeis, pero sería moi arriscado non facer tanto copia e pega nestas cancións?
Parece que estou deixando a Mario nun estatus moi baixo pero non é así, Mario ten a xogabilidade e a diversión por enriba de todo, e é algo que entendo e comparto, porque realmente é un dos xogos máis divertidos que vos podedes atopar no catálogo da Wii, pero simplemente poño o meu gran de area para mellorar aínda máis a súa experiencia, xa que aos casual gamers abonda con poñerlle publicidades chorras na televisión, pero aos hardcore queremos sempre un pouco máis, e isto é a forma de evolucionar.
Aínda así, é un xogo completamente obrigatorio para calquera que teña na súa posesión unha Wii, lanzádevos a el e desfrutade de Mario… de novo

Desta forma se ve Snake Eather en 3DS

Por: Xoves, 30 de Setembro de 2010, 9:34 1 COMENTARIO

O mellor Metal Gear Solid da historia fará a súa aparición na próxima portábel de Nintendo e aínda que isto non é ningunha novidade, creo que ata que se ve esta vídeo con gameplay non se sabe ata que punto chega a calidade deste título.

E neste punto entremos no debate de se Snake se ve mellor na Playstation 2 ou aquí, eu non me atrevería a dar ningunha opinión xa que paréceme que están a un nivel moi igual, pero claro, se na 3DS lle engadimos que estará en tres dimensións quizáis leve o premio gañador.

Será mellor que vexades e xuzguedes.

Como funcionan as 3D da Nintendo 3DS?

Por: Xoves, 9 de Setembro de 2010, 22:27 2 COMENTARIOS

Como saberedes, a nova portátil de Nintendo vai traer a capacidade de mostrar imaxes tridimensionais directamente. Isto é, non van ser necesarios ningún tipo de anteollos especiais. Pero… como é iso posíbel?

– Por que se ven as cousas en 3D?

O efecto 3D é un efecto óptico. Trátase de enganar ao ollo pensando que existe profundidade nunha imaxe plana. Isto lévase facendo dun xeito rústico toda a vida, por exemplo nos cadros pintados ao óleo, onde o artista xogando con sombras e tamaños crea a ilusión de que hai cousas en primeiro plano e outras máis atrás, cando en realidade o cadro é plano.

No caso do que se coñece hoxe en día como 3D é un chisco diferente. A visión tridimensional dos animais vén do feito de termos dous ollos. Na vida real cada ollo recibe unha imaxe lixeiramente distinta dada a súa posición diferente na cara e despois o cerebro encárgase de montalas e crear a imaxe que vemos finalmente. Para comprendelo tapade o ollo esquerdo e, acto seguido e sen mover a cabeza, destapádeo o tapade o dereito. Vese que a perspectiva é diferente segundo vexas cun ollo ou co outro.

Pois as pantallas 3D fan iso, mostran unha imaxe diferente a cada ollo para que o cerebro as monte creando unha ilusión. Isto pódese facer de varios xeitos, como o mítico das fotos que se vían cuns anteollos que tiñan un plástico vermello e outro verde, un para cada ollo. Iso impedía que cada ollo vise certas partes da imaxe, o que creaba unha perspectiva da imaxe diferente para cada ollo que o cerebro unía creando a ilusión das 3D. (Ai, míticos fascículos de dinosauros da miña tenra infancia…)

– Como se poden ver 3D sen anteollos?

Fronte ao método habitual con anteollos, chamado estereoscopía, existe un outro método que recibe o nome de autoesteroscopía. A autoesteroscopía é, de xeito xeral, toda a tecnoloxía que permite ver imaxes con sensación de 3D directamente na pantalla. Actualmente, o método que se usa para isto é Parallax Barrier (barreiras de paralelaxe). E este é, meus amigos, o método que usa a Nintendo 3DS.

– Si, si, moi interesante todo iso… pero como carallo funciona?

En primeiro lugar non hai motivo para ser tan groseiro coas preguntas. E que é iso de usar palabróns? Non ves que este blogue pode ser lido por nenos?

Pois ben, o método este das barreiras de paralelaxe é simple. Entre a pantalla de cristal líquido e a luz de detrás ponse unha barreira descontinua. Esta barreira provoca que cada ollo vexa unha imaxe diferente, que ao se uniren no cerebro crearán a sensación de 3D. Para comprendelo, sería como unhas reixas. O ollo dereito non pode ver certas partes do que hai detrás delas que si pode ver o ollo esquerdo e vice versa. Fagamos unha experiencia para velo: Colle un lapis e pono a media distancia entre a túa vista e o computador e fixa a vista neste texto. Se fechas o ollo esquerdo verás que o lapis tapa unha parte deste texto, se fechas o dereito verás que o lapis tapa outra parte distinta do texto, e se abres os dous verás que o lapis se ve esvaido e consegues ler todo o texto sen problemas. Pois iso a un nivel moito máis pequeno é o que fai o efecto.

Isto ten outra vantaxe, que é que se pode desactivar ou activar o efecto pondo ou quitando a barreira. Así, podemos escoller entre ver a imaxe en 2D ou en 3D, cousa que non permite o método dos anteollos. Incluso, regulando a barreira, pódese regular a intensidade do efecto.

– E se este método é tan abraiante, por que non se usa nas TV e nas salas de cinema?

Porque ten moitas eivas insalvábeis polo momento. Para comezar, tes que situar a pantalla totalmente recta defronte de ti, non vale outro ángulo de visión. Á parte, a pantalla non pode estar a máis de 60 cm dos teus ollos, porque a máis distancia tamén deixa de funcionar o efecto.

Máis amor de Kirby

Por: Xoves, 2 de Setembro de 2010, 18:23 COMENTAR

A Wii espera dous grandes títulos que non consigo sacar da cabeza, o regreso de Donkey Kong e unha nova aventura da bola rosa traga obxectos.

Deste último amósovos outro tráiler que revosa amor e preciosidade por todas as beiras,e tamén sabemos o fío argumental que seguirá Kirby.

O noso protagonista atopará unha froita e non se da resistido de comela, pero este manxar non estaba abandonada e o seu dono, enfadado, atrapa a Kirby cunha especie de calcetín máxico que o transportará a un mundo no que todo está feito de cordel.

O argumento non é do mellor, pero se vai ser tan divertido como era Kirby nos seus inicios firmo xa a compra, e polo que se pode ver ten toda a pinta de que o consiga.

Desfrutade deste minuto delicioso.

Zelda TP

Zelda sempre provocou sensacións máxicas ao xogador, ben sexa polo propio argumento ou pola banda sonora ( ou pola mestura das dúas), pero no último apartado é onde vou a incidir máis, xa que dende xa podedes descargar gratis e legalmente a BSO deste último Zelda de Wii.

Botádelle un ollo a Zelda Informer, e bótádelle un oído ás cancións e temas que se amosan, que hai algunhas que son moi boas, ou será que me traen bos recordos de aí a miñ benevolencia?