
O Borderlands foi un xogo que estivo en boca de todos durante moitos anos, e os continuos rumores sobre unha secuela foron medrando até seren hoxe confirmados por 2K Games e Gearbox.
A día de hoxe temos moi pouquiños datos sobre esta segunda entrega. Sabemos que voltaremos a Pandora e toparémonos con novos inimigos, novas armas e novas técnicas ao tempo que manterán o apartado técnico que tanto gustou da súa primeira parte.
Aqueles seguidores que xa estean a devecer por lle botar o dente aínda van ter que esperar bastante, porque está prevista que saia para o ano fiscal de 2013 que comeza o 1 de abril de 2012.
Será un título multiplataforma e parece ser que na GamesCon aparecerá algo do Borderlands 2. Supomos algún que outro tráiler.
Persoalmente a primeira entrega pareceume decente, mais carecía de máis substancia. É complexo describir o que me supuxo, porque foi un shooter innovador, que sae bastante do habitual, mais a medida que pasaban as horas ía perdendo interese nel… quizá foi causa miña, mais espero que nesta segunda entrega consigan meterme máis na historia e presenten misións máis atraentes.