xbox-live-currency
Tal e como vos informabamos hai uns días, Microsoft estaba buscando xente que probase a que será a nova versión de Xbox Live.

A pesar do contrato de confidencialidade que os usuarios tiñan que firmar, non tardou en comezar a polémica na rede.
Unha das principais novidades desta actualización, como xa anunciaran no pasado E3, será a desaparición dos Microsoft Points (MSP), que serán reemprazados pola moeda local do usuario. En principio, queda moi bonito, non tes que andar a calcular a canto equivalen ‘X’ MSP cando mercas un xogo, un DLC ou o que sexa. O problema ven cando se fai o cálculo real do antes e o despois.

Actualmente, nas tendas oficiais, cada MSP custa 0,12 €. Así, 800 MSP custan 9,60 €, 1.200 MSP custan 14,40 €, etc. Segundo os prezos que aparecen na nova versión, agora subirán un pouco e os xogos pasarán a custar 9,99 € (+0,39 €) e 14,99 € (+0,59 €).
Tal e como se plantexa a cousa, podería darse o caso que vaias a unha tenda e, por poñer un exemplo, merques unha tarxeta para descargar o novo DLC “Call of Duty Black Ops II: Vengeance” que engadirá os 1.200 MSP necesarios á túa conta. Despois da actualización e conversión deses MSP, comprobarás que o teu saldo non é suficiente para mercar o DLC.

Dende Microsoft, xa se apresuraron a dicir que foi un erro non intencionado e prometen reembolsar aos usuarios que pagaron ese sobreprezo.

Os que actualmente tedes saldo de MSP na vosa conta, non vos preocupedes que non os perderedes: faran a conversión e teredes o saldo na vosa moeda local.