Análise de State of Decay

Por: Domingo, 1 de Febreiro de 2015, 18:00 COMENTAR

state_of_decay_1
Con motivo do recente anuncio da saída ó mercado de novas versións do xogo State of Decay para as consolas de nova xeración pareceume axeitado darlle un pequeno repaso ó que pode ofrecernos.

State of decay foi realizado por Undead Labs. e distribuído por Microsoft Studios alá polo ano 2013, inicialmente só estivo dispoñíbel para Xbox 360 pero máis adiante nese mesmo ano puidemos desfrutalo en PC a través de Steam. Consiste nun xogo de supervivencia zombie, tema xa moi rillado ó longo de moitos xogos en diferentes plataformas, pero, ó meu pensar ten unha formulación diferenciada que déixa coa sensación de estar a probar algo distinto e despois de varias horas adicadas a el segue a convencer.

Mapa do xogo

Mapa do xogo

Atópaste nun entorno de gran magnitude (non esperedes un mapa do GTA, pero aínda así é unha superficie que leva o seu tempo atravesar) de trazado sinxelo e conformado por unha pequena cidade, un pobo residencial, un espazo natural e unha zona rural unidos entre si por unha calzada.
Comezas neste último lugar, cando veste sorprendido polo apocalipse zombi desta quenda e tócate escapar a unha casa onde se atopan outros superviventes. É aquí onde se comeza a introducir a mecánica do xogo.

Sobrevivir, si, pero coa túa casiña, as túas leiras…

Características e instalacions da base

Características e instalacions da base

A nosa labor non vai ser só sobrevivir no día a día, senón que deberemos establecer unha base onde ficar quedos. Nesta base disporemos dunha serie de espazos que deberemos preparar para una das distintas funcións, como pode ser a cociña, cuartos e outras opcións que nos darán diferentes vantaxes ó longo do xogo. Ademais, por suposto, de prepararlle as defensas adecuadas para salvar ós asedios das hordas que esporadicamente decidirán facernos unha visita. Estas bases atópanse en diferentes lugares do mapa, e poderémonos ir mudando dunha a outra segundo as nosas necesidades (principalmente dependendo do número de superviventes dos que dispoñamos).

Acumular recursos

Para o mantemento da nosa base e dos seus habitantes necesitaremos ir recollendo continuamente cada un dos 5 recursos dispoñíbeis, a saber:

  • Comida
  • Medicamentos
  • Munición
  • Materiais de construción
  • Combustible
Recursos conseguidos coma postos avanzados

Recursos conseguidos coma postos avanzados

 

Todos estes materiais vanse consumindo conforme pasa o tempo e tamén ó construír estancias na base ou defensas. Para repoñer as reservas pódense facer dúas cousas, a primeira é recorrer os edificios baleiros, acabar cos inimigos que poida haber neles e pescudar nos mobles e ver que podemos atopar. Non sempre teremos a sorte de achar o que buscamos pois poden non ter nada ou ter armas de distinto tipo e obxectos varios.
A segunda vía comeza de forma similar pero é mais beneficiosa a longo prazo. Podemos limpar calquera edificio de zombies, de novo buscar nel e nese momento saberemos mediante unha icona no mapa cal é o recurso predominante e establecer un posto avanzado que permitirá durante un tempo ir obtendo de forma continua reservas.

As relacións entre os superviventes

Personaxe, relacións e inventario

Personaxe, relacións e inventario

Non vos pensedes que ides a xogar a State of Decay e atoparvos un Sims e que teredes que traballar as relacións durante moito tempo. Simplemente consistirá en compartir determinadas misións con eles e isto fará que confíen en vós.

“Xa…. a min todo iso impórtame ben pouco” haberá que pense, pero aquí si ten certa importancia. O noso traballo para a comunidade e para o resto dos superviventes permitiranos tamén obter certas vantaxes como pedirlles axuda nas misións ou obter mellor equipamento. Isto cobra especial dimensión se nos plantexamos outra das premisas do xogo, nós non somos un personaxe, somos toda a comunidade. Isto quere dicir, simplemente, que aínda que a historia a comezamos cun personaxe concreto poderemos xogar con todos os membros que recrutemos, e calquera de eles pode morrer en calquera momento do xogo e a historia segue como se tal cousa.

Aquí vai una leria de caráis pero aínda non falamos de pegar un só tiro

O certo é que non entrei en moita profundidade no aspecto da propia acción, porque non é o que destaca neste xogo por enriba doutros xogos de temática similar. Aínda así non é nin moito menos aburrido ou pobre neste campo e faranos botar unhas boas horas de diversión.
Temos armas corpo a corpo, armas cortas, longas, coches para levarnos todo por diante e unha serie de tipos de zombies como os que se póden ver noutras ocasións. Clasificables entre os “normais” e os que lles meteron droja no colacao e van a tope
Estes últimos son os únicos que nos porán nun problema en determinado momento xa sean os máis fortes ou os máis áxiles, polo demais o único que nos debe preocupar é non acabar arrodeado por unha morea de inimigos, porque nese caso temos as horas contadas e neste xogo, quen morre morreu, non hai segundas oportunidades.

Isto debe compaxinarse coa realización das misións principais que son as que nos dirixiran ó desenlace do xogo. A historia faise divertida e amena, e sen traballar demasiado os personaxes consegue que sigas interesado en continuar e en salvalos. En canto á variedade das misións non é moi grande e da a impresión de que se o xogo durase unhas poucas horas máis acabaría por facerse moi repetitivo aínda que na súa extensión, non é algo que se che pase pola cabeza.

DLC’s

 

state_of_decay_5
Nas versións de PC e Xbox360 Chegaron a saír dous DLC, Breakdown e Lifeline.
Breakdown engade unha experiencia sen modo historia, un modo supervivencia continua con unha maior dificultade para ós que lles pareceu que a experiencia orixinal quedaba corta de retos. (Recomendado se queres continuar coa experiencia)
Lifeline engade un novo escenario, situando a historia nunha pequena base militar nas aforas dunha gran cidade. Esta vez o nexo común é unha autovía de circunvalación que une determinadas zonas xogables. Este novo capítulo centra o xogo nos superviventes militares da base que deberán mantela libre de infección mentres rescatan a civís e esperan ó seu turno. Polo xeral o gameplay mantense case igual, pero pasamos a ter una base fixa que sufre de forma constante cada determinado tempo un asedio importante que deberemos axudar a cortar.(Recomendado se gustouche moito o xogo base, aínda que a defensa continua da base chega a facerse tediosa)

Resumo

É obvio que non estamos ante un xogo AAA pero no seu modesto tratamento ó xenero Z creo que deron con algo que deu moito de si se podemos velo no seu contexto e o enfrontamos sen complexos. Tedes varias horas de desfrute aseguradas neste título.

 

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=70|SON=70|XOGABILIDADE=85|DIVERSIÓN=90[/puntuacion]

Microsoft rebaixa a Xbox One 50 dólares

Por: Luns, 19 de Xaneiro de 2015, 8:00 COMENTAR

descarga

Microsoft decidiu baixar o prezo da Xbox One de cara á campaña de Nadal 50 dólares, ata un total de 349.

Esta rebaixa tivo como resultado que a consola acadara un maior número de vendas que PS4 durante os meses de novembro e decembro. Cando a promoción rematou neste mes de Xaneiro, Microsoft comezou a sospeitar que cando a consola recuperara o seu antigo prezo podería ter unha baixada nas vendas, de modo que decidiron extender a promoción.

Deste modo, Microsoft volveu rebaixar o prezo da One ate os 349$ en USA, pero desta vez sen unha data límite para a promoción, polo cal é de esperar que dita cantidade pase a ser o novo prezo de venda oficial da máquina. Temos que recalcar que, polo de agora, a rebaixa é soamente para o territorio norteamericán, pero é de supor que a cantidade rematará por extenderse a todos.

kinect

 

 

Microsoft anunciou que o Kinect orixinal, que apareceu en 2010 como un complemento para Xbox 360, deixará de estar nas tendas durante este ano 2015 que recén comenzou.

Deste modo, Microsoft despexa o camiño para a segunda versión do Kinect, que é o empregado pola Xbox One, que inclúe entre outras novidades a grabación en Full HD e a posibilidade de sacar todo o xugo ó SDK 2.0.

O creador de Xbox Live abandoa Microsoft

Por: Martes, 30 de Decembro de 2014, 12:00 COMENTAR

Boyd Multerer, o creador de Xbox Live anunciou que deixa a empresa americana tras 18 anos na mesma.

Durante este tempo, ademais da creación da plataforma online para a consola, desenvolveu o linguaxe de programación XNA, específico para a creación de videoxogos, a maiores de ter axudado no desenvolvemento de Xbox One.

d4
A partir do vindeiro 1 de Xaneiro e ata o día 15 do mesmo mes, os membros Gold de Xbox Live para Xbox One poderán descargar de balde o «D4: Dark Dreams Don’t Die» (14,99 €).

games-with-gold

Durante a primeira quincena de xaneiro, os usuarios Gold de Xbox Live para Xbox 360 poderán descargar de balde o «MX vs. ATV Alive» (39,99 €), mentres que na segunda quincena terán o «The Witcher 2» (29,99 €).

Dentro da promoción Games with Gold, os usuarios Gold de Xbox Live poderán descargar de balde durante esta última quincena de Decembro o «SSX» para a Xbox 360. Pola súa banda, os xogadores de Xbox One teñen de promoción o «Worms Battlegrounds».

Microsoft anunciou recentemente que o seu coñecido simulador de voo, Flight Simulator, aterrizará en Steam o vindeiro 18 de Decembro. Esta edición do xogo estará desenvovolvida por Dovetail Games, os creadores de Train Simulator.

 

Horarios das conferencias do E3 2014

Por: Mércores, 28 de Maio de 2014, 20:00 COMENTAR

Xa foron publicados os horarios nos que terán lugar as diferentes conferencias deste E3 2014:

 

Luns 9 de Xuño

Microsoft: 18:30

Electronic Arts: 21:00

Martes 10 de Xuño

Ubisoft: 0:00

Sony: 3:00

Nintendo: 18:00

gears_of_war_4-2520572

A saga Gears of War aterrará na Xbox One, iso sempre foi un dato seguro, mais o que non sabiamos é quen ía estar ao se cargo, levando esta enorme responsabilidade.

Pois Microsoft decidiu darlle esta oportunidade ao nóbel estudo Black Tusk. Custa crer esta arriscada decisión, sabendo que a saga Gears of War leva millóns de seguidores, e aínda que a última entrega fose un “fracaso”, en todos os seus aspectos, a chegada dos Gears á nova xeración tennos a todos impacientes, e quizais non perdonaremos unha entrega tan “light” como a anterior.

De todos os xeitos o estudo Black Tusk amósase emocionado ante este proxecto e para nada initimidado, tanto que xa está a pedir opinión a todos os fans da saga para saber as súas opinións do que lles gustaría ver nesta nova entrega.

Obviamente aínda queda moito para ver algo máis deste novo Gears of Wars, pero non sexamos mal pensados, démoslle unha oportunidade.

the-elder-scrolls-online
Para celebrar o lanzamento ese pasado venres, 4 de abril das versións para PC e Mac do seu novo MMORPG «The Elder Scrolls: Online», a compañía Bethesda ven de publicar un novo tráiler cinematográfico.

“Estamos moi agradecidos coa abrumadora resposta con The Elder Scrolls Online.”

“Con máis de cinco millóns de xogadores rexistrados para a versión beta, está claro que un enorme número de fans queren experimentar todo o que o xogo ten que ofrecer. Non poderiamos estar máis ansiosos para poñelo nas mans de todo o mundo.”

As versións para PlayStation 4 e Xbox One están previstas para o vindeiro mes de xuño. Nestas versións para videoconsola, na videoconsola de Sony non será necesario ter unha subscrición PS Plus, mentres que na de Microsoft si será preciso ter unha subscrición Xbox Live Gold, ademáis da correspondente subscrición propia do xogo, obrigatoria en calquera das súas versións, claro.

Máis información na páxina oficial.

E3MicrosoftPhilSpencer-1

Microsoft non o está facendo ben, isto sabíase dende o fracaso de presentación da súa Xbox One e neste momento podemos asegurar que a PS4 está moi por diante da Xbox One.

Microsoft sabe isto perfectamente, polo que despois de poñer como xefazo a Phil Spencer, a súa gran primeira intervención é para dicir que neste E3, Microsoft vai traer o mellor catálogo de contido en moito tempo.

Estamos nos inicios da nova xeración e obviamente Sony tivo un gran lanzamento. A industria do xogo en consola está a facelo incriblemente ben nestes momentos. Fai seis meses todo o mundo preguntábase se o feito de xogar en consola había morto…mais esta é unha longa xeración e teño a creencia de que os grandes xogos crean as mellores plataformas.

Acabou mencionando que a súa conferencia no E3 centraríase en exclusiva nos videoxogos, con moi poucos executivos en escena e que duraría aproximadamente 90 minutos.