Adeus, Memoria Pixelada!

Por: Venres, 12 de Xuño de 2015, 22:12 8 COMENTARIOS

memoria-pixelada

Un domingo, 5 de abril de 2009, Memoria Pixelada abría as súas portas aportando novos datos sobre a posíbel chegada de Beyond Good & Evil 2, e desde aquela até hoxe, a pesar de que o mencionado videoxogo aínda non saíu á luz, nin se sabe nada del, a páxina si que sufriu moitos cambios e aventuras.

Aquel domingo, un servidor que vos escribe estas palabras tiña moi claro o que pretendía coa páxina, escribir para unha elite dunha minoría sobre videoxogos e empregando o noso idioma. Non sabía como ía avanzar, como ían presentarse as circunstancias pero esa primeira premisa tíñaa moi clara, e penso que a mantivemos ao longo dos anos.

Pouco a pouco foise unindo xente ao proxecto, colaboradores (ou integrantes) dos que sen dúbida, se non fose por eles, sábeno ben AmilGZ e Netoverflow (non me esquezo do resto, mais estes foron os que máis peso tiveron e máis tempo estiveron erguendo a páxina) Memoria Pixelada tería sido pechada xa hai ben tempo.

Así, conforme os colaboradores fomos medrando, a páxina tamén se foi facendo adulta, tropezando en determinadas ocasións, mais sempre sabendo erguerse e avanzando. Como dixen, non podo mencionar todas as persoas que colaboraron coa páxina, mais como creador dela, só vos podo dar grazas e centos de grazas. Con vós sentinme Mario comendo un cogumelo, sentinme Link cabalgando por Hyrule, sentinme ledo.

Nestes seis anos escribimos novas, artigos, análises, mesmo saímos na radio falando un pouco sobre nós. Comentamos a chegada desta xeración de consolas, vivimos en diferido todos estes E3 que tanto dan que falar e sobra dicir que xogamos a multitude de videoxogos para despois pasarvos a nosa opinión. Todo isto sendo moi conscientes de que aínda que a audiencia non era moita, tiñamos uns seguidore moi fieis que nos ofrecían todo o seu apoio. Foi por eles que percorremos toda esta viaxe, mais agora queda o peor, despedirse.

Crédenos que non foi doado, crédenos que tentamos evitar ver a realidade, porque moitas veces a realidade non é o que nos gusta vivir. Mais sodes moi conscientes de que a páxina leva un tempo en stand-by, e a pesar de que tentamos mudar este feito, non fomos capaces. A causa? A falta de tempo, sen máis.

Como saberedes, os que escribimos para Memoria Pixelada facémolo simplemente porque nos gusta, sen máis incentivo que o feito de que nos leades. Mais cando xa non podemos ter o tempo suficiente como para facelo de maneira habitual, chegan estas decisións. Oxalá puidésemos pasar o día a xogar a videoxogos e a plasmar todas as novas deste mundo. Oxalá, mais non é así. Non podemos dedicarlle á páxina o tempo que merece, e por tanto é o momento de poñer un punto e final.

Ollo, non é un “Game Over”, porque sempre pode quedar unha moeda de 25 pesetas no peto de atrás, agachada entre os panos, para un insert coin e volver renacer, pero de momento debemos dicirvos adeus, absolutamente agradecidos polo apoio que nos destes durante estes seis anos. Como dixen, o que depara o futuro ninguén o sabe, mais de momento Memoria Pixelada bota o peche. Tristes, porque as despedidas nunca son unha festa, mais ao mesmo tempo ledos e contentos por ter chegado até aquí con todos vós.

Milleiros de agradecementos pixelados.
Adeus, Memoria Pixelada.

Memoria Pixelada precisa de ti!

Por: Xoves, 5 de Decembro de 2013, 15:47 1 COMENTARIO

I_Want_You_Mario

Únete á Familia Pixelada!

En Memoria Pixelada levamos máis de 4 anos falando de videoxogos en galego. Tentamos informar ao momento das últimas novidades, facer análises de videoxogos, retransmitir ao vivo os principais eventos… mais ás veces vémonos sobrepasados. Para continuar e mesmo mellorar o noso labor, necesitamos máis gamers con ilusión que queiran vir a formar parte do equipo.

Interésache unirte a nós? Envíanos un correo-e a contacto@memoriapixelada.com falándonos un pouco de ti e da túa experiencia cos videoxogos.

DSC_0065

É curioso chegar ao festival Novo Cruceiro Rock e ver que Memoria Pixelada está presente. Grazas á asociación por eses concertazos e por suposto, pola publicidade subliminal da nosa páxina.

Entrevista a Memoria Pixelada

Por: Mércores, 13 de Marzo de 2013, 8:32 COMENTAR

O pasado luns anunciabamos que Memoria Pixelada ía ser entrevistada pola Radio Galega no programa A Tarde.

Como é obvio todos os colaboradores non podiamos estar presentes, polo tanto Xende (Moucho Branco) e un servidor (Skaltum) achegámonos ao estudo para falar un pouquiño sobre a nosa páxina.

Cales foron os incios de Memoria Pixelada, que ofrecemos ao público, cantos colaboramos e de que foma neste proxecto e incluso tivemos tempo de comentar que tipo de videoxogos nos gustan máis a cada un e cal vai ser o futuro dos videoxogos.

Se non tivestes a ocasión de escoitarnos en directo, non vos preocupedes, aquí vos deixamos a entrevista para que non a perdades.

1271069546CRTVG

 Mañá, martes día 12, estaremos no programa “A Tarde” da Radio Galega. Nesta entrevista presentaremos no medio público a recente rexeneración da nosa páxina, que nesta versión 3.0 foi totalmente renovada e ampliada para achegarvos máis e mellores contidos coa mesma ilusión de sempre.

A entrevista terá lugar por volta das 16:40, e poderedes seguila sintonizando os diais da RTVG  ou vía internet pola emisión en directo da web da RTVG. Convidámosvos a seguirnos nesta nova aventura no camiño de levar un pouquiño máis a nosa língua propia á nosa paixón común.

Memoria Pixelada nos medios

Por: Sábado, 9 de Marzo de 2013, 20:07 1 COMENTARIO

Despois de case 4 anos de duro adestramento, Memoria Pixelada gañaba os seus últimos puntos de experiencia para subir de nivel e evolucionar. Así, o 21 de febreiro de 2012 Memoria Pixelada evolucionou en Memoria Pixelada 3.0. Unha nova aparencia, un novo logo, un novo estilo.

Desde o propio web, como é obvio, dedicamos unha nova a falar sobre esta nova etapa que comeza. Mais non fomos os únicos que se fixeron eco desta boa nova. E como os pixeleiros sómosvos xente moi ben educada, a modo de agradecemento, facemos mención a todos os medios que deron conta do noso redeseño.

E non podemos esquecernos de todos os webs que teñen ligazóns a Memoria Pixelada e de todas as persoas que nos len acotío e gustan, rechouchían e comentan os nosos artigos. Porque vós, desde o outro lado da pantalla, sodes quen dá sentido a este web.

link.coraçom

Grazas de corazón!

A verdadeira presentación deste 2013

Por: Venres, 22 de Febreiro de 2013, 16:00 COMENTAR

memoria-pixelada-psmeeting

Despois da presentación por parte de Sony da súa PlayStation 4, chegou a verdadeira presentación da noite pola que numerosos periodistas e milleiros de seguidores a través da Internet levaban tanto tempo agardando: Memoria Pixelada 3.0. Bo intento, Sony. Quizáis a próxima vez o consigades.

Creado por | NetOverflow

Memoria Pixelada 3.0

Por: Mércores, 20 de Febreiro de 2013, 23:55 2 COMENTARIOS

Hai hoxe case catro anos andaba a buscar pola rede algún web en galego que se dedicase exclusivamente a informar sobre o mundo dos videoxogos. Ao non obter ningún resultado positivo decidín encamiñar a miña aventura a través dun nome, Memoria Pixelada.

Non foi sinxelo. Atopábame só, nun mundo que descoñecía e pretendendo que as miñas palabras chegasen máis aló do cuarto da miña habitación.

Dende aquelas moitas cousas cambiaron, entre elas os diferentes redeseños que sufriu a páxina durante a nosa viaxe.

Recordo a primeira aparencia de Memoria Pixelada, unha “plantilla” predeterminada de blog típica, baleira, sen demasiadas aspiracións. Mais por cousa do azar dei cunha persoa que me colleu o blog e lle deu un cambio radical. Esta persoa era Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e gran motivador para que seguise adiante coa páxina (con entrevista incluída).

Daquela Memoria Pixelada quedaba así:

Se recordades este deseño podédesvos considerar verdadeiros seguidores do web. Mais a evolución non facía máis que comezar. Comezaba abrirse un mundo que nunca imaxinei.

Gran parte de culpa ven a través do primeiro colaborador de Memoria Pixelada. AmilGZ chegou, e con el as novas formas de márketing. Deste xeito a páxina comezou a verse por todas as redes sociais, novos apartados, novas ideas.

O tempo avanzaba e sabiamos que pouco a pouco iamos fidelizando algún lector. Comezamos a ver comentarios e a nosa ligazón noutros sitios web. A ilusión apoderábase de min e do que estaba a acontecer.

Memoria Pixelada foi medrando cada vez máis, sobre todo na familia e máis colaboradores se adentraron nesta aventura pixelada.

O segundo gran redeseño da páxina veu acompañado dun novo dominio e aloxamento web. Aquí quero facer unha paréntese para dar enormes grazas a Marcos Dacosta, por ofrecernos un dominio e a posibilidade de que Memoria Pixelada se oficializase, por dicilo dalgunha maneira. E tamén a Dinahosting, que nos ofrecen unha oferta de aloxamento excepcional e apoian o noso proxecto.

Pero non queríamos obter un dominio e deixar os usuarios sen máis, eles merecían algo mellor. Para iso, Memoria Pixelada sufriu unha nova transformación. AmilGZ foi o iniciante deste novo deseño, mais pouco despois descubrimos a un nome clave e actual técnico da páxina, NetOverflow.

Os dedos máxicos de Net comezaron a realizar modificacións: versións de como quedaría mellor a páxina, máis apartados e por vez primeira vez comezamos a puntuar videoxogos, grazas a un puntuador creado por el mesmo. Como dixen, Memoria Pixelada medraba, tanto que chegamos a ser oito colaboradores cun deseño que vos será familiar:

Mais agora chegamos a un punto de inflexión en Memoria Pixelada, un terceiro redeseño completamente novo saído dos dedos de Net. E igual que unha serpe muda de pel, para que a seguinte saia con máis forza, teño o gusto de presentarvos o novo deseño de Memoria Pixelada.

Esta nova versión trae múltiplas novidades. E non só no apartado gráfico, onde temos que agradecer a Gonzalo Sardón o deseño do novo logo de Memoria Pixelada, senón a nivel profesional.

Dunha banda o apartado “Frikimaxes” desaparece para dar lugar ás Imaxes e Vídeos pixelados, onde continuaremos a colocar as imaxes e vídeos máis curiosos do mundo, pero cunha distribución moito máis cómoda para ler.

Na marxe dereita podedes observar o apartado de Mini-novas, onde veredes todas aquelas novidades que non precisan demasiada presentación. Deste xeito asegurámonos que o web nunca quede paralizado e o dinamismo sexa diario.

Tamén cómpre destacar que por vez primeira vós, todas as persoas que nos ledes, poderedes puntuar os videoxogos que analicemos. Porque tamén queremos saber a vosa opinión. Isto é grazas ao novo puntuador creado desde cero por Net, moito máis dinámico e visual para a páxina.

Porén non terminan aquí as novas, senón que redeseñamos completamente a versión móbil da páxina, cun aspecto moito máis serio e funcional, corrixindo erros anteriores e ofrecendo a posibilidade de seguir Memoria Pixelada dende calquera lugar.

Finalmente, só me resta darvos a benvida á nova Memoria Pixelada e agradecervos que nos sigades día a día. Porque vós, as persoas que nos ledes, sodes quen dá azos que o noso proxecto continúe adiante día tras día. Esperamos que vos guste.

P.S: Como calquera novo redeseño poida que exista algún pequeno erro que nós pasásemos por alto. Se vós o vistes, por favor, póndevos en contacto connosco para corrixilo o máis cedo posíbel.

Terceiro aniversario de Memoria Pixelada

Por: Mércores, 18 de Abril de 2012, 12:16 2 COMENTARIOS

É curioso como pasa o tempo e día a día, píxel tras píxel Memoria Pixelada acaba de cumprir tres anos de vida. Tres aniños cheos de cambios, cheos de artigos e novidades e cheos de compañeirismo, tanto polos redactores como polos espectadores que nos len a diario.

Deste xeito só podemos agradecer o voso seguimento, a todos que buscan Memoria Pixelada para enterarse do que acontece por este mundo, a todos aqueles que seguen esta páxina dende os seus comezos e tamén aqueles que actualmente lle atoparon algo de divertido.

Grazas a vós conseguimos chegar o trienio e grazas a vós estamos coa mesma ilusión que o primeiro día.

Para celebrar estes tres anos queremos realizar unha serie de cambios na páxina, con novos apartados, novo deseño, máis profesionalidade e máis constancia nas redaccións, así que estade atentos a un futuro próximo.

Moitas grazas a todos.

Memoria Pixelada fai 2 anos

Por: Luns, 4 de Abril de 2011, 9:01 4 COMENTARIOS

Certo día como hoxe fai xa un par de aniños estreaba Memoria Pixelada cun post que mencionaba a posibilidade de ver a segunda parte de Beyond Good & Evil.

Pois ben, do xogo aínda non sabemos nada pero de aquel día a hoxe as cousas por este recuncho cambiaron moitísimo.

Memoria Pixelada comezou a medrar pouco a pouco, e todo isto grazas a todos aqueles que seguen esta páxina diariamente, e como non, os que colaboran na web coas súas aportacións pixeladas.

Neste aspecto teño que resaltar este segundo ano, xa que foi un ano de cambios, de modificacións, de estreas… e todo isto débese a incuestionábel axuda e unións á plantilla da páxina.

Polo tanto quédame agradecer a colaboración de AmilGZ (sempre procurando mellorar o aspecto de Memoria Pixelada),Donatica,NetOverFlow,David Holm,Odinnet e a última unión a esta tolería, aPeleteiro. Todos intentamos falar deste mundo dende a nosa perspectiva e criterio propio, e deste xeito seguiremos. Sobra dicir que estou inmensamente agradecido a súa colaboración, a súa participación, xa que con eles deixei o camiño da soidade para sentirme acompañado nesta viaxe de píxeles.

Neste ano tamén cambiamos para un novo dominio, e isto débollo a Marcos, que servíu para darlle un toque máis profesional á páxina.

Por suposto non me podo esquecer de Leo (a ver para cando outra colaboración?) nin de Marcus, que cando non sabía absolutamente nada de blogs, el solucionoume a maior parte dos problemas. Grazas de verdade.

E como non, agradecer de novo a todos os lectores que ledes Memoria Pixelada día a día, que deste xeito conseguistes que este proxecto leve vivo (e cada vez con máis forza) dous anos completos.

Moitas grazas a todos e espero seguirvos vendo por esta zona, comentando,criticando,opinando,berrando…e así ata o terceiro aniversario.