Seguimos con esta recompilación de títulos, espero que xa probásedes os da semana pasada e que veñades con gana de máis. Vamos adiante completala.

L.A. Noire

Este título presenta todos os sinais do cineme negro detectivesco. Unha serie de crimes, protagonistas cunha dobre moral e unha trama con xiros referencias  ao cinema de época. Froito do xa extinto estudio Team Bondi, para o que o desenvolvemento sen beneficios inmediatos supuxo unha carga demasiado difícil de soportar, afrontamos unha serie de casos que nos avanzarán na vida do protagonista e nos acercarán a resolver o misterio que anda detrás dos sucesos que se presentan.

Cunha calidade gráfica moi elevada, foron pioneiros nunha excepcional captura facial, sendo todas as personaxes do xogo a viva imaxe dos actores que lles dan vida. Aínda con certa dificultade no control, o xogo en si mesmo non presenta un nivel moi elevado e pode ser un título accesible para calquera.

Machinarium

Esta aventura gráfica conta cunhas mecánicas simples e un grafismo preciosista. Todos os que o xogamos no seu momento quedamos namorados do pequeno robot ao que axudaremos a salvar Machinarium do malvado plan dunha irmandade que planea destruír a torre da cidade.

Sen textos nin diálogos, toda a información que se nos transmite faise a través de debuxos e animacións, o que lle dá un toque de orixinalidade maior se cabe. Anímovos a que vos fagades con el e o probedes.

Mirrors Edge

Este experimento que saíu á luz da man de EA desenvólvese nun futuro distópico en que todo está controlado por unha ditadura. A sociedade conformista convive con isto, pero mantense unha rede de comunicacións usada polos disidentes e opositores ao réxime que consiste nunha rede de corredores que se encargan de distribuír a información. Un deles, Faith, será a protagonista e verase envolta nunha loita moito maior que ela mesma.

Nunha cidade branca con cores moi primarias que resaltan os puntos de interese, percorreremos os tellados e edificios da cidade facendo uso de habilidades moi propias do parkour, carreiras, loitas corpo a corpo e tamén armas. Conta con moitos automatismos que o fan moi dinámico e moi espectacular.

Parece que logo coñeceremos por fin a data de saída da súa secuela e as últimas informacións apuntan cara a unha triloxía, debedes coñecer a orixe.

The Last of Us / Beyond Two Souls / Heavy Rain

Este combo de aventuras de moi boa factura o teremos nas consolas de Sony, os tres estan dispoñibles en PS3 e os dous primeiros tamén en PS4. The Last of Us é un xogo puramente de aventura, nun futuro postapocalíptico, podedes ver mais na entrada do blogue, só dicir que para min é dos xogos que mais preto están do 10 na xeración anterior, podédelo ver no trailer, e a súa música non fai máis que axudar a isto.

Beyond Two Souls mestura o xénero de acción e aventura gráfica nunha historia con tinturas sobrenaturais que de seguro vos digo que paga a pena e que tedes que probar.

No caso de Heavy Rain movémonos xa máis nunha aventura gráfica cos seus crebacabezas e as súas decisións argumentais, vanlle pesando os anos que non teñen os outros dous, pero aínda se desfruta e segue a ser unha referencia no seu xénero.

Tomb Raider

Volveron as aventuras de Lara Croft, un clásico que volve pegando forte. Estamos ante un xogo de aventuras que recupera moitos dos elementos que fixeron grande a franquía e incorpora un grande número de novidades que hai que explorar.

Unha boa historia, presentada nunhas condicións inmellorables e cuns gráficos excepcionais. Ten todos os ingredientes que podemos pedir a un xogo deste estilo para ser un fixo nos nosos estantes e librarías de Steam.

Rayman Origins / Legends

 

Plataformas clásico que recupera a xa case esquecida personaxe de Rayman cun estilo moi propio e moi divertido, un xogo para xogalo rápido e que na súa continuación e nas versións que vemos en plataformas móbiles como Rayman Fiesta Run e Jungle Run segue a conservar o seu encanto. Xogo moi adecuado tanto para xogar na casa como no bus ou nos descansos coa súa versión portátil. Un xogo que dá o que propón, diversión sen complexos.

Red Dead Redemption / Saga GTA

RockStar ten case o monopolio do éxito nos xogos de mundo aberto. A saga GTA xogo tras xogo continúa a bater récords de vendas e a presentar títulos de gran calidade.

Coido que a estas alturas todo o mundo coñece estes xogos, polo menos polas alusións apocalípticas que advirten que xogando a el acabarás sendo un servo de Satán, matando embarazadas en centros comerciais ou barbaridades similares. Este xogo é o gamberrismo puro e ponnos na pel de criminais dispostos a todo. Pero fronte ao que algúns ven apoloxía da violencia, moitos outros ven parodia do típico cinema de acción e das historias que desde sempre temos nos nosos televisores, podedes ver o gameplay que fixemos no noso twitch.

Para aqueles máis fans do cinema clásico temos Red Dead Redemption que, se o GTA parodia os típicos filmes de acción e disparos este fai o propio cos spaghetti western. Unha aventura do Oeste cunha historia xenial de redención e acción moi desfrutable.

Pokémon

Non sei se teño que dicir algo sobre este xogo, a moitos comeunos a infancia e a moitos tamén lles comeu a idade adulta. Esta saga xa clásica de Nintendo non para de renovarse, lanzando novas versións, mellorando as mecánicas, dotando dunha maior complexidade a este universo e pouco a pouco tamén modernizando o aspecto gráfico, aínda que non é nin moito menos un punto forte.

E un xogo que te atrapa, moi adictivo e divertido que che fará pasar un monte de horas diante da consola. Moita xente o ve como un xogo de nenos, pero nin de lonxe, con calquera idade podemos desfrutar profundamente del se o enfrontamos sen prexuízos.

E con isto concluímos, estou seguro de que deixo moitos títulos polo camiño, seguramente algúns mellores, pero esta é unha selección coa cal podedes comezar se vos pica o verme e non tedes moi claro por onde tirar. E os que xa sabedes un pouco do tema, cales recomendaríades vós?

Parte 1 | 15 Xogos cos que entrar no mundo dos videoxogos (Parte 1)

Red Dead Redemption, un xogo de cine

Por: Mércores, 19 de Xuño de 2013, 11:00 2 COMENTARIOS
red-dead-redemption

John Marston, o protagonista da historia, moi ao seu pesar

O cine e os videoxogos son dous xéneros que historicamente viaxaron xuntos compartindo título, alimentándose mutuamente cando o destino común foi bo e parasitándose cando un dos dous productos non chega ao nivel de calidade esixido ou agardado. Exemplos desto último temos nos dous sentidos: desde o fracaso da adaptación a primeiros dos 80 para Atari 2600 de “E.T. o Extraterrestre”, famosa por ser a presunta protagonista do curioso episodio de soterramento de xogos no deserto de Nuevo México, ata no sentido inverso, as pouco afortunadas versións cinematográficas de xogos de éxito, coma Doom ou Street Figther.

red-dead-redemption-screensaver-10

A xente non esquece, nada queda impune

Mais é un título da actual xeración, o que lle da unha volta máis ao exposto nesta introducción, o Red Dead Redemption, analizado no seu día nesta nosa páxina. O guión da obrigada redención do protagonista Jonh Marston ben podía provir dun filme clásico do western, xa de por si o xénero máis cinematográfico. Porén, neste caso, é o propio xogo de Rockstar Games, máis ben a súa historia, ambientación e fascinante factura en multitude de aspectos, o que se adentra no mundo da sétima arte, e faino dun xeito, ou duns xeitos, moi orixinais. Na propia promoción do xogo, a canle estadounidense Fox estreou en exclusiva unha curtometraxe de trinta minutos dirixida por John Hillcoat (The Road, 2009), e producida pola propia Rockstar Games, na cal, montando imaxes do propio xogo, o director plasmaba a súa visión persoal sobre un dos episodios que acontecen durante o desenvolvemento da historia:

 

Xa a nivel usuario, outros xogadores montaron videos coas imaxes do xogo, pero onde realmente se ve o valor cinematográfico da historia, é nos videos de productoras independentes coma Silk Dog Films, onde son actores reais aos que vemos beber, cazar, disparar, roubar ou simplemente tratar de sobrevivir nos inhóspitos paraxes de New Austin, Nuevo Paraiso e West Elizabeth:

 

Mesmo hai quen se atreve a ir un paso máis aló e realiza unha atrevida mistura de xogos que en principio non terían nada que ver, coma a que vemos nesta curta:

 

E se fora pouco o carácter cinéfilo do Red Dead Redemption, a última escena da anterior curta enlazanos directamente, con outra das maravillas desta historia: o Red Dead Redemption Undead Nightmare, unha praga zombi, das de sempre, seguindo a estela iniciada polo modo zombi do Call of Duty World at War, pero desta vez na fronteira norteamericana de primeiros de século XX:

 

Como complemento desta simbiose entre xogos e cine nesta xeración, apunto outras dúas senlleiras interaccións: o Alan Wake e Bright Falls (a súa serie precuela con actores reais coma ferramenta de promoción e introducción no argumento), e a enorme coincidencia de argumentos e ambientación entre o xogo L.A. Noire e a película Gangster Squad (Brigada de Élite).

A realidade do ‘L.A Noire’

Por: Sábado, 6 de Agosto de 2011, 14:35 COMENTAR

Honestamente só xoguei ao primeiro DVD da versión para a Xbox 360 deoL.A Noire, mais chegou perfectamente para comprender este simpático vídeo.

Se o probastes, tamén o habedes de entender.

L.A Noire:investigacións

Por: Xoves, 10 de Marzo de 2011, 0:58 COMENTAR

Sobra presentar este xogo, porque dende que Rockstar anunciou L.A Noire, todos os amantes dos bos xogos etamos esperando verificar as nosas hipóteses.

Pero non só vai ser un xogazo porque sexa un sandbox (Rockstar é imbatébel neste campo), nin tampouco polas súas espectaculares animacións, nin tampouco por ese apartado gráfico, tamén será un xogazo pola posibilidade e liberdade que ofrece ao xogador a investigar os casos que se nos propoñen.

Buscar probas,intimidar aos sospeitosos,interrogar aos testigos,tomar decisións…todo isto está explicado no seguinte vídeo, que non serve para outra cousa que para facernos ter aínda máis ganas de L.A Noire.

Ti aínda non lle tes ganas?

Primeiro gameplay do prometedor L.A. Noire

Por: Mércores, 9 de Febreiro de 2011, 19:46 COMENTAR

Fai unhas semanas os de Rockstar amosaron o sistema de animacións faciais do seu próximo título L.A Noire. Como era de prever, sorprenderon a toda a prensa.

Supoño que todos temos claro que Rockstar é un xenio facendo sandboxs, pero até o de agora non puidemos ver nada real do videoxogo. Pois agora isto cambiou e podemos desfrutar do que nos deparará a próxima obra de arte desta compañía.

Moi boa pinta, a min tenme moi boa pinta e o feito de que esteamos no lado da xustiza (canto fai que un xogo deste tipo non o fai?) motiva aínda máis a miña espera. Tamén temos que engadir o método de exploración e avance da investigación, que nos obrigará a interrogar e buscar pistas polos escenarios.

Cada vez queda menos para sobrevivir a L.A Noire.

L.A Noire ten 50 horas de diálogos

Por: Luns, 17 de Xaneiro de 2011, 13:25 COMENTAR

L.A Noire xa é un dos xogos máis esperados deste ano, e cales son as razóns?, pois se non vos abonda coa explosión gráfica ou cun novo sandbox de Rockstar (algo que saben facer moi ben), agora os seus desenroladores ofrecen unha entrevista na cal explica máis detalles.

O máis salientábel é que L.A Noire terá cincuenta horas de diálogos, segundo eles, equivalentes a dúas tempadas de calquera serie de televisión.

Verdadeiramente é unha información impactante, pero como implementar isto nun videoxogo?, pois dándolle independencia a cada caso. Deste xeito, tamén deixaron caer que cada misión dependerá das decisións que tomemos, levándonos por diferentes camiños á hora de resolvelas.

Alguén dubida que L.A Noire chegará con moitísima forza?

Primeiro tráiler de L.A Noire

Por: Xoves, 11 de Novembro de 2010, 21:36 COMENTAR

Moitos temas abríu en foros,moitas discusións provocou e agora podemos ver o primeiro vídeo do próximo xogo de Rockstar.
L.A Noire quere entrar no mundo das mafias cun título impotente, pero particularmente non me parece un tráiler nada espectacular,nin sequera me chamou a atención o seu apartado técnico.
De feito recórdame aos primemeiros tráilers de Mafia 2, e finalmente acabou tendo unha gráfica simplemente correcto.
Así e todo temos que ter en conta que a compañía que está detrás do L.A Noire é a todopoderosa Rockstar, e creo que é un abal suficientemente grande como para ter fe no videoxogo.
Tempo o tempo.