ouya
Julie Uhrman, directora de Ouya, pedíu hoxe desculpas públicamente e por correo electrónico a todos os usuarios que o pasado agosto apostaron pola innovadora idea na campaña en Kickstarter, pero que, a día de hoxe, data na que se pon á venda nas tendas, aínda non recibiron nos seus fogares a consola.

Estou anoxada. Algúns de vós aínda non recibistes a vosa OUYA e pídovos perdón. Non prometín enviala á maioría de vós antes de que chegase ás tendas. Prometín enviárvolas a todos vós. Estiven a ler os vosos comentarios e estamos a traballar para solucionalo.

Aquí está o que eu sei:

Enviamos as vosas OUYAs ao noso servizo de envíos en maio e, dende entón, estiveron baixo a súa custodia. Pagamos o envío, pero as entregas seguen incompletas. Sabemos que todo o mundo recibirá a súa OUYA, pero está a levar máis tempo do agardado.

Estamos a traballar moi duro para que teñades as vosas respostas e, o máis importante, solucionar isto. Pola nosa parte, triplicamos o equipo de atención ao cliente para responder tan rápido como nos sexa posible ás vosas preguntas (pensade que a resposta pode ser que xa está en camiño). Estamos traballando coa empresa de reparto para resolver calquera problema administrativo relacionado coas consolas non entregadas (erros nos enderezos, impostos de alfándega, etc.). Polo que sabemos, a pesar dos nosos maiores esforzos, pode levar outras dúas semanas ou máis terminar as entregas desas unidades.

Resolverémolo o máis cedo posible. Tiven ao meu equipo traballando toda a noite para coñecer persoalmente cal era a situación real e que facer para solucionalo.

Hoxe mesmo, 25 de xuño, chegou ás tendas dos Estados Unidos e Reino Unido a videoconsola a un prezo de 99,99 dólares, aínda que nalgunhas tendas como Amazon aparece “temporalmente sen stock”.