sony-gaikai
O servizo na nube de Sony, coñecida como Gaikai e que permitirá xogar aos videoxogos das videoconsolas anteriores, non ten data proxectada para o seu lanzamento en Europa, debido a problemas de ancho de banda, segundo a propia compañía. Mentres, en Norte América, está previsto o seu lanzamento para comezos de 2014.

O presidente de SCEE (Sony Computer Entertainment Europe), Jim Ryan comentou nunha recente entrevista que o servizo non ten data de lanzamento en Europa pois “hai moitos problemas no camiño que teñen que ser resoltos”.

Estes problemas, foron uns dos motivos polos que Sony deixou a un lado o tema durante a súa conferencia na pasada Gamescom en Alemaña o mes pasado.

“O plan é comezar con Norte América o vindeiro ano e dar un servizo de streaming que permita xogar ao contido de PS3, primeiramente, na PS4 e despois en PS Vita e PS3.”

“E iso terá lugar en 2014 en Norte América inicialmente. Xa que abordei os problemas de ancho de banda en Europa durante a presentación: Europa, por suposto, está na nosa planificación para este servizo que comezará a funcionar nalgún momento do futuro, pero por cuestións que escapan ao noso control, non temos unhas datas específicas.”

“Nunha presentación cun alcance global, pero principalmente orientado á audiencia europea, non quixemos comezar a falar das grandes virtudes deste servizo baseado na nube sen saber exactamente cando estará dispoñible en Europa.”

sony-e3
Tal e como confirmou Jim Ryan, CEO de Sony Computer Entertainment Europa, nunha entrevista durante o pasado E3 en Los Ángeles, a compañía xaponesa amosará novos títulos durante a celebración da feira xermana Gamescom o vindeiro agosto.

Somos moi conscientes que no evento de febreiro en New York amosamos moito software, sobre todo propio. O que amosamos no E3 foi realmente actualizacións deses xogos e presentamos The Order 1886.”

“Tamén hai moitos outros videoxogos en camiño. Estou seguro que escoitáchedes as declaracións de Shuhei (Yoshida, presidente de Sony Worldwide Studios) que, soamente nos seus estudios, están a traballar en 30 novos videoxogos. 20 deles sairán ao mercado no primeiro ano da PlayStation 4 e 12 son novas franquías, así que temos moitas cousas previstas. Temos a Gamescom para nós os europeos e temos que ter algo que amosar na Gamescom.”

A edición da Gamescom deste ano celebrarase entre os días 21 e 25 de agosto en Colonia, Alemaña. Tamén confirmaron a súa asistencia Microsoft e Nintendo, despois da súa ausencia na edición anterior. Outros estudos que tamén asistirán son Bethesda, Deep Silver, Electronic Arts, Konami, Ubisoft e Warner Bros.