Gamelab Barcelona 2013

Por: Martes, 25 de Xuño de 2013, 11:00 COMENTAR

gamelab2013

Non é o E3 de Los Ángeles mais está moito máis preto, a edición do Gamelab de Barcelona deste ano, xa a novena, desevolverase durante esta semana, e nela darase cita o máis importante da industria do sector dos videoxogos e do ocio dixital, non so a nivel estatal, se non mesmo a nivel internacional, xa que o evento pasa por ser un dos máis importantes de Europa no seu ámbito. Durante tres días o público poderá asistir a conferencias, mesas redondas e talleres, sendo os conferenciantes estrela desta edición xente coma Michel Ancel (creador de Rayman), ou Matias Myllyrinne (director de estudio de Remedy Entertainment, os creadores de Max Payne e Alan Wake) entre outros.

GoW en gamelab

Público asistente nunha edición anterior do Gamelab

Mais é portas adentro, nas sesións de networking entre profesionais, onde teñen lugar os encontros que dan sentido a este tipo de eventos. Se para o siareiro dos videoxogos a atención está centrada en probar determinado xogo novo, conseguir mercadotecnia exclusiva ou escoitar a algún dos seus ídolos creativos, para as empresas e os profesionais do sector trátase, case simplemente, de negocios. E é que non podemos esquecer que o noso hobby preferido move máis cartos que o cine e a música xuntos.

Como evento paralelo á feira fallaranse os premios da Academia Española de las Artes y las Ciencias Interactivas, na súa sexta edición, onde se se repasa a lista de finalistas e nominados, chégase a conclusión da importacia crecente que os xogos para dispositivos móbiles veñen collendo nos últimos anos, especialmente entre desenvolvedoras con orzamentos limitados. Nesta ocasión o premio de honra recaerá no visionario deseñador Will Wright, pai dos hipercoñecidos Sims. Na anterior edición este premio foralle outorgado a Kazunori Yamauchi, o creador do exitoso xogo de coches Gran Turismo.

Así que se estes días ides estar pola cidade condal, non deixedes de pasarvos pola feira e contarnos logo as vosas impresións.