Volvo á miña selección de momentos que penso que a todo o mundo afectou de algunha maneira ou de outra. Hoxe vou falar dun mítico, un xogo que cautivou a millóns de persoas, que namorou ata o máis escéptico, refírome a grande obra de Miyamoto, Super Mario Bros 3.
Cantos momentos resaltábeis recordades de esta xoia?, estou por asegurar que moitísimos, pero eu só me vou a referir a un, e non é nin o máis espectacular, nin o máis identificativo do xogo, de feito é un momento que non tedes nin por qué vivilo ao longo do videoxogo.
Non tedes por que vivilo porque é un dos moitos elementos segredos que salpica esta marabilla de aventura de Mario, pero téñome que referir a el porque penso que este pequeno segredo é tan coñecido por todos que xa forma parte da estratexia habitual de calquera que comece esta xoia.
Por suposto, estoume referindo ao momento que atopas a primeira frauta que che permite viaxar de mundo en mundo.
Esta frauta atopámola no primeiro castelo, xusto antes de entrar para o monstro final debemos ter equipada a capacidade de voar e ao coller velocidade debemos elevarnos pouco a pouco ata saír da pantalla, pero sorpresa, sen ver en ningún momento a Mario debemos movernos todo o que poidamos ata a dereita e alí, premer o botón de entrar. Metémonos nunha porta segreda que nos otorga a mencionada frauta.
Que levante a man aquel xogador de Mario que non fixese isto, dubido moito que quede algún.

Quén foi o que descubriu este pequeno truco?, que fenómeno paranormal fixo que só o boca a boca ( porque de aquelas non había internet) fixese que case todo o mundo coñecese este segredo?
Moitas son as preguntas pero só un feito, coñecín a moitas persoas que pasaran este xogazo e ata o menos informado neste mundo tiña coñecemento deste truco, e eu, cada vez que me poño a volver xogar ao Super Mario Bros 3 non dubido en coller esta frauta, aínda que non a utilice, pero fáiseme moi raro pasar por alí e deixala alí abandonada,soa,amargada…
Pero ademais esta porta segreda é a primeira que atopas en toda aventura e persoalmente foi un dos segredos que máis me cautivou. Grazas a este feito percateime que Super Mario Bros 3 era algo máis que un simple xogo, tiña elementos que xamais vivira noutros títulos, algo que se adentraba dentro do xogador e facíalle pensar: “se me deixo absorber por estas areas movedizas seguro que chego a unha fase bonus”, ou “ se me deixo caer aquí pode que descubra outro segredo”.
Isto sen falar de bloques invisíbeis, tubarias escondidas e tantos outros trucos que se pensades un pouquiño seguro que recordades moitos máis.
Pero son da teoría que todos estes pensamentos renacen despois de atopar esta primeira frauta, e estou completamente seguro de que moitos dos que estades lendo isto nestes momentos teredes tamén na memoria exactamente ese momento, o que corrobora a miña teoría de que Shigeru Miyamoto e Deus, e utilizou os seus poderes para facernos saber a todos os verdadeiros xogadores onde estaba esa curiosa frauta.