Videoxogos na Educación

Por: Domingo, 2 de Marzo de 2014, 18:30 COMENTAR

Xogos na Educación

Moito se ten falado sobre a negatividade que implican os videoxogos sobre os nenos e nenas, moitas novas “engordadas” saíron nos medios por casos illados de rapaces con problemas que remataron delinquindo e incluso asasinando a familiares, e os medios de comunicación din que os responsábeis destes feitos son… os videoxogos.

O primeiro que debemos ter claro é que os videoxogos son outro medio para transmitir información, igual cun libro ou filme, e que está remarcado cada título para que idades son recomendados, resumindo na contraportada que temáticas tratará (para que os pais estean informados), polo tanto xamais podemos culpar a un medio, por moi inmersivo que sexa, de actos levados a cabo por rapaces con problemas psicolóxicos.

Partindo desta idea tan negativa que ten a maior parte da sociedade, podemos falar de videoxogos como apoio na educación dos rapaces? Pois eu penso que si.

Existen diferentes estudos que falan na positividade dos videoxogos nos nenos, e un destes aspectos é a capacidade para tomar decisións e rapidez nestas. Aqueles que son consumidores de videoxogos ao longo da súa vida toman mellores e máis rápidas decisións, así como están acostumados a preseleccionar mellor entre un grupo de “ítems”, o que favorece a unha análise máis crítica. A parte deste feito, os videoxogos (e máis na actualidade co seu online) forman unha comunidade virtual no que relacionarse entre eles fomentando a colaboración entre os mesmos e creando un vínculo que deben manter ao longo das súas andainas pola rede empregando videoxogos.

Tamén debemos eliminar os prexuíxos que existen neste ámbito no relacionado a, “xogos = a violencia”. Existen innumerábeis videoxogos que abarcan temas relacionados coa aprendizaxe, así de primeiras véñenme á mente títulos como Brain Trainning (no que nos propoñen asumir retos matemáticos, de memoria, de percepción…) ou mesmo a saga de Layton, na que encarnamos a un detective que terá que resolver os máis enxeñosos problemas para rematar a aventura.

Son simplemente unha pequena mostra dos xogos educativos máis famosos e que nos dan unha idea do que nos podemos atopar, estamos falando só da punta do iceberg, sumerxámonos e démoslle unha oportunidade, porque os videoxogos poden ser un perfecto apoio no ámbito educativo, empregando estes como suxeito motivador, incitar á cooperación, sinxeleza á hora de empregar… e tantas outras vantaxes que se deixan a un lado.

Outro dos factores importantes e que se mellora grazas aos videoxogos é a memoria. Os xogadores habituais teñen que memorizar en cada videoxogo unhas pautas que empregar ao longo da aventura, e indirectamente tamén teñen que memorizar o emprego de cada botón, polo que automaticamente implica un adestramento do propio cerebro.

Non menos importante é a mellora da capacidade dactilar e motricidade fina dos xogadores habituais, que son capaces de manipular mellor os obxectos coas mans. Aínda que nun primeiro momento non parece isto moi evidente, o movemento dos dedos mentres xogamos incrementa a nosa dixitalización, polo que á hora de coller obxectos pequenos, escribir no teclado e actividades similares, a eficacia dos videoxogadores vai estar por enriba do resto.

Pero entón, todo é positivo nun videoxogo?

Sempre temos que ter moi en conta que os videoxogos son actividades inmersivas para o xogador, polo tanto debemos ter moito coidado, sobre todo os pais á hora de deixar que os fillos inicien calquera videoxogo, mais o mesmo acontece cos filmes ou cos libros, os nenos e nenas van asumir o que vivan, e se lles permiten ver a filmes máis terroríficos, van interiorizar esas sensacións, e se lle permiten xogar a títulos violentos, pois pasará o mesmo.

Con isto debemos ter moi en conta e explicar aos rapaces que xogar con videoconsolas non é un acto malo, violento ou terrorífico como pretenden dar a entender algún medios, senón un medio máis e de igual importancia que ver un filme ou escoitar un disco, que como todo non se pode abusar, e que antes de que un rapaz vaia iniciar un videoxogo, hai que asegurarse que é apropiado para a súa idade.

Unha verdadeira pena que existan tantos prexuízos neste ámbito.