NBA 2K14 (PC)

Por: Xoves, 9 de Xaneiro de 2014, 20:30 COMENTAR

2013-12-16_00001

O basquetbol non é doado.

Con dita frase LeBron James, a maior estrela da constelación NBA actual, avísanos do que nos espera no xogo que imos empezar nada máis arrancalo.

Esta nova versión, a derradeira da xa lexendaria franquicia de 2K Sports, gañadora de innumerables recoñecementos e capaz incluso de que ata unha empresa tan poderosa como EA decidira fai uns anos non publicar o seu simulador deportivo de basquetbol, a franquicia NBA Live, ate a imposibilidade de que fora unha competencia aceptábel para o xogo de 2K, feito que se repetiu durante case media xeración da PS3 e Xbox 360, e, polo que semella, resultando nunha nova diferenza brutal na nova xeración a favor do NBA 2K que non anticipa nada bo para a franquicia de EA.

Neste análise ímonos centrar na versión para PC do xogo, que, en teoría, correspóndese cas versións para PS3 e Xbox 360, sendo, falando de novo teóricamente, inferiores ás versións para PS4 e Xbox One.

Xogabilidade e apartado técnico

2013-12-17_00009

Atopámonos cun xogo continuista co que ven sendo en anos anteriores, algo que xa podemos notar nos primeiros intres nos que empezamos a xogar. Os xogadores teñen un peso máis acertado que en edicións anteriores, xa non se ven con tanta facilidade eses movementos dos homes grandes dignos do base máis áxil da liga e o seu peso está ben representado ó realizar movementos no poste, seguen a parecer demasiado lixeiros nalgúns momentos, sobre todo cando están a correr á contra, sendo capaces de realizar quebros propios dun xogador de 1,80 en lugar dun de 2,10.

As físicas do xogo, se exceptuamos esa sensazón de lixereza en momentos puntuais, segue a liña da saga, é dicir, unhas físicas dos xogadores entre eles moi boas, así coma unha axilidade nos movementos no poste máis realistas que en anteriores entregas. Ó mesmo tempo a pelota ten unhas físicas sobresaíntes, cunha sensazón de peso moi lograda e cos efectos e imprevisibilidade típicos da saga cando rebota contra o aro.

Unha vez máis, 2K logrou crear o peso que ten unha estrela nun equipo, de modo que sexa imposíbel gañar o campeonato sen unha delas no noso equipo, do mesmo modo que tamén recreouse acertadamente o dito popular de “o ataque gaña partidos, pero a defensa gaña campeonatos”, o cal é máis que certo neste xogo, podes ter o mellor ataque do campeonato, pero se non tes unha boa defensa vas sudar moito para gañar o campeonato, do mesmo modo que se tes a mellor defensa, pero un ataque malo, vas tamén a sudar para lograr gañar. Ó igual que no resto de apartados, no equilibrio está a maxia deste xogo.

Este equilibrio ocúpanse de rompelo as habilidades persoais, que aportan características especiais ós xogadores que as teñan, habilidades que van dende non perder unha racha de tiro cando o entrenador rival pide un tempo morto ata ser un especialista en anotar nos momentos decisivos ou lograr evitar con maior facilidade os bloqueos rivais para non deixar respirar ó rival ou ser un xogador que resta enerxía ós rivais nos contactos na zona. Os xogadores poden ter varias destas cartas xuntas, sendo as estrelas as que lóxicamente teñen un maior número delas, pero moitos xogadores de segundo ou terceiro nivel poden dar un salto de calidade ó equipo moi grande se somos quen de sacar rendemento a estas cartas de habilidade. Por exemplo, se logramos obter un xogador que teña a habilidade de ser decisivo no último cuarto e ten a carta de rompenocellos, está claro a quen temos que pasar a bola para que se xogue a canastra decisiva nun partido apretado, aínda que sexa peor xogador que outro, xa que sabemos que é menos probable que erre o tiro decisivo, pero ademáis, é posíbel que o tiro o faga totalmente só, xa que grazas á carta de partenocellos, será quen de escapar da marca do rival, aínda que sexa mellor xogador. Pero do mesmo modo, existe outracarta de habilidade que anula as cartas de habilidade do rival co que o xogador está emparexado, co cal nese caso sería mellor optar por darlle o balón a un xogador mellor aínda que sen cartas de habilidade tan determinantes. Deste modo, estas cartas dan ó xogo unha profundidade táctica moito maior, xa que obrigan a coñecer tanto ós nosos xogadores coma os rivais contra os que estarán emparexados.

2013-12-16_00009

En canto á realización en conxunto do xogo, é tan destacada coma en edicións anteriores da saga, contando cada vez máis xogadores con movementos personalizados e animacións que calcan a realidade, do mesmo modo que cada vez son mais os xogadores que teñen a sua faciana representada no xogo. Os comentarios nesta edición de PC son en inglés, pero cun nivel de calidade moi alto, ó igual que a gran variedade de efectos ou cortinillas que ofrece o xogo, de modo que realmente se ten a impresión de estar vendo un partido real de NBA, e, por suposto, contando cas personalizacións especiais para os días remarcados do calendario NBA, coma o día de Haloween por exemplo. Tamén estarán presentes outros elementos xa clásicos da saga, tales coma as animacións dos xogadores que están nos banquillos, reaccionando ante o que ocorre no campo, as mascotas ou o feito de que cando unha canastra é dubidosa, os árbitros piden a revisión e deciden se é válida ou non. E fiádevos, poucas sensacións tan boas ides sentir nun videoxogo coma cando metes a canastra gañadora sobre o asubío final e os árbitros piden a revisión e a dan por boa.

Apartado para un xogador

2013-12-16_00007

En canto os modos de xogo para un xogador, están disponibles todos os modos clásicos da franquicia: Entrenamento, partido individual, playoff, tempada, práctica, NBA blacktop (para xogar partidos callexeiros), xunto co método estrela entre os clásicos, o modo Asociación, no que tomaremos o control do director xeral dun equipo para facernos cargo dos diferentes aspectos dunha franquincia NBA e tratar de lograr a nosa dinastía, tanto tralas mesas de negociacións coma no terreo de xogo.

Aparte deste modo, temos outro dos métodos máis empregados polos xogadores, coma é o modo “Miña carreira”, no que tomaremos o control dun único xogador dende antes de que entre na NBA e teremos coma obxectivo levalo ata o salón da fama.

2013-12-16_00010

Como gran novidade desta entrega da saga, atopámonos co modo “LeBron: camiño á grandeza”, no que teremos o control de LeBron James ó longo de 7 tempadas en dous camiños que poderemos elexir: ou ben continuar no seu equipo actual, os Miami Heat, e tratar de lograr que sexa unha das grandes dinastías da historia NBA ou ben deixar este equipo e continuar o noso percorrido pola NBA ó longo de diferentes equipos, tentando gañar o maior número de aneis posíbel. É algo salientable que no primeiro caso, en caso de elexir continuar nos Miami Heat, este modo de xogo terá unha duración de 7 partidos, un por cada unha das tempadas que xogaremos, mentras que no caso de elexir deixar o equipo, enfrontarémonos a un total de 30 partidos.

Apartado multixogador

No apartado multixogador atopámonos cos clásicos modos en calquera xogo deportivo: partido individual, partido por equipos, partido personalizado e a xoia da corona, a asociación online, na que pódese dirixir un equipo do mesmo modo que se fai no modo asociación de un xogador, pero contra outras persoas en lugares de contra a máquina.

En caso de xogar multixogador no mesmo equipo, teremos a nosa disposición aparte dos equipos da NBA, ós equipos da Euroliga, un total de 14 equipos, o que permitirá xogar enfrentamentos entre os mellores equipos do vello continente e os equipos NBA. Aparte disto, un ano máis, 2K proporciona o sistema de actualización inmediata dos equipos, de modo que o que lles ocorra ós xogadores na vida real terá repercusión nos nosos equipos.

Séguese botando de menos nesta versión de PC o modo “The crew”, que, dun modo similar o que fai FIFA cos “Clubes pro”, permítenos xogar facendo equipo cos nosos amigos e utilizando os nosos xogadores personais.

Conclusións

2013-12-17_00001

Un ano máis, 2K volveuno lograr, creou o que seguramente sexa o xogo deportivo máis redondo do ano, do mesmo modo que arrasou á competencia e incluso fixo que tiveran que pedir desculpas ante a diferenza de nivel entre os xogos, polo menos na versión para a nova xeración de consolas. En PC seguramente sexa tamén o mellor xogo deportivo do ano, do mesmo modo que o leva sendo uns cantos anos, e o que únicamente a maior afición polo balonpé no vello continente priva de certo recoñecemento para o gran público.

En resumo, un ano máis un xogo sobresaínte, cos únicos manchóns da falta do modo “The crew” nesta versión PC (e calquera que o probara en anteriores entregas pode falar acerca do divertimento que produce), a falta de dobraxe a outro idioma que non sexa o inglés e a excesiva lixereza dos homes grandes nos contraataques.

[puntuacion]|GRÁFICOS=85|SON=95|XOGABILIDADE=100|DIVERSIÓN=100|MULTIXOGADOR=75[/puntuacion]

EA abandona «FIFA Manager»

Por: Martes, 26 de Novembro de 2013, 11:00 COMENTAR

fm14
Pouco despois do lanzamento da última entrega da saga, o «FIFA Manager 14», a finais do pasado outubro, chéganos a nova de que EA Sports non ten plans de lanzar novas entregas desta saga.

Nunha carta aberta no blogue oficial do xogo, o fundador e deseñador Gerald Köhler, do estudo alemán Bright Future onde se creaba o xogo, explica a difícil decisión que tomaron:

Hoxe escríbovos para contarvos que FIFA Manager 14 será a última entrega da saga de simulación futbolística comercializada por EA Sports. Esta foi unha decisión moi dura, por iso quero tomarme o tempo de explicárvola. Isto probablemente será unha grande decepción para moitos de vós e é comprensible que vos preguntedes o porqué.

O xénero dos mánagers de fútbol con este nivel de sofisticación está moi especializado e xogase primordialmente en dous países (Inglaterra e Alemaña), onde – por riba de todo – un xogo dominou prácticamente o mercado nos últimos anos. O escaso mercado e a tendencia xeral dos xogos en liña e para dispositivos móbiles tamén foron factores contribuíntes. Ademáis, FIFA Manager chegara a unha encrucillada na que un novo motor e/ou tecnoloxía en liña sería o único xeito de lle dar un impulso á saga. Cando todos estes factores foron avaliados, levounos á decisión de dar o asubío final.

Todos nós, o equipo de Bright Future e os nosos colegas de EA Sports amamos e seguimos a amar o FIFA Manager. É un xogo que cativou moitos fans ao longo dos anos e foi o noso orgullo e alegría dende a súa primeira edición FIFA Manager 2002 (con Rudi Assauer na súa portada). Tivemos a Löw e Mourinho na portada,Felix Magath dúas veces e moitos outras estrelas alemanas e internacionais que prestaron os seus coñecementos para o xogo. Tamén tivemos a fortuna de ter unha comunidade moi dedicada. A vosa pasión e compromiso co FIFA Manager é incomparable e fixo da saga unha grande ledicia na que traballar.

Tedes a nosa máis sincera gratitude. Agardamos que continúes a xogar co FIFA Manager o maior tempo posible e que os sitios dos fans sigan a ampliar e mellorar o xogo todo o que poidan. Por todos os vosos anos de apoio e a vosa paixón polo noso xogo, dámosvos as grazas.”

ea-gamescom-2013
As principais novidades que Electronic Arts presentou na conferencia de onte na GamesCom 2013:

«FIFA 14»

Ademáis do xa visto na conferencia de Microsoft, anunciaron o lanzamento dunha versión de proba o vindeiro 10 de setembro e presentaron este novo tráiler:

«Command & Conquer»

Escoitando as demandas dos usuarios, EA e Victory Games anunciaron o lanzamento de novas misións para este novo lanzamento da saga, que poderemos xogar pola nosa conta ou de modo cooperativo cun amigo.

«The Sims 4»

O máis coñecido simulador social terá a súa cuarta entrega en 2014 e incluirá novas emocións e interaccións sociais, ferramentas para construir a casa dos nosos soños e obxectos cos que decoralas, tal como se pode ver no segundo tráiler.

«Dragon Age Inquisition»

Neste novo tráiler, os creadores da compañía Bioware fálannos do proceso de creación do novo universo que poderemos ver en «Dragon Age Inquisition» e as posibilidades de xogo que nos ofrecerá.

«Battlefield 4»

DICE presentou o novo modo de xogo “Obliteration” no tamén novo mapa “Paracel Storm”, modo no que poderán xogar ata 64 usuarios en dous equipos.

Tamén presentaron o «Battlefield 4 Premium» que permitirá o acceso aos 5 packs de expansión antes do seu lanzamento, previsto para o verán de 2014.

«Need for Speed Rivals»

Nun novo tráiler do Need for Speed Rivals amosaron o novo modo Undercover, onde nos infiltraremos nas carreiras ilegais para deter aos seus corredores sen ser detectado.

«Titanfall»

Novo vídeo do modo multixogador Attrition no mapa Angel City deste título co que a compañía Respawn Entertainment debuta na industria por todo o alto.

«Plants vs. Zombies Garden Warfare»

A maiores do presentado na conferencia de Microsoft, na conferencia de Electronic Arts presentaron o novo “Boss Mode” (Modo Xefe), exclusivo para Xbox One e SmartGlass, no que, a través dun dispositivo compatible con esta tecnoloxía, os xogadores poderán ver mapas tácticos do escenario, mentres controlan as unidades nunha vista en terceira persoa.


Se queredes ver de novo a conferencia completa, aquí a tedes: