lifeisstrange-screencap-1

“onde deixei o segundo capítulo”

 

Hoxe topeime cunha desas novas que non che gusta oír. A de que Square Enix, publisher de Life is Strange, emitiu un comunicado anunciando o atraso da saída da segunda parte deste prometedor xogo que xa analizamos en Memoria Pixelada. Eu, coma moitos outros xogadores que quedamos coa mel nos beizos despois de xogar o capítulo 1, devezabamos por xogar de novo e ver que nos traería a seguinte entrega.

Inicialmente prevista para mediados de marzo, queda, cando menos atrasada ata finais de mes, pero sen data concreta, o que podería significar que é un atraso indefinido e que non saben se vai ser nesas datas ou que sinxelamente danlle un empuxón cara adiante coa esperanza de chegar a tempo.

O ciclo de publicación previsto inicialmente era de 6 semanas por capítulo, o que deixaba a mediados de marzo a segunda entrega e a comezos de maio a terceira. Coido que este atraso acumularase nas sucesivas partes xa que, segundo comentan, fáiselles imposíbel manter estes ciclos anunciados.

Unha mágoa para todos, esperamos que isto sexa un problema puntual, que non sexa o comezo de máis malas novas e que todo vaia como está previsto de aquí en diante para a nova xoia de Dontnod Entertainment.

 

Edición (14/03/2015)

Finalmente será o día 24 de Marzo o día elixido para a saída final deste segundo capítulo, o final só tivemos que esperar dez días máis.

Life is Strange Capítulo 1

Por: Martes, 17 de Febreiro de 2015, 15:18 COMENTAR

lifeisstrange-screencap-4

Por fin puiden xogar a este título que levaba meses querendo probar. Life is Strange é o novo título do estudio francés DONTNOD Entertainment, o mesmo que nos trouxo hai un par de anos o Hack&Slash mais divertido que probei ultimamente, Remember Me, do que tedes unha análise neste mesmo blogue.

En 2014 os medios fixéronse eco da quebra do estudio. Pouco despois trocaban a súa organización e ó mesmo tempo anunciaban que seguían traballando nun título que, daquela, parecía chamarse What if. Meses mais tarde programaron a saída do seu novo proxecto, agora tornado a chamarse Life is Strange, que describían coma unha aventura episódica con alteracións temporais e daban como referencias a serie Twin Peaks e o xogo Heavy Rain.

O tráiler, moi cinematográfico, presentaba uns argumentos e unha ambientación suficientemente interesante como para facer que preparásemos os nosos cartos para probalo. O temos dispoñíbel en multiplataforma e podemos mercar os 5 capítulos, aínda que de momento só está dispoñible o primeiro, podemos mercalo dun en un ou empezar polo primeiro e ir despois polo pack do segundo ao quinto.

Pasemos a ver o xogo

O primeiro que atopamos en Life is Strange e unha ambientación colorida e luminosa. Estamos en Arcadia Bay, Oregon. A protagonista Max estivo a vivir en Seattle por 5 anos e volve a súa vila a estudar na academia BlackWell. Un día calquera Max sofre unha visión un tanto aterradora mentres asiste a clase. Isto a perturba e decide ir ó baño para relaxarse. Nel asiste ó asasinato doutra chica, pero nese momento algo esperta nela e provoca unha volta no tempo ata a clase anterior. Percatándose do que lle acaba de pasar, Max decide salvala. Con esta premisa, dunha moderna e autónoma Marty McFly comeza a historia que, nun primeiro momento xa vos podemos dicir que comeza a chamar a nosa atención.

Non vos imos facer spoiler do contido da historia, xa que neste primeiro capítulo basicamente o que presentaranos e unha introdución dos personaxes e das tramas que imos vivir ó longo desta aventura.

UI de interacción do xogo

UI de interacción do xogo

Unha coidada ambientación

Todos os escenarios nesta primeira entrega parecen estar moi coidados, permitíndote interactuar con un gran número de elementos, moitos mais dos que vas a querer probar. A interacción, tanto como o inventario ven indicados por unha interface que semella un bosquexo superposto, anotacions feitas sobre as fotos ou ás correccions que poden verse na postproducción da fotografía analóxica de hai unhas décadas. A fotografía vai ser un elemento moi presente durante o xogo, non só por ser a afición principal de max senón porque conducirá parte da trama e as fotos que poderás sacar coa túa polaroid instantánea serán os logros coleccionábeis dos capítulos.

O deseño de personaxes en xeral parece acertado e icónico do seu carácter así que non veremos elementos discordantes aquí.

As decisións, parte fundamental da trama

Neste punto, temos que citar como referencia ós títulos de Telltale Games (The Wolf Among Us, The Walking Dead) ou de Quantic Dream xa que viviremos unha experiencia similar. Ó longo do argumento deberemos tomar unha serie de decisións binarias que supostamente afectarán á trama mais adiante, algo que no primeiro capítulo aínda non puidemos comprobar. Coa pequena vantaxe que nos da a nosa habilidade de volver atrás no tempo. Atoparemos máis accións que producirán efectos similares na historia. Ó final do capítulo poderemos ver canta xente comportouse coma nós.

Decisión binarias influirían no noso futuro

Decisión binarias influirán no noso futuro

A mecánica habitual do xogo pode asemellarse a unha aventura gráfica, movéndonos polo escenario, examinando os obxectos do entorno. Teremos que resolver unha serie de crebacabezas habituais coma recoller obxectos e entregalos ou a típica proba para pasar a través dunha porta nos que será básico o uso da volta no tempo. Non esperedes unhas probas de gran dificultade, senón como vemos noutras aventuras similares, aquí o importante e a historia e como a vivimos.

Aspecto gráfico

O aspecto do xogo e bo, pero non excelente, e tampouco parece que fora o que buscaban. Os modelados son correctos pero da a sensación de que centráronse no aspecto xeral mais que no detalle. Isto faise de agradecer porque veremos un xogo preciosista en liñas xerais, pero nos primeiros planos veremos unhas matas de cabelo poligonais que sacarannos un pouco do agradable entorno creado. Polo demais, non vemos vemos errores gráficos nin bugs e como xa dixen, o aspecto xeral vai ser unha agradable compañía na nosa aventura.

lifeisstrange-screencap-1

Sen uns graficos abraiantes o resultado final é moi bo

 

Son

A banda sonora do xogo está composta por temas indies acústicos que van moito coa ambientación do xogo. Podedes botarlle un ollo en Spotify. As voces dos personaxes están logradas e son bastante acertadas. Neste aspecto o xogo é correcto sen sobresaír especialmente.

Puntos negativos

Sendo a primeira parte desta aventura podemos pasar por alto certa lentitude, con tanta volta atrás nos compases inicias do xogo, faise un pouco tedioso repetir certas escenas dúas ou tres veces, aínda que pronto aparece a opción de saltar ás escenas. O que si que se lles pode recriminar é a falta de tradución. Ninguén vai clamar ó ceo por non traer un xogo dobrado a estas alturas, pero que nos textos, subtítulos e menús só dispoñamos de inglés e francés(lingua orixinal do estudio) nun capítulo cunha cantidade de texto que non se pode considerar inabarcábel pasa por ser unha decisión canda menos pouco acertada. Por sorte a comunidade fixo unha tradución ó castelán para os que sexades pouco hábiles co inglés. Certas traducións por momentos fanse certamente difíciles de comprender e está feita en español latino, pero facilitará a vida a moita xente.

Opinión xeral

Unha historia que promete, personaxes minimamente ben presentados, atmosfera coidada, mecánicas de xogo sinxelas pero aceptábeis e unha ambientación do mais hipster son as propostas deste Life is Strange e a nós deixáronos con ganas de mais. Pode ser un dos títulos que teñan ese algo invaluábel que fai que te quedes namorado del, esa maxia que ten só uns poucos e que é imposíbel de reflexar nunha nota. Pola nosa parte quedamos moi contentos co que recibimos e estaremos esperando para xogar os novos capítulos. Todo isto lembrando o prezo, moi axustado, que fai que sexa unha compra case obrigada para todos os que vexan que este estilo de xogo lles pode aportar algo, cando menos unhas horas de diversión. No meu caso foron un par de horas, similar ó que vemos noutras aventuras episódicas.

 

Páxina oficial
Tradución ó castelán
Consulta o prezo do xogo nas distintas plataformas en Otogami
O episodio 2 estará dispoñíbel en Marzo.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=75|SON=70|XOGABILIDADE=75|DIVERSIÓN=95[/puntuacion]