Ubisoft fala sobre os DLCs de Watch Dogs

Por: Xoves, 23 de Xaneiro de 2014, 14:46 COMENTAR

watch-dogs-atraso

Esta nova xeración vai tirando máis polo online, polo social, e con isto arrastra un dos grandes protagonistas da pasada xa pasada xeración, os DLCs.

Non vou entrar en polémica sobre o por que teño que pagar máis por algo que xa paguei, mais Ubisoft xa confirmou que ese gran esperado por todos, Watch Dogs contará con DLCs:

Si, estamos traballando nos nosos plans de contidos descargábeis agora mesmo, definitivamente temos a intención de facer DLCs. Estamos estudando a posibilidade de lanzalos ao comezo do ano que vén. Hai moitas historias que contar no universo do xogo, e hai diferentes perspectivas que queremos explotar, así que para nós é unha gran oportunidade.

Unha das cousas que estamos explorando é como poderiamos, dentro do mes seguinte ao lanzamento do título, crear máis experiencia xogábel, porque é unha cidade rica e temos montóns de ideas para cousas divertidas que se poderían facer e que non necesariamente están nos nosos plans agora mesmo.

Así que estamos explorando diferentes tipos de experiencia xogábel que podería permitirnos ampliar o mundo de xogo despois do seu lanzamento.

far-cry-3

Parece que cada vez é máis habitual que Sony lance para os usuarios de PS Plus ofertas que ningún xogador debería rexeitar. Tres xogos de Playstation 3 e dous de PS Vita completamente gratuítos.

Deste xeito Sony deu a coñecer cales serán os próximos xogos que entrarán nesta oferta:

Chegan este mes a PS Plus:

  • Far Cry 3 (PlayStation 3)
  • Giana Sisters: Twisted Dreams (PlayStation 3)
  • Dragons Dogma: Dark Arisen (PlayStation 3)
  • Street Fighter X Tekken (PS Vita)
  • Touch My Katamari (PS Vita)

Deixan PS Plus:

  • Assassin’s Creed 3
  • Saints Row the Third
  • Payday: The Heist
  • Urban Trials
  • New Little Kings Story

Son diversos os xeitos de gozar nos sistemas actuais de xogos de corte clásico, sinxelos e sen pretensión algunha de durar para sempre aumentando experiencia en personaxes sen un final determinado. O primeiro que se nos ven á mente son os emuladores e os arquivos de rom, ou se cadra pensades en edicións especiais de colección nas que se recompilan antigos xogos para os sistemas de hoxe en día, como poden ser os “SEGA Classics” ou os “SNK Arcade Classics”. Pois nin unha cousa nin a outra (ou poida que un chisquiño da segunda); nesta ocasión falarei dos “minis”, pequenos xogos feitos ben por creadores independentes ou ben por grandes empresas, pero con características comúns referentes principalmente ao tamaño en disco e ao sinxelo das súas fórmulas, e que se poden conseguir na PlayStation Store para a PSP de Sony.

Nesta ocasión falareivos de tres xogos en concreto sen basearme en nada especial como podería ser prezo, xénero, orixinalidade ou características técnicas. Son tres xogos que probei, que me gustaron e que quero que coñezades.

O primeiro é un “mini” chamado “Coconut Dodge” (evitar cocos) da compañía Futurlab. A idea é simple: ti es un cangrexo que está tranquilamente na praia cando de súpeto empezan a chover cocos, ouros, bolas de praia, diamantes e tesouros variados. Ben, non é a cousa precisamente así, pero facédevos unha idea. Hai que manexar con destreza ao animaliño pola pantalla, recollendo os obxectos de valor e evitando os cocos, que nesta ocasión son “o que nos mata”. As cousas non deixan de caer en series ben programadas e por momentos a estratexia que hai que seguir resulta complicada e “para expertos”. Lóxicamente, canto máis dure a partida e máis tesouros academos, máis alta a puntuación. Como dixen antes, sinxelo. Cando un canse do modo principal de xogo ten o chamado “modo labirinto” ou “maze” como aparece en pantalla, no que no canto de aguantar ata morrer, o xogador ten que acadar unha puntuación mínima nunha serie concreta e normalmente rápida na que a estratexia é fundamental. Estas pantallas especiais deberanse desbloquear no outro modo de xogo según vaia avanzando a cousa. Coidado, que é ben aditivo!

Coconut dodge

Coconut dodge

O segundo “miúdo” do que vou falar é “Spot the differences” (sinala as diferenzas) de Sanuk Games. Penso que non compre dicir moito deste xogo para que vos fagades unha idea case perfecta do que lle agarda ao xogador, pero alá vou: dúas imaxes, unha á esquerda e outra á dereita, en principio iguais pero con cinco pequenos detalles que fan que perdan a condición de xemelgas. E son esas pequenas diferenzas as que hai que sinalar co cursor. Basicamente iso é o que hai que facer unha vez tras outra no que dure a partida, procurando que non remate o tempo antes de atopar todas as diferenzas de cada par de imaxes. Como empurronciño para animar a cousa, ao xogador se lle presentan varios niveis de dificultade que deberán ser desbloqueados no que avanzamos. Logo de xogar un pouco poderemos facelo nas categorías de imaxes que prefiramos en partidas especiais. Non ten máis, pero dende logo a moitos de vos seravos dabondo para poder dicir que paga a pena facerse co xogo. Se lle dabades duro nos recreativos ao “find it!” nas maquiniñas táctiles, vaivos gustar sen dúbida.

Spot the differences

Spot the differences

O derradeiro xogo que vos recomendo é o “Pacman Championship Edition” (Pacman edición campeonato) de Namco Bandai. Unha delicia, sen máis; pódevos gustar máis ou menos o xoguiño do “comecocos” e pode que esteades fartos de xogalo e pode ser que pensedes que non vos pode ofrecer nada a estas alturas do conto, pero paga a pena, en serio. Un “pacman” moi dinámico, cun desenrolo animado e que invita a seguir xogando e reintentando as partidas para mellorar a nosa puntuación, todo grazas (supoño) a pequenas pero importantes variantes con respecto ao orixinal. Nesta ocasión os “puntiños” que o protagonista vai comendo non estarán dispoñibles así por así, se non que aparecerán ao tragar as froitas que aparezan en sitios estratéxicos. Como engadido para os que aínda non teñan razóns dabondo para probalo, están as “medalliñas” que conseguiremos con proezas concretas nas partidas, cada vez máis complicadas de conseguir, lóxicamente. Perfecto título para redescobrir o “Pacman” ou ben para reconciliarse con el se é que lle tiñades algunha clase de teima.

Pacman Championship Edition

Pacman Championship Edition

Nintendo xa anunciara anteriormente que comezaría a vender os xogos retail (os que se venden nas tendas para que nos entendamos todos) a través de eShop, pero as peores sospeitas acaban de ser confirmadas, é dicir, custarán exactamente o mesmo os videoxogos en formato físico que en formato dixital.

Isto abre un amplo debate. Debemos pagar o mesmo por algo que en verdade non temos? Debemos pagar o mesmo a pesar que Nintendo aforra formato,impreso,transporte..? Debemos pagar o mesmo por un arquivo que podemos perder se a tarxeta sofre algún desperfecto?

Moito se ten debatido sobre este tema e o presidente de Nintendo,Satura Iwata pronunciouse ao respecto para defender este tema:

Moita xente valora diferentes cousas. Se dixésemos que esta é a única proposta que ofrecemos, sería un problema, porque non habería opcións para os consumidores. Pola contra, estamos ofrecendo os dous formatos de mecanismos de venta para que o consumidor escolla.

Algunhas distribuidoras pensan que as versións dixitais deberían ser máis baratas, mentres que outras insisten en que as dúas versións deben ter exactamente o mesmo prezo. Deste xeito non é só idea de Nintendo, cada distribuidora ten diferentes ideas sobre este tema, e entre elas, Nintendo ofrecerá ambas versións ao mesmo prezo.