Nintendo-DeNA-Iwata

Hai uns días anunciabamos que a Nintendo daría o salto aos móbiles da man de DeNA. Pois ben, nunha recente entrevista para a revista Time, Satoru Iwata, actual presidente da compañía, dá máis información acerca de como vai ser.

En Memoria Pixelada: «Nintendo dá o salto ao móbil e anuncia nova consola»

En primeiro lugar, Iwata aclara que «imos desenvolver software completamente novo que cadre perfectamente co estilo de xogo e os mecanismos de control dos dispositivos intelixentes». Ou sexa, xogos específicos para móbiles, e nada de portaxes de xogos nin de botóns incómodos na pantalla táctil. Sobre se os xogos serán de pagamento ou free-to-play, declarou que «ara cada título, imos debater con DeNA e decidir o método de pagamento máis apropiado. Deste modo, ambas son opcións posíbeis, e se para máis sae algún novo invento nintendeiro, pois aínda mellor».

No tocante ao desenvolvemento dos xogos, será Nintendo quen leve o maior peso, deixando a DeNA a parte máis técnica de conectividade e adaptación ao mercado móbil. Porén, o grande xenio Miyamoto non estará envolvido nun comezo, xa que «a súa prioridade é o desenvolvemento de títulos de WiiU que verán a luz neste ano». Satoru tamén deu máis pistas do que parece que será o sucesor do desaparecido Club Nintendo, ao dicir que «Estamos a planear o comezo dun novo servizo de membros, o cal poderá ser usado en varios dispositivos, tales como as consolas da Nintendo, dispositivos intelixentes e computadores. Dará comezo en outono deste mesmo ano e será desenvolvido xunto con DeNA.» E que pasará entón co Nintendo ID? Será substituído por este novo servizo, ou convivirán ambos como co antigo clube? Pois «para máis detalles agarden a próximos anuncios».

En Memoria Pixelada: «O Club Nintendo bota o fecho»

Por último, tamén tivo unhas palabras acerca da nova consola, de nome en clave NX: «O motivo por que anunciei “NX”, que a propósito, non está directamente relacionada coa nosa alianza con DeNA, foi porque queria evitar enganos do tipo “Nintendo perdeu a paixón polas consolas propias”, e porque quería que a xente entendese que a Nintendo vai continuar co seu negocio de sistemas de xogo con máis paixón e motivación do que nunca. Síntoo, mais como dixen na conferencia de prensa, non podemos facer máis anuncios acerca da “NX” até o ano que vén».

Nintendo DeNA

Era algo que se levaba rumoreando desde hai moito tempo e que tiñamos un pouco esquecido despois destes último meses de bo facer da compañía nipoa, ata que finalmente hoxe The Verge saltaba coa nova: Nintendo terá xogos en plataformas móbiles, aínda que con matices. Para comezar non será a propia Nintendo a que se ocupe de crear estes novos xogos coas súas, xa coñecidos por todos, personaxes, senón que a encargada será DeNA, unha coñecida empresa do sector, quen se fará cargo de traer á vida estas aventuras.

Outra das cousas que tamén nos quedou clara é que pese a dar este importante paso cara a diversificación de contidos, isto non significa que vaiamos ver ports de xogos para Wii ou Wii U nos nosos móbiles, nin moito menos. A idea desta alianza é facer as cousas ben e que os contidos que se creen para plataformas móbiles sexan pensados desde a concepción para estas, evitando así botóns que ocupan toda a pantalla e adaptacións que deixan moito que desexar fronte ao orixinal. Como dicía, esta acción trátase dunha alianza, xa que ambas empresas intercambian activos, facéndose Nintendo cun 10% de DeNA e esta cun 1,24% da empresa nipoa.

O certo é que se pensamos na última etapa da compañía non é complicado ver xogos que se adapten á perfección ás pantallas táctiles, se botamos a vista ao catálogo actual podemos ver varios títulos que poderían estar no nosos petos sen demasiado esforzo. Un grande exemplo disto pode ser Captain Toad que incluso a máis de un, salvando as distancias, nos lembra a algún coñecido xogo para móbiles. Veremos que nos depara esta nova etapa xunto DeNA que comezará a dar os seus froitos no outono.

Pero esta non foi a única nova que nos trouxo o día, ao parecer en Nintendo xa están a traballar nunha nova consola co nome en clave NX, unha nova máquina que ao parecer contará cun novo concepto de xogo, como foi no seu momento o control da Wii, e da que teremos máis detalles ao longo deste ano.