David-Gaider

David Gaider, veterano guionista de Bioware que participou na creación de Baldur’s Gate 2, Star Wars; KOTOR, e a saga Dragon Age, entre outros, deu unha charla sobre sexualidade e sexismo nos videoxogos na que reparou nalgúns aspectos disfuncionais do tratamento que este importante aspecto recibe nun medio en constante crecemento.

Gaider considerou que a medida que asoman representacións máis realistas das relacións humanas nos videoxogos, é doado que consciente ou inconscientemente os creadores reproduzan condutas sexistas e ideas preconcibidas sobre que modelos de relacións son aceptábeis. Tamén considerou que a industria tende a nadar e gardar a roupa para non afrontar con seriedade certas materias. Neste sentido declarou;

A nosa industria disputa un conflito entre o desexo de ser tomados en serio como forma de arte, e o desexo de evitar o problema de abordar temas sociais porque o que facemos son “só xogos”

Alén da obvia sobreexplotación da sexualidade feminina que abunda en multitude de franquías con fins comerciais, Gaider opinou que ás personaxes femininas se lles esixe sempre a necesidade de probarse a si mesmas para xustificar o seu rol protagonista, como tamén que no tratamento dos grupos humanos considerados “minorías” non acostuman nin participar nin ser consultados estes colectivos sobre as visións que deles se transmiten nos xogos. Todo isto, opinou, debe dar pé a reflexións para avanzar a un reflexo serio e positivo das relacións sociais e sexuais nos videoxogos.

Lembremos que Bioware, e particularmente a saga Dragon Age, vén desenvolvendo unha tarefa pioneira na representación das relacións afectivas e sexuais, incluíndo as relacións homosexuais como unha libre escolla do xogador.