O novo redeseño de PS Vita non chega a Europa

Por: Mércores, 11 de Setembro de 2013, 12:11 1 COMENTARIO

Playstation-Vita-2000

Se fai un par de días anunciabamos que a PS Vita contaría cun redeseño completo no que diminuiría o seu tamaño, así como algunha que outra mellora interna.

Agora Sony acaba de anunciar que a xa denominada PS Vita 2000 só chegará ao mercado Xaponés.

Segundo o portavoz da compañía, están a considerar todas as posibilidades con relación a esta consola, mais polo de momento non hai ningún anuncio para Europa.

Polo tanto xa sabedes, de momento teremos que conformarnos coa versión inicial de PS Vita, aínda que non me sorprendería en absoluto que nun futuro, non moi lonxano, PS Vita 2000 chegase a territorio europeo.

Canción ilustrativa dos motivos polos cales non debes comprar nunca unha videoconsola no lanzamento.

Vía | Geeks are Sexy

Aquí é onde se presentará a nova Xbox

Por: Martes, 14 de Maio de 2013, 17:09 COMENTAR

The house that Xbox built is underway, hopefully we get better weather by the 21st. #XboxRevealMicrosoft anunciou cun par de fotos cal será o lugar onde presentarán á sucesora da Xbox 360. Moi espectacular non é, esperemos que o evento si.

Super Nintendo, e unha bágoa que cae

Por: Mércores, 14 de Decembro de 2011, 20:47 COMENTAR

(Vía: Mundo-retro)

Como funcionan as 3D da Nintendo 3DS?

Por: Xoves, 9 de Setembro de 2010, 22:27 2 COMENTARIOS

Como saberedes, a nova portátil de Nintendo vai traer a capacidade de mostrar imaxes tridimensionais directamente. Isto é, non van ser necesarios ningún tipo de anteollos especiais. Pero… como é iso posíbel?

– Por que se ven as cousas en 3D?

O efecto 3D é un efecto óptico. Trátase de enganar ao ollo pensando que existe profundidade nunha imaxe plana. Isto lévase facendo dun xeito rústico toda a vida, por exemplo nos cadros pintados ao óleo, onde o artista xogando con sombras e tamaños crea a ilusión de que hai cousas en primeiro plano e outras máis atrás, cando en realidade o cadro é plano.

No caso do que se coñece hoxe en día como 3D é un chisco diferente. A visión tridimensional dos animais vén do feito de termos dous ollos. Na vida real cada ollo recibe unha imaxe lixeiramente distinta dada a súa posición diferente na cara e despois o cerebro encárgase de montalas e crear a imaxe que vemos finalmente. Para comprendelo tapade o ollo esquerdo e, acto seguido e sen mover a cabeza, destapádeo o tapade o dereito. Vese que a perspectiva é diferente segundo vexas cun ollo ou co outro.

Pois as pantallas 3D fan iso, mostran unha imaxe diferente a cada ollo para que o cerebro as monte creando unha ilusión. Isto pódese facer de varios xeitos, como o mítico das fotos que se vían cuns anteollos que tiñan un plástico vermello e outro verde, un para cada ollo. Iso impedía que cada ollo vise certas partes da imaxe, o que creaba unha perspectiva da imaxe diferente para cada ollo que o cerebro unía creando a ilusión das 3D. (Ai, míticos fascículos de dinosauros da miña tenra infancia…)

– Como se poden ver 3D sen anteollos?

Fronte ao método habitual con anteollos, chamado estereoscopía, existe un outro método que recibe o nome de autoesteroscopía. A autoesteroscopía é, de xeito xeral, toda a tecnoloxía que permite ver imaxes con sensación de 3D directamente na pantalla. Actualmente, o método que se usa para isto é Parallax Barrier (barreiras de paralelaxe). E este é, meus amigos, o método que usa a Nintendo 3DS.

– Si, si, moi interesante todo iso… pero como carallo funciona?

En primeiro lugar non hai motivo para ser tan groseiro coas preguntas. E que é iso de usar palabróns? Non ves que este blogue pode ser lido por nenos?

Pois ben, o método este das barreiras de paralelaxe é simple. Entre a pantalla de cristal líquido e a luz de detrás ponse unha barreira descontinua. Esta barreira provoca que cada ollo vexa unha imaxe diferente, que ao se uniren no cerebro crearán a sensación de 3D. Para comprendelo, sería como unhas reixas. O ollo dereito non pode ver certas partes do que hai detrás delas que si pode ver o ollo esquerdo e vice versa. Fagamos unha experiencia para velo: Colle un lapis e pono a media distancia entre a túa vista e o computador e fixa a vista neste texto. Se fechas o ollo esquerdo verás que o lapis tapa unha parte deste texto, se fechas o dereito verás que o lapis tapa outra parte distinta do texto, e se abres os dous verás que o lapis se ve esvaido e consegues ler todo o texto sen problemas. Pois iso a un nivel moito máis pequeno é o que fai o efecto.

Isto ten outra vantaxe, que é que se pode desactivar ou activar o efecto pondo ou quitando a barreira. Así, podemos escoller entre ver a imaxe en 2D ou en 3D, cousa que non permite o método dos anteollos. Incluso, regulando a barreira, pódese regular a intensidade do efecto.

– E se este método é tan abraiante, por que non se usa nas TV e nas salas de cinema?

Porque ten moitas eivas insalvábeis polo momento. Para comezar, tes que situar a pantalla totalmente recta defronte de ti, non vale outro ángulo de visión. Á parte, a pantalla non pode estar a máis de 60 cm dos teus ollos, porque a máis distancia tamén deixa de funcionar o efecto.