Uns días antes do seu lanzamento, coñeciamos que a produción do Grand Theft Auto V custara algo máis de 265 millóns de dólares, converténdose así no xogo máis caro da historia, superando á maioría das superproducións de Hollywood.
O día despois do seu lanzamento, a compañía Take-Two Interactive anunciou que o xogo superara os 800 millóns de dólares de recadación en todo o mundo, converténdose no xogo que máis vende no seu día de lanzamento e superando, con moito, os 500 millóns do Call of Duty: Black Ops 2, que ata agora ostentaba ese récord.
Pero as cifras non se quedan aí. Esta mesma fin de semana, a compañía anunciaba que xa superaran a simbólica cifra dos 1.000 millóns de dólares, co que parece que recuperarán, con moito, a astronómica inversión feita.
Segundo as verbas de Strauss Zelnick (@strausszelnick), CEO de Take-Two:
“Grand Theft Auto é un fenómeno cultural e RockStar Games continúa a redefinir o que se pode lograr no entretemento interactivo.”
“Todos en Take-Two estamos emocionados coa resposta inicial do Grand Theft Auto V. Unha vez máis, o equipo de RockStar Games superáronse, establecendo un novo nivel de creatividade, innovación e excelencia para a industria do entretemento.”
“Estamos moi orgullosos do logro creativo de RockStar Games e non podemos estar máis satisfeitos co seu éxito no lanzamento.”
Pronto vos traeremos a nosa análise do xogo, pois preferimos botarlle un bo vistazo a fondo antes de facer unha valoración do mesmo.