Existen pola Internet moitos fakes de filmes baseados en videoxogos, como o xa comentado Pokémon Apokélypse ou a brincadeira de Zelda do 1 de abril. Por desgraza, este non é o caso.

Parece ser que no ano 1993 algúns produtores de Hollywood opinaron que a infancia dos cativos estaba a ser demasiado feliz, polo que decidiron argallar algo. Apañaron un videoxogo de éxito, desfiguraron a historia, situárona nunha realidade que non é a propia del, modificaron as personaxes e deseñaron un argumento que só pode ser concibido por persoas nun estado alterado de consciencia por causa do consumo masivo de estupefacientes. E así, donas e cabaleiros, saíu tamaña bosta.

Para quen queira deleitarse con esta obra mestra da inmundicia, está dispoñíbel en galego para a súa descarga no foro Os Arquivos da Meiga. Védea e xa me contaredes 😉