Battle City (NES)

Por: Luns, 4 de Outubro de 2010, 16:18 1 COMENTARIO

Non podo deixar de falar de este título por varias razóns, a primeira porque foi un dos primeiros xogos que probei, a segunda porque podo decir que foi un dos títulos que máis horas me fixo divertir diante da televisión e a terceira porque foi un dos primeiros títulos en permitir xogar a dous xogadores na mesma pantalla, polo que a duración era prácticamente infinita, e tede en conta que de aquela internet non existía.

battle city 1

Empecemos polo principio. Battle City naceu aló polo ano 1985 para a plataforma NES, e non só foi un dos primeiros títulos que apareceu para esta incríbel videoconsola, se non que trouxo novidades suficientes como para captar a atención do xogador,e  no meu caso, vaia se o conseguíu. Está claro que nesta época o argumento nestes xogos arcade era innecesario e superficial, no que primaba a diversión directa (gustaríame saber que opinan agora os desenroladores de moitos xogos, xa que o cambio foi radical entre a finalidade dos videoxogos de antes e os de agora).

Battle City poñíanos na pel dun tanque o cal debía impedir que atacasen a súa base, así debía disparar e eliminar ao resto de tanques inimigos antes de que o fixesen eles, e para isto tiñamos varios ítems que nos axudaban, como aumento do noso disparo,velocidade, paralización dos inimigos,escudo… como vedes a variedade era bastante elevada. Pero aínda que tiñamos todas estas axudas, os inimigos eran moitlo máis numerosos e existían diferentes tipos que nos poñían as cousas complicadas.

Así,no longo de 35 fases debiamos poñer a proba a nosa pericia para conseguir salvar cada pantalla.

battle city 2

Pero como xa dixen no principio, Battle City foi un dos primeiros videoxogos en incluír un multixogador, e deste xeito pasei horas e horas xunto ao meu irmán pasando fase tras fase, e detalles como a paralización do noso compañeiro se lle disparabamos por casualidade, facía que houbese certo pique entre nós para conseguir a máxima puntuación (cada tanque destruído conlevaba un premio en forma de puntos).

Pero non só iso, se non que este divertido xogo traía a posibilidade de crear as nosas propias fases e pantallas, que tendo en conta que estamos no ano 85 cando saíu, foi todo un adianto na súa época.

Un xogo que marcou a miña infancia e que non podía deixar de aparecer no noso recuncho de xogos retro.