sony-playstation-now
Tal como anunciou Andrew House durante a presentación de Sony na feira de electrónica de consumo CES que se está a celebrar en Las Vegas, o novo servizo PlayStation Now permitirá desfrutar dos títulos da PlayStation 3 e PlayStation 2 en numerosos dispositivos de Sony, como smatrphones e tablets Sony Xperia, SmartTV’s Sony Bravia, PS Vita e PlayStation 4 e, en certos casos, nalgúns dispositivos con conexión a Internet doutras marcas.

O lanzamento está previsto para o vindeiro verán, pero este mesmo xaneiro lanzarán unha versión de proba. Polo de agora, só estará dispoñible nos Estados Unidos e non hai data de lanzamento prevista en Europa.

Segundo o anuncio, este novo servizo permitiranos, por exemplo, pausar o xogo nun dispositivo no salón para seguir xogando noutro na nosa habitación.

Polo de agora non se coñecen nin as tarifas que terá o servizo, nin como se controlará o xogo nestes novos dispositivos.

ps4 dual
Como case todas as consolas no momento do seu lanzamento, cada nova videoconsola PlayStation 4 suporá unha pequena perda de diñeiro para a compañía Sony.

Segundo comentou o seu directivo, Masayasu Ito, bastaralles con vender unha subscrición PS Plus e un videoxogo de lanzamento para volver a ter beneficios, así que parece que as perdas serán mínimas.

Como xa comentara Andrew House en agosto: “A PlayStation 4 non xerará as perdas da súa predecesora, a PlayStation 3”.

No momento do seu lanzamento, cada unidade da PlayStation 3 creaba unha perda de entre 240 e 300 dólares, dependendo do modelo. Segundo as cifras oficiais, ese lanzamento supuxo para Sony unhas perdas duns 3.500 millóns de dólares nos anos 2007 e 2008.

Coa lección ben aprendida, desta vez a compañía nipona non quixo repetir os erros do pasado e axustou mellor os custos de produción de cada unidade da súa nova PlayStation 4.