Amnesia: The dark descent

Por: Xoves, 2 de Xuño de 2011, 7:04 2 COMENTARIOS

É moi común que todos desfrutemos dun pequeno medo controlado, e o videoxogo non é alleo tampouco a isto. Xogos como Resident Evil ou Alone in the Dark deron sustos a toda unha xeración, pero o xogo aquí analizado muda de maneira radical a idea de entender e comprender o xénero de terror nos videoxogos.

O candil vai ser o teu único amigo, tómalle cariño

En Amnesia a túa misión non é matar os bechos que aparecen, non. Todo o contrario, non tes ningunha arma con que defenderte e a túa única posibilidade para sobrevivir é agocharte ou fuxir. O mesmo xogo te advirte dende o principio que te deixes somerxer nel e que actúes como o farías na vida real, e non nós vaiamos enganar, se na vida real ouvimos de noite nun castelo semiabandonado uns gritos no ar, para logo ver una figura misteriosa abalanzarse sobre nós, todos fuxiríamos, aínda tendo de arma unha dobre recortada, aínda máis se o único que temos é unha triste lámpada de aceite (que se esgota rapidísimo para máis inri).

A historia do xogo comeza con Daniel, o protagonista espertando nun castelo prusiano, amnésico e o borde da tolemia. O noso obxectivo será axudar a Daniel a recobrar as súas lembranzas do suceso que o levou a estar no seu miserento estado actual, e isto conseguirémolo explorando o castelo, interactuando cos obxectos e resolvendo quebracabezas.

Ideal, ideal para facer unha verbena

Porque si, a efectos xogables Amnesia: The dark descent non deixa de ser unha aventura gráfica en primeira persoa das de toda a vida con algún engadido máis, sen  quebracabezas especialmente enxeñosos e cun sistema de xogo que non se afasta de habitual “apunta e preme”. Pero o que o fai especial é a súa ambientación, traballada até máis non poder, para que teñas que estar en garda continua e que consegue levarte por onde o xogo quere que ti vaias.

Podo asegurar que esa ambientación e ese traballo realizado para que interactues co xogo como na vida real está tan logrado que aos dez minutos de xogar, xa necesitaba unha manta e un chocolate quente para recuperarme da sensación. E isto é outra, o xogo non vive como os Resident Evil deses sustos espaciados, non (aínda que tamén os ten), se non que é quen de crear unha atmosfera de terror constante, axudada polos movementos da cámara que reaccionan cos do protagonista e que non para de tremer ou botarse ao chan a causa dos seus nervios.

En resumo: Amnesia é un xogo relativamente simple que cun orzamento moi axustado, consegue facer o que pretende facer, que mudemos os calzóns cada media hora de xogar e só por iso xa merece un gran aplauso, pero ao mesmo tempo dende a miña visión revoluciona por completo o xénero de terror.