Preguntarédesvos o por que deste título. Pois é sinxelo, o Aliens Colonial Marines está a ser desenvolvido por Gearbox Studios, pais da saga Brothers in Arms. E algún destes xornalistas “intelixentes” pensou, “esta compañía especializada en estratexias a tempo real de escuadróns e tal será capaz de facer o mesmo con Aliens Colonial Marines?”.

De verdade pensaba que ían facer un xogo coa técnica de Brother in Arms..? Pois o bo de Randy Pitchford presidente do estudo respondeu ironicamente que sería moi complexo flanquear un alien, polo que Aliens Colonial Marines sería un xogo moi diferente aos que acostumamos realizar.

Tamén aproveitou para engadir que pretenden que sexa un título accesíbel cunha interface clara e directa, porque segundo dixo “non se poden facer estratexias militares para sorprender a un alien”. Alén diso, preténdese que nos combates actúen decenas de “bichos con sangue ácida”, polo que sería moi complexo pórse a planificar estratexias.

Non sei como vai acabar este proxecto, mais se é tan mao como o Aliens vs Predator (xogo que non dei acabado polo tedioso que me pareceu) non paga a pena dedicarlle tanto tempo. Mais como sempre, teñamos un pouco de fe.