zelda between worlds 2

Se a Nintendo non lle saen as contas coa perda incesante de seguidores, é o suficientemente intelixente para saber que os que quedan debe darlle algo que xustifique este feito, e faino da forma que mellor sabe facer, seguindo lanzando títulos das súas sagas máis emblemáticas, pero isto, hai que recoñecelo, fáino de maneira insuperábel.

Baixo unha continuación de A Link to the Past (outro dos Zeldas obrigatorios) chéganos A Link Between Worlds, no que volven a secuestrar á princesa Zelda e que deberemos rescatar. Mais non é un secuestro habitual, senón que desta volta téñena cautiva nun cadro despois de convertela en pintura mediante un feitizo.

Así deberemos botar man da Triforza e dos poderes que Link irá conseguindo para superar todas as mazmorras que atoparemos ao noso paso. O xogo en si non é unha segunda parte de A Link to the Past, mais si que colle moitísimas influenzas, dende o mapa até a xogabilidade, pero como manter a calidade dos Zelda e ao mesmo tempo ser orixinal?

Aquí Nintendo fixo os deberes e aprobou con sobresaínte, porque ofrecen unha nova habilidade ao xogador, a posibilidade de converterse en pintura e así percorrer calquera superficie plana dentro da propia parede.

zelda between worlds 3

Este feito abre un enormísimo feixe de posibilidades, mais onde máis se nota é á hora de superar cada mazmorra. As mazmorras neste xogo son sublimes (quizais non ten complexas como noutros títulos, xa que raramente te trabas), mais a súa resolución é unha gozada. Cambio de planos verticais, posibilidade de camiñar dentro das paredes, enorme cantidade de obxectos que empregar e sempre cuns monstros finais, tamén moi doados, mais que debemos buscar o seu punto feble para derrotalos.

SUBLIME este apartado.

Mais se isto non vos parece suficiente, tamén temos a posibilidade de cambiar de dimensión, é dicir, a través dunhas aberturas que atoparemos en Hyrule chegaremos a un mundo paralelo denominado Lorule, no que habitan monstros de todo tipo e a perigosidade aumenta de maneira proporcionada. Tan ben implementada está esta opción, que incluso hai puzles nos que deberemos xogar coas dúas e cambiarnos entrando pola abertura correcta para chegar a solucionalo.

E todo isto coa liberdade absoluta, xa que por primeira vez teremos todos os nosos obxectos dende case o inicio da aventura, grazas a un peculiar personaxe que nos alquila e posteriormente nos vende tales obxectos como martillo, arco, bombas, etc.

Así, temos dous enormes mapas que investigar e con todos os nosos ítems case dende o inicio da aventura.

Se sodes dos que non vos gusta a linealidade e preferides avanzar superando misión secundarias, tamén estades de noraboa. Falando cos habitantes pedirannos que lles axudemos a realizar algunha fazaña, outros retarante a unha carreira, esquivar “galiñas”… e nunca sen esquecernos que por todo o mapeado están escondidos partes de corazóns, que se as atopamos alongamos a nosa barra de vida.

E por se fose pouco todo isto, coñeceremos a unha estraña criatura que nos perdirá se podemos atopar a todos os seus fillos denominados “mai-mais”, un total de cen criaturas escondidos nos lugares máis insospeitados entre Hyrule e Lorule.

Como podedes comprobar, o xogo ofrece moitas posibilidades que aumenta a súa duración considerablemente.

No referente nao apartado técnico Nintendo vove estar á altura, cuns efectos do 3D moi logrados (nótase como xa van collendo práctica) que incluso nos axuda a solucionar algunha mazmorra e cuns gráficos moi bos para a portábel de Nintendo. O colorido non falta, as texturas moi ben recreadas e aínda que a vista é cenital, a cámara ofrécenos sempre o que debemos ver, e o que non, xa está feito a posta para que o atopes pola túa conta.

Zelda Between Worlds 4

O son volve namorar, non só pola xa clásica musiquiña de Zelda, senón por toda a banda sonora que nos axuda a introducirnos no título.

Así, The Legend of Zelda: A Link Between Worlds é un xogo redondo, absolutamente obrigatorio para todos que teñan unha Nintendo 3DS. O único punto feble pode ser a dificultade que queda por debaixo que outros títulos, certo que para atopar algún ítem secundario quizais tardes, mais no referente á resolución de mazmorras é bastante sinxelo, unha forma máis de seguir namorando aos casual gamers.

De todos os xeitos só hai unha afirmación que sacar desta análise:

Tes unha Nintendo 3DS? Entón tes que ter este xogo.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=91|SON=95|XOGABILIDADE=95|DIVERSIÓN=99|DURACIÓN=93[/puntuacion]