Memoria Pixelada fai 2 anos

Por: Luns, 4 de Abril de 2011, 9:01 4 COMENTARIOS

Certo día como hoxe fai xa un par de aniños estreaba Memoria Pixelada cun post que mencionaba a posibilidade de ver a segunda parte de Beyond Good & Evil.

Pois ben, do xogo aínda non sabemos nada pero de aquel día a hoxe as cousas por este recuncho cambiaron moitísimo.

Memoria Pixelada comezou a medrar pouco a pouco, e todo isto grazas a todos aqueles que seguen esta páxina diariamente, e como non, os que colaboran na web coas súas aportacións pixeladas.

Neste aspecto teño que resaltar este segundo ano, xa que foi un ano de cambios, de modificacións, de estreas… e todo isto débese a incuestionábel axuda e unións á plantilla da páxina.

Polo tanto quédame agradecer a colaboración de AmilGZ (sempre procurando mellorar o aspecto de Memoria Pixelada),Donatica,NetOverFlow,David Holm,Odinnet e a última unión a esta tolería, aPeleteiro. Todos intentamos falar deste mundo dende a nosa perspectiva e criterio propio, e deste xeito seguiremos. Sobra dicir que estou inmensamente agradecido a súa colaboración, a súa participación, xa que con eles deixei o camiño da soidade para sentirme acompañado nesta viaxe de píxeles.

Neste ano tamén cambiamos para un novo dominio, e isto débollo a Marcos, que servíu para darlle un toque máis profesional á páxina.

Por suposto non me podo esquecer de Leo (a ver para cando outra colaboración?) nin de Marcus, que cando non sabía absolutamente nada de blogs, el solucionoume a maior parte dos problemas. Grazas de verdade.

E como non, agradecer de novo a todos os lectores que ledes Memoria Pixelada día a día, que deste xeito conseguistes que este proxecto leve vivo (e cada vez con máis forza) dous anos completos.

Moitas grazas a todos e espero seguirvos vendo por esta zona, comentando,criticando,opinando,berrando…e así ata o terceiro aniversario.